Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xulio Cobas Brenlla: "A literatura infantil, ademais de amosar calidade, ten que gustarlle aos nenos"

Xulio Cobas, en Santiago. FOTO: Xoán Álvarez

-O primeiro que me chama a atención, e que me sorprende, é o ano no que Vde. inicia este catálogo, 1966. A que libros e a que autores de obras de Literatura Infantil e Xuvenil Galega Galega (LIXG) se refire cando se remite a semellante data?

-Mais que polas obras que se publicaron ese ano, e polos seus autores/as, eu tomo 1966 como referencia porque a partir de aí foi cando se empezou a facer unha edición de libros infantís e xuvenís sistemática e, ao mesmo tempo, é nese ano cando cando se empezan a publicar libros con criterios modernos, con ilustracións a cores, con espazos amplos orientados ás posibilidades dos rapaces segundo as idades que tiveran, os seus coñecementos, o seu nivel de formación cultural etc.

-Facendo un balance de todos estes anos, en que xénero destaca máis a LIXG galega: conto, novela, teatro, poesía??

-O que máis se desenvolve é a narración, nomeadamente contos e novelas. Pero tamén abondan as traducións ao galego de libros escritos noutras linguas. De feito, xa nos 80, a partir da incorporación do galego ao ensino, as traducións dispáranse.

-Tamén fai referencia Vde. á prensa. Que xornais galegos foron pioneiros en dedicar espazos á LIXG?

-A LIXG estivo presente neses anos en suplementos da prensa escrita, e falo de suplementos non só literarios, senón tamén de tipo pedagóxico. Eu mencionaría, en principio, a FARO DE VIGO, que tiña un suplemento que era, ao mesmo tempo, pedagóxico e de literatura infantil. Chamábase O Pizarreiro. Outro interesante te foi Axóuxere que se publicaba por La Región de Ourense. mentres, en Santiago, El Correo Galego editaba O raposo do Pedroso.

-Que libros didácticos foron pioneiros nos pulos iniciais?

-Os primeiros foron os libros de texto incluídos na materia de lingua galega. Despois veu unha profusión de libros no noso idioma onde participaron cáseque todas as editoriais, algunhas incluso de fóra de Galicia. Xerais e Galaxia, por exemplo, iniciaron a publicación dalgunhas coleccións. Nesa época, como a división entre literatura infantil e xuvenil resultaba cara, as editoriais de aquí establecían acordos con editorias de fóra de Galicia para editar os títulos que sacaba, ademais de en castelán, en euskera e en catalán, tamén en galego, para que lles resultase máis rentable, claro.

-O catálogo que Vde. elaborou chega ata 1990 pero, se me permite, fágolle unha pregunta: Quen foron/son os autores/as máis importantes de LIXG dende 1966 deica agora mesmo?

-Prefiro cinguirme más ben do ano 1966 ao 1990, que é a etapa que abrangue o catálogo, porque baseándome nel foi como empecei a escribir a Historia da literatura infantil e xuvenil galega, que foi a que publiquei en 1991. A partir desa data, diante da grande proliferación de títulos editados, considerei que esa era unha tarefa a facer máis por un equipo que por unha soa persoa.

-Falemos entón os dos autores/as dese período 1966-1990.

-Nesa etapa, como precursoras da literatura infantil e xuvenil galega, eu sinalaría as irmás Pura e Dora Vázquez que, para min, foron as que abriron camiño. Logo podería citar dous grupos: por un lado, unha serie de escritores galegos "de sempre" que se animan a escribir LIXG. Refírome aos Manuel María, Uxío Novoneyra, Neira Vilas, Méndez Ferrín (nomeadamente con Arnoia, Arnoia)?A este grupo foron incorporándose escritores novos como XoánBabarro, Xosé Antonio Perozo, Xesús Campos, Agustín Fernández Paz?e, en poesía, eu destacaría, entre este últimos, a Ana María Fernández e a Antonio García Teijeiro

-O ano pasado dedicábaselle o Día das Letras Galegas a María Victoria Moreno. Por que foi tan importante o seu labor?

-Porque María Victoria foi das primeiras en abrir camiño, algo que comparte coas irmás Vázquez. Por unha banda, foi unha persoa comprometida coa LIXG e, por outra,como autora, tamén foi rompedora e escribiu libros por certo que moi interesantes. Lembro que levamos a Pontevedra a miña Historia da Literatura Infantil e Xuvenil Galega: unha as persoas que estaba alí, participando na presentación, era ela. María Victoria Moreno abarcou bastantes facetas,tanto como divugadora como por autora, e ademais de profesora, tivo unha librería, traducía?

-Á Real Academia Galega sempre se lle andan "reclamando" figuras representivas dalgún ámbito ás que dedicarlle o Día das Letras Galegas. Victoria Moreno foi autora pero sobre todo divulgadora, mestra. Coida posible que un ano destes a RAG homenaxee a un "autor nato" de LIXG?

-Si, claro que si, o que pasa é que a maioría dos autores que citei ou ben están vivos ou ben non hai dez anos que finaron, grazas a Deus, e xa sabes que esa é unha condición indispensable. Felizmente, a meirande parte dos que ti chamas "escritores natos" de LIXG aínda están vivos, son moi novos, e oxalá que teñan unha longa vida!

-O termo LIXG acolle a Literatura Infantil e a Xuvenil, pero son distintas, por iso lle fago esta pregunta: sería unha tolemia publicar hoxe un libro para os nenos (literatura infantil) sen ilustracións?

-As ilustracións, sempre que sexan boas, son unha motivación para que o neno se anime a ler, pero non son estrictamente necesarias. O que si é fundamental, loxicamente, é que o destinatario saiba ler, e partir de aí, ben, se poden poñer unhas letra máis grandes e máis espaciadas ou un estilo de letra máis axeitado á idade do rapaz para facerlle máis doada a lectura. En calquera caso, a ilustración ofrece unha lectura gráfica e, polo tanto, complementaria ao texto; pero, xa digo, o fundamental é o texto. O ideal é contar un texto bo e bonito e cunhas ilustracións de calidade, pero iso non quere decir que se non leva ilustracións, o texto non valla.

-No texto da presentación deste catálogo, Xosé Antonio Perozo aclara o que debe entenderse por Literatura Infantil e Xuvenil. Pero, cando se pode dicir que estamos diante dunha obra de LIX boa, de calidade: cando lle gusta aos nenos dunha xeració ou cando van pasando os anos e o libro gosta a nenos das seguintes xeiras?

-Na literatura infantil e xuvenil valen os mesmos criterios que para o resto da literatura: isto é, que ten que ser boa literatura, iso si, co engadido de que, ademais, lle goste aos nenos. Polo tanto só hai literatura infantil se o libro é aceptado polos nenos, polos rapaces. Por outra banda, ocorre moitas veces que un libro que, en principio, o autor non escribe para ter como destinatario ao lector novo, resulta que, ao cabo, lle gusta moito a este tipo de lector. Un caso moi paradigmático disto que che estou a falar, e sen saír de Galicia, é o Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas. E despois temos exemplos universais como As Viaxes de Gulliver ou cáseque todos os libros de Jules Verne. Por iso cando se fala de literatura infantil e xuvenil hai que ter moi en conta estes fenómenos.

Compartir el artículo

stats