Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Roberta Vázquez: ¡Socorro!

Un berro divertido e reivindicativo

Unha das mellores cousas que ten o outono, ademais das castañas, é a rentrée editorial. Son meses nos que se publica moita cousa interesante, todo un Nadal (inserir, en todo caso, a festividade predilecta) por adiantado. En outubro, Roberta Vázquez deu á luz a súa primeira novela gráfica, ¡Socorro!, unha marabilla moi tola e xeracional, como adoita ser habitual no seu traballo.

Nacida en Santiago de Compostela, 1989, Roberta estudou Belas Artes na Facultade de Pontevedra, aínda que o seu estilo gotexa ilustración pura. Colaborou con moitas revistas e publicacións ( VICE, Tentaciones de El País, Mongolia, La Voz de Galicia, Cactus?) mentres non paraba de crear fanzines como Museo Joyildo, Desubicado, Diosa licántropa, Pizza y sofá e o seriado Bob y sus amigos. Nesta ocasión preséntanos, pois, ¡ Socorro!, publicada por Apa Apa Cómics: trátase dunha novela gráfica coral protagonizada por alimentos antropomorfos que sofren as vicisitudes do cotián e maisa precariedade da vida moderna. Sen dúbida, un texto moi representativo da xeración máis amentada da historia: a millennial

A metáfora do parto non é gratuíta. Como ela mesma recoñece, foi un proxecto longo e laborioso que tivo que compaxinar con outros traballos. Afeita ao mundo fanzinero e cunha única novela gráfica publicada de 56 páxinas, Havarti Party (Fosfatina, 2015), o salto ao formato longo custoulle ben.

Inicialmente, o cómic ía estar centrado en Pepperoni Boy, unha porción de pizza que triunfa en YouTube por dar consellos de como (mal)vivir sendo pobre, e un habitual nos fanzines da autora, ao que consideraba merecedor dunha historia completa propia. Foi así como empezaron a nacer o resto dos personaxes: un pemento tolo atrapado na explotación laboral, un xeado de amorodo runner e influencer que domina a arte da pose, unha rosquilla cunha ETS por unha mala noite? Ata un pretzel ilustrador f reelance, alter ego da propia Roberta Vázquez, que conta as miserias da vida do autónomo, a loita por revalorizar o seu traballo e a súa conversión en cobrador do frac cada vez que emite unha factura; personaxe co que moitos dos seus seguidores e seguidoras e colegas de profesión poderán sentirse moi identificados. Todo un elirio delicioso de personaxes, xa que logo, que viven e sofren os males da nosa sociedade: a situación insostible do prezo da vivenda, que obriga a compartir eternamente pisos lamentables; a precariedade laboral e sentimental; o machismo; a vaidade e a pose en Internet; o consumo, e a obsolescencia programada nas relacións.

A través das diferentes aventuras das súas criaturas, Vázquez consegue un cadro costumista contemporáneo tratado con frescura e moita retranca. Porque aínda que a autora leve xa uns cuantos anos vivindo en Barcelona, está claro que o humor galego segue moi presente nela. A primeira mostra témola xa na contraportada: "O libro que as froitas ecolóxicas e as pizzas artesás non queren que leas."

Certamente,Roberta Vázquez non decepciona. Se tes antollo de crítica social disfrazada de trivialidade, servida cun toque de ironía, aderezada con humor absurdo e actual e acompañada de moitas risas? daquela, este é o teu prato!

Festival Lucca

  • Entre o 30 de outubro e o 3 de novembro tivo lugar a quincuaxésima terceira edición do festival Lucca Comics and Games. Trátase dunha convención internacional dedicada ao mundo da banda deseñada, a animación, os xogos (de mesa ou videoxogos), a fantasía e mais a ciencia ficción e que se celebra anualmente na localidade de Lucca, na Toscana. A súa importancia non só radica na súa tradición: o de Lucca vén ser o festival deste tipo máis grande de Europa -e o segundo do mundo, detrás do Comiket de Tokio- e ten lugar ao longo de cinco días e máis de 30 000 m2 de exposicións, encontros con autores, proxeccións, xogos, concertos, talleres.. e, como non, un gran mercado de tendas especializadas que ocupan gran parte da cidade. Cada edición artéllase sobre un tema. Desta vez foi Becoming Human, un manifesto cultural que se desenvolve ao redor da pregunta "Que nos fai humanos?" Entre os protagonistas, houbo moitos invitados nacionais e internacionais como Alessandro Bilotta, Luca Carboni, Simone D' Armini, Ryan Ottley, Jeff Grubb e Andrea Lanfri. E, por primeira vez en Italia, o mangaka Hirohiko Araki, creador de JoJo's Bizarre Adventure, obra que acadou gran éxito en Italia.Así mesmo, o suplemento cultural Robinson do xornal La Reppublica tivo un oco no festival cunha programación moi especial que incluíu o sonado personaxe Dylan Dog, de Tiziano Sclavi, e a obra do autor Zerocalcare. Como nas edicións anteriores, dedicouse unha área ao Xapón e ao manga, comisariada este ano por Paolo Linetti, director do Museo de Arte Oriental Mazzocchi.Adiantáronse tamén grandes e esperadas estreas de cine, como a segunda parte de Zombieland, Star Wars: The Rise of Skywalker ou Doctor Sleep, secuela de O resplandor (Stanley Kubrick, 1980).

Compartir el artículo

stats