Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tempo de exorcistas

Cando o Diaño ataca de novo

Fotograma de O exorcismo de Emily Rose (2005).

Entre ó xénero de terror, ocupa un lugar destacado a película The Exorcist, dirixida en 1973 por William Friedkin e protagonizada pola nena Linda Blair, a partir da novela homónima de William P. Blatty, quen tamén participou no guión. O argumento, coñecido dabondo, é ben sinxelo: unha actriz chama a uns xesuítas para que tenten rematar co que parece ser unha posesión diabólica que a súa filla padece, unha vez que os médicos non atoparon explicación ao que lle sucede.

Este ritual para botar o Diaño fóra do corpo dunha persoa é case unha tradición intrínseca ao cristianismo aínda que non se trate dunha práctica privativa. Xa no ano 500 están documentadas fórmulas para practicar exorcismos pero foi a finais do século XV cando se desenrolou a literatura sobre o tema coa obra de J. Sprengurus Malleus Maleficarum. E xa despois de Trento, a Igrexa católica estableceu no seu Catecismo as condicións canónicas para a práctica de exorcismos, a primeira das cales era que só podían facelo cregos. Daquela, moitas alteracións neurolóxicas e mentais eran consideradas obra do Diaño. Este non só exercía a tentación para caer no mal, no pecado, senón que -segundo a doutrina católica- pasaba a posuír corpos de inocentes para facer evidente a súa presenza e mais o seu poder.

En 1999 a Igrexa aprobou unha nova versión do Ritual romano, se ben algúns sacerdotes coñecidos por practicar exorcismos discreparon desta renovación ao considerar que a anterior estaba avalada por tres séculos de (suposta) eficacia. Entre os cregos especializados en exorcismos hai auténticos especialistas en anxos e diaños, como o sacerdote aragonés J. A. Fortea, autor -entre outras moitas obras- de Summa daemoniaca (2004). Este sacerdote, que non practica exorcismos, é consciente sen embargo de que esta práctica está en vías de extinción, tanto polos avances científicos como pola discrepancia que cara a ela manifestan moitos cregos.

Pero unha cousa, xa o sabemos, é a doutrina oficial da Igrexa e outra ben distinta a práctica dos grupos sectarios que medraron no seu seo. E un deses colectivos, os Lexionarios de Cristo, celebrou o pasado mes de maio no Ateneo Pontificio Regina Apostolorum -a universidade que teñen en Roma, onde se doutorou o padre Fortea en 2015- o curso "Exorcismo e Oración de Liberación" na súa decimocuarta edición. Matriculáronse 241 persoas de corenta e dous países. Un dos organizadores, o sacerdote manchego Pedro Barrajón, considera que entre as vías que o Diaño ten para penetrar está internet, en tanto que fai accesible o coñecemento a prácticas satánicas, ocultistas. E que é, precisamente, por esa relaxación social á hora de achegarse a elas polo que cómpre estar á espreita das maneiras de neutralizar a acción de Satán.

Aínda que, como dixemos, unha parte importante dos sacerdotes católicos xa non cren no exorcismo, o Vaticano ampara a institución académica dos Lexionarios e en 2014 recoñeceu a Asociación Internacional de Exorcistas, formada por uns 400 membros. España é, despois de Italia, o país con máis exorcistas rexistrados. Por primeira vez nestes cursos, haberá un debate entre un católico, un ortodoxo, un anglicano, un pentecostal e un luterano para falar de cadansúas experiencias co Diaño.

Claro está que nesa loita contra a súa influencia atoparon un aliado no actual Sumo Pontífice, firme crente na súa acción en favor do mal. Pero unha cousa é crer na existencia e na acción do Diaño -do cal a Igrexa nunca renegou- e outra ben distinta é facelo verbo de posesións e exorcismos para combatelas. Quen si que o fai son estas setas ultraconservadoras que non entenden a relixión sen medos e sen castigos.

Segundo Pedro Barrajón, hai tres situacións que demandarían unha intervención co chamado exorcismo solemne (é dicir, exercida por un crego previa autorización do seu bispo): aversión a obxectos, lugares ou persoas de carácter sagrado; falar ou entender linguas descoñecidas (especialmente, latín ou grego clásicos) ou exercer unha forza sobrenatural.

En trance de desaparición

  • Malia acreditar na presenza e na acción do Diaño, o padre Fortea recoñecía que a práctica de exorcismos está en vías de desaparecer pola perda da fe e pola acción da xustiza. Así sucedeu en Valladolid: en marzo de 2014 un xuíz chamou a declarar a un crego que exorcizara por dez veces a unha rapaza en tratamento psiquiátrico, tras a denuncia presentada polos pais por supostas aldraxes físicas e psíquicas. O caso foi arquivado pero o certo é que se hai novas denuncias polas consecuencias dun exorcismo, a ciencia avale que non hai evidencia científica de posesión diabólica e por contra, a Igrexa non teña argumentos para defender a existencia dunha acción sobrenatural por parte do Maligno e teña que responder polos eventuais traumas causados na vítima. Claro está que hai persoas que tentan conciliar ciencia médica e a crenza na acción de Satán, como o psiquiatra norteamericano Richard Gallagher. Católico practicante, considera que moitas veces é a vítima quen de forma voluntaria se ofrece a prácticas satánicas e que despois non ten capacidade para tirar o demo de si. Malia iso, son diversas as patoloxías que mentres non foron definidas e diagnosticadas, estiveron asociadas a presenza do diaño: desde a coprolalia ou a epilepsia ata a esquizofrenia ou o dermografismo. En resumo: o que queira escapar da ciencia é superstición.

Compartir el artículo

stats