Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Dous Nobel comprometidos

Letras de Olga Tokarczuc e Peter Handke

Os escritores Olga Tokarczuc e o autor Peter Handke, galardoados co Nobel de Literatura do ano 2019. // dEbuxo: fundación nobel

A relativa debilidade do noso mundo editorial e, moi especialmente, a limitación de olladas da crítica cultural española en xeral (e asumimos a nosa cota de mea culpa) ponse a proba cando a Academia Sueca fai públicos os Nobel de Literatura, a única disciplina premiada vinculada ao consumo popular. E isto vén de suceder novamente, non tanto con Peter Handke como con Olga Tokarczuc, galardoados simultaneamente despois de que en 2018 o premio non se concedese polo escándalo de índole sexual dalgún membro do xurado.

Esta escritora polonesa é unha das premiadas máis novas da historia dos Nobel de literatura. Nacida en 1962, estudou psicoloxía e comezou a traballar no ámbito da saúde mental. En paralelo, as súas influencias literarias non eran alleas á reflexión sobre os conflitos da mente humana: Poe, Jung ou Chékhov, entre outros. A súa primeira novela, A viaxe dos homes do Libro (1993) obtivo o premio da Asociación Polonesa de Editores.

Anos despois gañou por dúas veces o premio literario Nike (recentemente obtido por outro escritor polonés, Mariusz Szczygie?). Tokarczuc escribiu novela, relatos breves, ensaio e poesía. Escritora prolífica e de éxito en Polonia, a súa lectura resulta difícil malia que empregue unha linguaxe sinxela e rica e un pensamento incisivo e erudito, en palabras de Maciej Stasinski.

Pero tal vez unha das razóns polas que Olga Tokarczuc é popular no seu país, é a condición de auténtica "besta negra" do réxime que a dereita ultranacionalista quere impoñer en Polonia. Desde a súa timidez, non esquece a defensa dos débiles e das mulleres. De aí o seu compromiso co dereito ao aborto, da chegada de refuxiados, do sistema escolar polonés e da pertenza á UE. Nese senso, non dubidou en denunciar os intentos dos ultranacionalistas de falsificar a historia de Polonia. E así o expuxo cando a súa novela Os libros de Xacob obtivo o principal premio literario daquel país.

Da súa parte, o austríaco Peter Handke (nacido en 1942) tamén representa, dalgún xeito, un espírito aberto á pluralidade. Cando decidiu tentar a carreira de escritor, optou por facelo en lingua alemá, a do seu pai, en troques de facelo na da súa nai, o esloveno.

Ben axiña foi coñecido polo seu teatro de vangarda ( Gaspar, Insultos ao público -que foi polémica- e, sobre todo, por O discípulo quere ser titor). Naqueles anos escribiu a súa primeira novela ( Os avespóns, 1966). Pasou tempadas longas en París e Estados Unidos e tal vez a súa escrita gañou en lucidez e, ao tempo, en introspección. De regreso a Austria, alertou do crecemento da extrema dereita e regresou a París cando se soubo que o austríaco Kurt Waldheim, daquela secretario xeral da ONU, fora oficial nazi.

Nas súas obras non fuxiu das súas circunstancias persoais. Así, da súa experiencia infantil escribiu A repetición e das lembranzas eslovenas, A noite do Morava. Motivo que o levou a un exercicio de profunda introspección en Carta breve para un longo adeus (1972), collendo o modelo dos románticos alemáns da novela de formación pola experiencia vivida ( Entwicklungsroman). Exercicio que seguiu en O peso do mundo (diarios 1975-1977). Da súa experiencia americana escribiu Lento regreso (1979).

Pero seguindo o espírito das súas obras de teatro de mocidade, nunca fuxiu da polémica: Son un habitante da torre de marfil (1972) ou Cando desexar aínda era útil (1974) contra a frialdade da arquitectura moderna (a Défense de París, por exemplo). Ata completar unha lista de case trinta ensaios, máis de vinte novelas, outras tantas obras de teatro e cinco de poesía, e a dirección de dúas películas.

Cando nos 90 estouparon as guerras na antiga Iugoslavia, denunciou os bombardeos contra Belgrado feitos por avións da OTAN (entre eles os de Alemaña). Esta toma de compromiso foi manipulada como se Handke dese apoio ao expansionismo serbio. Confirmou a súa defensa daquela pequena "unidade europea" que foi Iugoslavia e os intereses que houbo para rompela.

Compartir el artículo

stats