Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Da importancia da educación teatral

Arredor da Mostra de Cangas

Da importancia da educación teatral

Desde hai algúns anos, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas vén promovendo un conxunto de actividades paralelas á exhibición de espectáculos, o seu obxectivo central, pero que teñen especial relevancia. Ademais de seminarios de formación en campos diversos, destacamos os encontros sectoriais que se ocupan de cuestións que ou non están aínda adecuadamente formuladas malia seren urxentes, ou constitúen xa un lugar común na visión que do teatro poidan ter os seus practicantes, malia a inacción das Administracións Públicas. No primeiro caso podemos situar todo canto se leva feito alí en Cangas para analizar o rol da muller no campo das artes escénicas, e no segundo poderiamos situar a preocupación crecente de moitas persoas sobre a situación e perspectivas do Centro Dramático Galego.

Certo é que esa vontade de crear espazos de análise e deliberación arredor dos problemas do teatro non é nova, pois xa na década dos 90 do pasado século, a Mostra participou activamente na posta en marcha dos Encontros de Teatro entre Galicia e o Norte de Portugal (TEATRAgal), e na edición da revista Ensaio. Velaí unha aventura editorial breve, que, cando menos, serviu para conformar un discurso necesario, mais pouco valorado e mesmo contestado naquela altura, e hoxe plenamente aceptado, mesmo polos que de primeiras máis se opoñían a todo o que implicaba. Falamos do discurso sobre as compañías residentes, que tamén abrollou con forza na Revista Galega de Teatro (agora Erregueté, e ao mellor tamén Érguete!), e sobre a necesidade de que en todo edificio teatral publico habite, como acontece en toda Europa, unha compañía de teatro que lle dea sentido e sobre todo vida e pulo teatral.

Nesta ocasión a organización da Mostra, como sinalou a actriz Silda García na presentación da actividade, quixo poñer o foco no rol da educación teatral como ferramenta ou factor de desenvolvemento individual e social, ou mesmo como motor de transformación en ambos eidos, o persoal e o colectivo. E para propoñer unha tal análise convocou na fermosa Capela do Hospital, que embelece os Xardíns do Señal, un grupo de especialistas que, desde o seu traballo a pé de obra, mostraron a maneira en que da práctica do teatro, nas súas máis diversas formas, se poden tirar beneficios educativos múltiples. E por iso, todas esas persoas destacaron a necesidade de que a educación teatral ocupe un lugar central no currículo do ensino non universitario.

Fernando Dacosta, actor e responsable da Aula de Teatro da Universidade de Vigo en Ourense, mostrou, por exemplo, múltiples posibilidades de traballar contidos como as figuras literarias desde o xogo dramático ou a dramatización, en tanto Pepa Barreiro, actriz e coordinadora da Aula de Teatro da mesma universidade en Vigo, explicou como a actividade teatral transformou a súa vida enteira desde un día en que se apuntou a un curso de teatro. Vanesa M. Sotelo, actriz e dramaturga, analizou a forma en que subir a un escenario supón un acto de afirmación persoal, mentres que Paloma Lugilde, responsable en Lugo da Aula de Teatro da Universidade de Santiago, insistiu na importancia do teatro para potenciar a inclusión e mais a atención á diversidade.

Igual relevo tivo a intervención de Rosalía Fernández Rial, quen foi considerar vías que melloran a ensinanza de linguas desde a actividade dramática, ou para normalizar os usos da lingua galega en contextos nos que o seu abandono resulta máis preocupante. Un eido no que tamén incidiron Pedro Pablo Riobó ou Antón Lamapereira, que desde hai tantos anos veñen impulsando a presenza da educación teatral no ensino secundario, quer como materia optativa, quer desde as actividades extraescolares, ámbito sobre o que realizaron moi atinadas observacións Xoan Carlos Riobó e os anteditos Fernando Dacosta e Vanesa M. Sotelo.

Un feixe de achegas, xa que logo, que provocaron un animado debate entre o público presente, o que permitiu coñecer aínda outras visións e outras voces, que falaban de experiencias de persoas ás que a práctica teatral lles cambiara de veras a vida, e para ben.

Nestes momentos en que sopran aires de reforma educativa e de cambios no sistema educativo, non estaría de máis prestar atención ao que poidan dicir todas estas persoas que conseguen combinar, día a día e con especial rigor, pracer e aprendizaxe, e que fan que a educación teatral sexa, primeiro que nada, educación. Educación excelente, por certo.

Que facer

  • Nun momento no que por todas partes asoman receitarios moi diversos para cambiar a escola, ou profesorado que vende a súa poción máxica para converter as aulas en lugares marabillosos onde se aprende sen outro esforzo que o simple feito de estar, non está de máis prestar atención a vellas ferramentas que poñen o foco na acción, na comunicación, na interacción, e moi especialmente na réplica ou recreación de modos de vida. Unha metodoloxía que transforma a aula, precisamente, nun espazo de vida, como propoñía a principios do século XX o filósofo e pedagogo John Dewey, ao reivindicar o aprender facendo, e, no noso caso, aprender a facernos co xogo da vida. Non obstante no Encontro tamén se deixou sentir a soidade e a incomodidade en que traballan moitas das persoas que loitan por potenciar a educación teatral, e por iso Antón Lamapereira insistiu na importancia de crear espazos de encontro e debate no que todas esas persoas se poidan coñecer e recoñecer, para partillar tamén experiencias e proxectos. Recollendo o envite decidiuse demandar a Nova Escola Galega e á Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, que potencien eses tempos e espazos de encontro e reflexión, de xeito que moitas das experiencias que abrollan aquí e acolá sirvan para mostrar á sociedade a idea de que outra escola é posible e necesaria, tamén para a lingua nosa. Coma nos vellos tempos, o Encontro quixo ir da reflexión á acción. Só queda que as entidades sinaladas e todas as persoas implicadas recollan o guante e queiran converter o envite en oportunidade. Confiemos e agardemos.

Compartir el artículo

stats