Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xavier Alcalá: "Galicia viviu sen saber quen era ata a chegada da autonomía"

Xavier Alcalá nunha librería d' A Coruña. // victor echave

- Para comezar, bo será que nos presente o Cholo (Antonio Rey Flórez) e nos conte como o coñeceu.

- Pois, mira, eu coido que na vida manda a Casualidade Universal, aínda que, como dicía o Cholo, "a casualidade tamén hai que buscala". O goberno de González Laxe foi o primeiro en se lanzar a recuperar as relacións coa diáspora; eu traballaba nunha empresa de enxeñería da Telefónica, os teléfonos non funcionaban na Arxentina, o Menem acababa de chegar á presidencia con intencións de facer que alá todo funcionase... Eu andaba por Buenos Aires en cousas do choio e, por recomendación de Andrés de Souza, daquela responsable das relacións exteriores da Xunta, fun ver que había en Comodoro Rivadavia. Nun asado na casa do presidente do Centro Galego coñecín un tipo que me sorprendeu pola súa claridade de ideas: era o Cholo.

- Estas cartas non son,digamos "reais", senón artigos escritos como se fosen cartas pero, houbo unha correspondencia real súa co Cholo?

-Moitísima. As Cartas ao Cholo son as que eu publicaba en Galicia en El Mundo, pero tes que ler o que se conta en The Making of: o Cholo e eu fomos pioneiros no uso do fax e do correo electrónico. O malo é que xa sabes como era o papel térmico do fax: non queda nada diso.

-Cholo volveu algunha vez a Galicia ou desde que emigrou xa non retornou mais?

-Como sempre me dixo a Juana, a súa muller, o Cholo pensou que nunca volvería ver Galicia, A Coruña, San Amaro onde se lanzaron as súas cinzas ao mar. En 1961, pasar por diante da Torre de Hércules na cuberta dun transatlántico era o adeus para sempre. Pero a familia dos Rey Flórez foi dar nun lugar onde "corría la plata". Foilles ben. O Cholo era un bo técnico electricista que quería ser xornalista. Volveu moitas veces. Estaba en constante conexión con Galicia.

-De seguir Cholo vivo, escribiríalle unha carta sobre o que está a acontecer en Cataluña?

-Evidentemente. Pensa que Manuel Antonio Rey Flórez era un membro moi activo do PSOE. Pregúntalle á María Xosé Porteiro, que ben o coñeceu e tratou cando ela representaba a Xunta na Arxentina. Eu hoxe contaríalle o que hai, engadindo o que o Cholo sabía: que co "problema catalán" hai que convivir, segundo dixo Ortega.

-Na primeira carta deste libro, fala Vde. dos galegos heroicos na Patagonia. Por que foi tan importante a emigración galega á Patagonia e por que se sabe tan pouco dela?

-A emigración galega á Patagonia ten dúas etapas. Na primeira, que o Víctor Freixanes retratou en A cidade dos Césares, houbo un esforzo final do Imperio Español sen moito resultado. Na segunda, co xurdimento do petróleo en Comodoro Rivadavia, moveuse un mundo de xente para alá. A historia do Centro Galego comodorense déixao ben claro. Por que non se sabe desa epopea de pioneiros nos inmensos desertos austrais? Porque Galicia viviu sen saber quen era ata a chegada da autonomía.

-Hai personaxes das cartas verdadeiramente interesantes. Por exemplo, Basilio Vilariño. Como é posible que sexa unha figura esquecida incluso en Galicia?

-Non só esquecida senón negada, mesmo co apelido castelanizado. Basilio Antonio Vilariño foi o primeiro explorador europeo en chegar ás fontes dun río glaciar patagónico e así acabar co mito do posible paso do Atlántico ao Pacífico (e aquí -permíteme- fago mención a Alén da desventura) foi apropiado pola Historia Oficial Arxentina como "el Piloto Villarino" e ninguén protestou ata xa avanzado o século XX.

-Tamén está esquecido un personaxe tan curioso como Pepe Carracedo?

-Incomprensiblemente. Ese era outro suxeito que nos interesaba moito ao Cholo e a min. A min descubriumo o Manuel Molares e eu descubrinllo ao Cholo que, cando quería deixar alucinado a calquera arxentino (sobre todo xudeu, dos que pensan que fan de todo no mundo, contáballe do ferrolán difusor do maoísmo na Hispanoamérica, desde Pequín.

-Non cre que é hora de que a Historia da Emigración Galega sexa incorporada no ensino como parte fundamental da Historia de Galicia?

-Ten coidado, que nos pode ler alguén da "Vox Diaboli"... pero vouche máis lonxe: nos manuais da Historia de España deberían incorporarse capítulos sobre as Américas nos que ficase claro, por exemplo, por que o edificio cívico de maior porte na Habana é o Centro Galego, confiscado polos irmáns Castro.

-O epistolar, como xénero literario e incluso xornalístico, está bastante en desuso na actualidade. Habería que revitalizalo con libros coma este?

-Unha vez, na Feira do Libro de Buenos Aires, atopamos o Cholo e eu o Saramago e mais a súa louzá andaluza e largamos as linguas a pacer (o stand de Portugal estaba enfronte do de Galicia). "Don José de Lanzarote", que se empeñaba en falar portuñol ou españolés, díxonos que o xénero epistolar morrera desde que funcionaba o correo electrónico... Non llo discutimos pero nos esmendrellamos. Dicirnos iso ao Cholo e a min! Nunca tanta epístola se escribiu desde que mandalas é de balde... Ora, eu acho en falta soportes e vontades para exercitar ese xénero que vai desde a crónica xeral á exposición de pensamentos entre persoas. A verdade é que calquera día fago como fixemos en Medulia coas cartas de Galicia en El Mundo: reviso os meus arquivos de correo electrónico e recollo en libro moitas notas que, como as Cartas ao Cholo, dean unha visión do vivido non por min só.

Compartir el artículo

stats