Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O deleite da descrición

Riqueza, poder, sexo e violencia

O deleite da descrición

Rubén Martínez Alonso publica a súa cuarta e última novela no seu selo editorial de cabeceira, Toxosoutos. Vila Suárez é unha historia de riqueza, poder, sexualidade e violencia no Madrid das primeiras décadas do franquismo. O autor vigués debuxa unha condena da aristocracia ultraconservadora e cínica de posguerra a través dun relato dende a fascinación do luxo. Ese reducido grupo que goza da admiración e envexa do resto da poboación presenta asemade unha carencia total de escrúpulos e despreza ata o límite a vida da sociedade do común. O protagonista no adestramento do seu servo fiel chega a dicirlle: "Hai persoas cuxa vida non vale nada. Todo é un negocio, todo ten un prezo, e sen valor non hai perda nin pena."

Vítor Suárez, o motor da novela, é unha especie de Jay Gatsby no que este ten de inalcanzable, de rico e de provocador de envexas, de posuidor desa "privilexiada posición" que lle permitía estar por riba de todos os demais membros da elite social. Ao carón del, o seu devoto Pedro, chófer e man executora das perversións do seu amo ata límites insospeitados. Como nas novelas do XIX ou en series clásicas como Upstairs, Downstairs ou Downton Abbey, a sociedade divídese entre os señores e os vasalos. Tampouco lle falta un elemento clásico do xénero como pode ser a anagnórise e así, ata o final non coñeceremos algún segredo familiar.

Estamos ante unha obra dedicada ao deleite da descrición: falemos de lugares, obxectos, caracteres... o autor non desaproveita ningunha oportunidade para adobiar aquilo que nos quere contar nunha narrativa caracterizada pola plasticidade que atravesa as súas páxinas e que por veces nos recorda os filmes de Visconti ou Clayton.

O narrador detense e goza na descrición do luxo a través de multitude de parágrafos onde nos vai dando conta polo miúdo de todos os elementos nos que a riqueza toma forma. Así, ofrécenos todo tipo de detalles sobre os materiais, as formas, as texturas... nunha descrición multisensorial de todo aquilo do que os privilexiados poden gozar. En contraste con estas palabras requintadas, coloca ao carón liñas onde debuxa con todo detalle e crueza canto ten que ver co sexo en todas as súas manifestacións.

MARTÍNEZ ALONSO, R., Vila Suárez, Ed. Toxosoutos, Noia, 2019, PVP. 19 ?

Compartir el artículo

stats