Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Arredor de Una piel pesada

Para alén do conto clásico

Imaxes interiores e cuberta da primeira novela gráfica publicada por Clara Patiño Bueno, Una piel pesada (2019).

Tendencia ou non, está claro que vivimos nun momento no que o feminismo e a reatribución de roles (senón a abolición) son inevitables. Nos últimos anos vimos como xigantes da animación, entre outros, reescriben o conto clásico para definir un novo estereotipo de princesa: forte, valente e dona do seu destino. A personaxe central xa non espera a ser obxecto de desexos ou rescates. Así é Nadia, a protagonista da historia que conta Clara Patiño -quen xa nos sorprendera en abril deste ano cunha primeira novela gráfica de gran calidde, publicada por Fandogamia- na súa ópera prima, Una piel pesada.

Una piel pesada é unha historia autoconclusiva de aventuras. Unha fábula medieval fantástica que bebe do conto clásico ao tempo que o moderniza e onde se fala de temas tan universais como a ira, a vinganza, o sentido do deber e as débedas contraídas coa familia. Polo ton e a historia, trátase dunha novela que se podería clasificar como young adult (vaia, para adolescentes), o que non quita que, grazas á súa mestría, os adultos non poidan gozar tamén dela.

Que nos conta? Nun tempo sen concretar, nun mundo no que a maxia existe, hai un pobo feliz gobernado sabiamente por un rei e unha raíña. Os reis teñen dúas fillas, Alma e Nadia, e están a esperar un terceiro bebé. Durante o parto, tanto a nai como o fillo morren, xusto cando un corvo aparece pola xanela. O rei, abatido e incapaz de aceptalo, diríxese ás bruxas do pobo en busca de culpables. As bruxas, con medo e desconcerto, toman o corvo como un sinal e apuntan o dedo contra unha parella de bruxos corvos que habitan no máis fondo do bosque. O rei vai á súa procura para clamar vinganza. Regresa sen acabar a tarefa: matou un dos bruxos, mais este feriuno de morte. O seu pasamento deixa o pobo sumido nunha maldición, así como unha débeda de sangue que recae sobre as súas fillas. No leito de morte, o rei esíxelle a Nadia a promesa de vingalo e salvar a xente da vila. Con esta promesa, a pel do bruxo morto sobre os ombreiros e a espada do seu defunto pai, Nadia parte cara ao bosque para acabar o que el empezou.

Clara Patiño ten un estilo moi característico que reflicte a súa formación como animadora. Un exemplo perfecto é o seu deseño de personaxes. É capaz de traducir visualmente o carácter e motivacións de cada un: unha princesa nova, miúda pero valente, feminina pero avezada, e un suposto vilán, ambiguo, cruel e emotivo, baixo a forma dun híbrido entre humano e ave.Todo o estilo visual, así como a composición das páxinas e o deseño de viñetas, semellan máis un guión gráfico que un cómic como tal. A narrativa é moi dinámica e fluída. En ocasións, algo confusa e con certo descontrol do paso do tempo, pero sempre envolvente e conmovedora. Destaca tamén o cromatismo do libro e a maña e saber facer que demostra Clara ao crear ambientes mediante contrastes e degradados, con tons precisos.

Sen dúbida, supón unha grande experiencia visual. Ás veces a historia fraquea -ben porque os diálogos son demasiado explícitos, ben porque a previsibilidade do que vai acontecer mata un pouco ese aire de misterio que non acaba de callar de todo-, pero a forma na que está contada e a capacidade de implicar o lector no que está vendo son o contrapunto ideal para conseguir o equilibrio. Cómpre lembrar, aínda que non o pareza, que se trata dunha primeira obra e a experiencia sempre permite afinar un pouco máis.

O que se presenta inicialmente como unha historia típica de vinganza e confrontación co "monstro final" convértese nunha parábola sobre a ira, o dó fronte á morte e a culpabilidade. O final do relato está dedicado ao proceso de creación da autora e é unha delicia. Contén deseños de personaxes, esbozos e algunha páxina cos pasos que a levan ao resultado final.

O debut de Clara Patiño non só xera interese, senón que deixa o lector con ganas de saber cal será o seu seguinte paso, así que esperamos ver algún proxecto novo seu axiña.

Talento e mocidade

  • Clara Patño Bueno naceu n´A Coruña en 1993. Estudou ilustración na escola Pablo Picasso e animación na ESDIP de Madrid; formación que se ve perfectamente reflectida no seu estilo como creadora de banda deseñada. A nivel profesional, realizou deseños de personaxes para animación, o cal asoma de forma clara na caracterización dos protagonistas de Una piel pesada. O deseño de personaxes non é o único con reminiscencias do mundo animado. A súa forma de narrar e de compoñer lémbranos algúns grandes autores e autoras da animación (sen esquecermos a ilustración). Depende da xeración á que pertenzas, o estilo pode recordarche os concept art de Jim Henson, os clásicos Disney antes da dixitalización ou o estilo Cartoon Network de hai case unha década. Persoalmente, os seus ambientes lévanme aos bosquexos para A bela durminte (Disney, 1959) de Eyvind Earle pero, se temos en conta os referentes de Patiño (aos que está xa incriblemente próxima), poderiamos falar dunha mestura de Stéphane Fert e Elle Michalka con toques de Amélie Fléchais e, como non, dun grande de Cartoon Network, Genndy Tartakovsky. Unha autora nova e chea de talento á que deberiamos ter no punto de mira.

Compartir el artículo

stats