Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un volume impagábel

Condensando esplendores

Un volume impagábel

Algunha vez ocorre que chega ás miñas mans un libro impagábel. Contemplalo e lelo resultan actos simultaneamente conmovedores. Isto sucédeme con Sementeira Porträts de Manuel Álvarez (A Guarda, 1954) e Manuel Rivas (A Coruña, 1957). Coñecín o primeiro alá polos anos 90 en Xenebra. Axiña descubrín a súa paixón pola fotografía e a súa enorme sensibilidade artística. Tamén trabei coñecemento da Sociedade Galega Sementeira, afincada en Basilea e integrada por emigrantes indómitos, completos de entusiasmo e de amor pola Terra vernácula. De Manuel Rivas tan só me cabe dicir que é un escritor total, que destila poesía e lucidez en cada texto que escribe, dono absoluto dunha lingua que manexa como ourive. Da unión de ambos nace o volume que agora comento.

Sementeira Porträts son corenta e dous retratos fotográficos onde Manuel Álvarez capturou a luz da alma das persoas, todas elas membros da sociedade galega na Suíza. Cantas historias resumidas nunha enruga, canta narrativa indócil nun ollar, canta dolorosa aprendizaxe nun sorriso e felicidade agachada nun aceno, e a saudade parada nas pupilas, e o orgullo como un país tranquilo nas mans traballadoras que se cruzan. Luces e sombras como mapas do corpo e dos sentires. Cada estampa supón unha intromisión nas fronteiras borrosas do espírito para outorgar máis claridade ás cousas. Imaxes como climas dun branco e negro que revelan a fluencia da vida.

Cada fotografía vai acompañada dun poema de Manuel Rivas. A maioría achéganse ao haiku ou ao aforismo. Na súa brevidade condensa momentos de esplendor: "Ruibén do solpor,/enfiar lusco e fusco./Tule de ceibes"; reflexións insondábeis: "Entre todos os recursos,/os da mirada./O de querer ver./O ver do querer"; estados de fondura emocionada: "O rumor compañeiro das voces,/a inquedanza das palabras cando emigran"; e mesmo profecías mesiánicas: "Pousará o sal da terra nos nosos ombreiros/e camiñaremos./Á espreita, camiñaremos./Mentres durmimos, camiñaremos". Díxeno antes, impagábel.

ÁLVAREZ, Manuel/RIVAS, Manuel, Sementeira Porträts, S.C. Sementeira, Basilea, 2019, PVP. 20 ?

Compartir el artículo

stats