Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Con Son d´Aldea

Unha experiencia de Animación Teatral

Un dos momentos na edición da experiencia do presente ano.

Na parroquia de Santiago de Albá, concello de Palas de Rei, nas terras da noutrora poderosa Casa de Ulloa, celébrase todos os anos, no inicio do mes de setembro, unha interesante actividade que durante varios días quere por en valor as moitas tradicións que aínda atesoura a nosa cultura rural, pero tamén a riqueza do noso patrimonio natural, que vai camiño de desaparecer, en parte debido ao cultivo de especies como o eucalipto que trae algún pan para hoxe e fame abonda para mañá. A denominación da festa xa é unha declaración do que cabe agardar, pois afirma unha condición e un sentimento de pertenza que ata ben pouco moitas persoas agochaban ou negaban.

Son moitos os acertos desta experiencia que se vén celebrando desde 2011, cando un fato de persoas decidiron trasladar á súa aldea algunhas prácticas que se viñan desenvolvendo noutros países, engadíndolle todo canto unha aldea pode achegar, que é moito. Certo que hai outras experiencias de Animación Teatral de espazos históricos, algunhas notables, pero esta de Albá posúe trazos moi específicos. Ademais de actividades diversas que enchen dous días intensos de inmersión na vida cotiá dunha aldea, queremos falar agora o roteiro teatral que a modo dun vello drama en estacións nos vai levar por camiños e corredoiras, para que saibamos das moitas historias e curiosidades que sempre atesouran os nosos lugares. Unha experiencia de teatro comunitario do que imos destacar aspectos diferenciais.

En primeiro lugar, a dimensión interxeracional, pois na mesma participan en ocasións familias enteiras con todas as franxas de idade que poidamos imaxinar. E non se trata de facer unha foto, senón de armar historias, ensaialas, preparar o espazo onde se van mostrar, ensaiar nese espazo, e, en consecuencia convivir, xogar, falar e partillar. Un fato ben grande de xente, máis de cen persoas, que se sinte unida por un sentimento común, e que xera unha dinámica participativa que acariña a vida e as lembranzas das xentes, dos lugares, das cousas.

En segundo lugar, a posta en valor da historia e das historias, en moitas ocasións retallos da vida de persoas que mocearon, que foron amas de cría, que traballaron de afiadores e paraugueiros, ou que aínda manteñen a vella arte da cestería, un oficio, coma tantos, que se vai perdendo, agora que nos prados xa non hai quen coide das vimbieiras. Vellas historias de cando os galegos ían segar o trigo a Castela, ou cando por ser probes tiñan que ir á guerra, ou dos moitos caseiros que houbo en Galicia, traballando por ben pouco as terras dos señores, o que engade aos relatos que se van enfiando aquí e acolá unha forte dimensión crítica, para que non se perda a conta do que foi e das causas de que uns teñan tanto e outros tan pouco.

En terceiro lugar, a presentación como fonte de riqueza no eido da experiencia do noso patrimonio natural e cultural, pois ao longo de todas estas edicións os responsables de Son d´Aldea van procurando roteiros nos que se van tecendo eses contos, lendas e historias, mentres o público vai camiñando de vagar e gozando dunha beleza difícil de describir, cando algún exemplar da nosa fauna se cruza polo camiño, como unha pega rebordá ou marza, ou cando marabillamos co castelo de Pambre.

O roteiro, que comeza coas primeiras horas da mañá, remata cun xantar ao abeiro de castaños e carballos, no que comparten mesa, fala e xantar, asistentes e participantes, e no que se pode apreciar aínda máis a dimensión comunitaria da festa. Un fito na Animación Teatral que veñen programando persoas moi comprometidas co mellor teatro posible, o amador, entre elas Afonso García Penas, e que mostra canto se pode facer cando a praxe escénica sabe entroncar coa dimensión máis profunda do drama, para crear un teatro popular rico en calidade humana. Parabéns pola iniciativa, ben doada de transferir a outras parroquias e aldeas, para ben do noso patrimonio, tamén do inmaterial. Para o Xacobeo 2021, por exemplo.

Materia escura e sistema teatral

  • Cando nunha noite estrelada miramos o ceo podemos ver estrelas, algún planeta, parte da vía láctea cos seus brazos cheos de cúmulos brillantes, e ao mellor se cadra, unha estrela fugaz. Un universo cheo de luces escintilantes e de rastros fulmíneos. Así acontece no mundo do teatro, e así nolo fai saber a prensa e outras publicacións do sector, onde rutilan astros, cometas, asteroides ou satélites, sempre en función do alcance do seu traballo e da fama que o mesmo lles reporte. O desexo íntimo de calquera habitante do mundo da escena non é outro que ocupar un lugar nese firmamento, que adoita estar á vista da maioría, cando menos se erguemos a vista para reparar naquilo que a retina recolle. Pero din os especialistas en astronomía e en astrofísica, que todo iso que podemos mirar nunha noite estrelada non deixa de ser unha parte do universo, non sempre a máis importante. O que non vemos é a materia escura, ese engrudo que semella ter un rol fundamental na orde gravitacional do universo, e na nosa vida. Pois ben, outro tanto pasa co teatro amador, afeccionado, escolar ou comunitario. E o traballo que realizan agrupacións coma Metátese, de Palas de Rei, que tanto aporta na ideación e organización de Son de Aldea, é un bo exemplo. Cando as persoas se recoñecen na escena, o lume do teatro acaba por prender. Cómpren apoios oficiais.

Compartir el artículo

stats