Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Coa beleza como fío condutor

Unha verdadeira novela negra

Coa beleza como fío condutor

No arrinque dunha novela ou dun relato pode haber unha frase que nos engaiola definitivamente. Iso pasoulle á autora desta novela, Arantza Portabales: "A beleza é vermella como unha cunca de cereixas", e xa non houbo volta atrás, malia que, ao longo da súa escrita, a cor vermella acadará unha dimensión ben afastada da fermosura e moi próxima ás contornas da morte. Xa que logo as cereixas -si a súa beleza- non é a imaxe que amalgama a trama. A autora non vive da escrita e compón sobre todo relatos curtos. Tivo un notable éxito con Deixe a súa mensaxe despois do sinal. Arestora retorna cunha novela cualificada como negra polo selo editorial, mais o lector debe ser cauto porque se acostuma vender gato por lebre: novelas que non traspasan os lindes do policial soen ser comercializadas como negras.

O fondo da trama de Beleza vermella é un crime. A trama dá comezo cun corpos atopado nun cuarto de Santiago na noite de San Xoán. Unha rapaza de quince anos, Xiana, envolta nun mar de sangue. Encárgase do caso o inspector Santi Abad e a axente Ana Barroso. Pouco máis se pode revelar da historia se non queremos spoilerizar a trama. Soamente que hai seis sospeitoso: os que aquela noite ceaban no xardín da casa. Alguén asasinou a Xiana e saíu da súa habitación sen deixar unha soa pegada nun chan cuberto de sangue. Unha tía da rapaza, Lía, atopa o cadáver e poucos días máis tarde será ela a que intente suicidarse.

Cunha estrutura baseada no clímax e con dúas voces narrativas, a novela ten a súa parte policial: os policías fan o seu traballo. Son falibles pero moi eficaces; analizan a escena do crime, son sabuxos intuitivos. Mais esta novela vai moito máis alá do xénero policial. É unha verdadeira novela negra, unha das poucas que se escriben en galego. Aquí a resolución do enigma non o é todo. O forte de Arantza Portabales está no retrato social e sobre todo a interiorización na psicoloxía dos personaxes. relacionados co crime, labor que non queda nunha "máquina de pensar", senón en dous policías que se empeñan en descubrir o asasino, os motivos do crime e o que pasa polo interior dos personaxes.Todos eles, sen excluír os policías (maltratador e cunha relación sentimental e sexual entre eles xurdida na investigación). Con grande acuidade, a autora introdúcenos na interioridade destes personaxes confundidos e ateigados de inestabilidade emocional. E iso explica o desenlace do crime. Ao final, o lector comprende que o significado de que a beleza é vermella só se pode atopar cando se descubra a pulsión do sangue.

PORTABALES SANTOMÉ, A., Beleza vermella, Ed. Galaxia, Vigo, 2019, PVP.19, 80 ?

Compartir el artículo

stats