Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Na procura das nosas orixes

Historia da ciencia (15)

Na procura das nosas orixes

No ano 1871 saía do prelo A orixe do home, o libro co que Darwin, fundador da teoría da evolución mediante a selección natural, estendía á humanidade a súa teoría evolutiva. Neste sentido, nun contexto no que a 'orixe do home' era obxecto de intensas polémicas promovidas por 'antitransformistas' e evolucionistas de diferentes escolas, o obxectivo de Darwin era triplo: demostrar que os humanos -igual que o resto dos animais-, descendemos dun antepasado común, extinguido e compartido con outros primates; estudar a evolución humana en sentido estrito, isto é, dos antepasados fósiles da humanidade actual; e, interpretar a diversidade racial na humanidade actual.

En busca do 'elo perdido': De acordo coa imaxe que moitos científicos se fixeron do proceso evolutivo, nos anos finais do século XIX, sobre todo da man do biólogo alemán Haeckel, xurdiu a idea de que entre os humanos actuais e os primates tiña que existir unha sorte de 'elo' evolutivo, que posuíse trazos animais e humanos a partes iguais. Haeckel propuxo para ese ser o nome de Pithecanthropus alalus, que empregou Dubois para designar os fósiles que atopou na illa de Xava no ano 1891, hoxe considerados Homo erectus. Nese tempo de entre dous séculos xurdiron varios modelos de humanización, aínda que dous eran os principais: os que incidían no papel da encefalización (primeiro desenvolvemos o cerebro) e os que o facían no da terrestralización (primeiro foi o andar bípedo e o descenso das árbores, que era o que se supuña que era o noso hábitat), sendo nese contexto no que se produciu unha das principais controversias científicas do século XX: a que enfrontou aos defensores da humanidade do 'home de Piltdow', un especime con cranio humano e mandíbula simiesca descuberto no ano 1913 preto de Londres, e os defensores do 'neno de Taung', un cranio infantil descuberto no ano 1924 en África do Sur e que posuía características excesivamente simiescas para ser aceptado como antepasado común.

Leakey e a revolución 'humana':Houbo que esperar ao ano 1949 para que se demostrase que o 'home de Piltdow' era unha falsificación, pechando unha longa etapa na que, en palabras do xesuíta Teilhard de Chardin, o noso pasado evolutivo estaba inzado de 'escamas' humanoides: Eoanthropus (o 'home de Piltdown'), Atlanthropus, Pitecanthropus, Sinanthropus, Africanthropus, Maueranthropus, Telanthropus..., no camiño da humanidade actual.

Neste contexto, no ano 1964, cando Leakey, Tobias e Napier designaron un conxunto de fósiles procedentes do xacemento africano de Olduvai de hai 1,8 millóns de anos como membros da especie Ho mo habilis, de nova creación, estaban sentando as bases da moderna antropoloxía científica, xa que todas esas 'escamas' humanoides pasaron ser especimes dunha especie máis recente e posterior a Homo habilis, o Homo erectus, o que supuxo unha verdadeira revolución que abriu novas liñas de investigación que permitiron comprender mellor os fundamentos biolóxicos e sociais do proceso de hominización.

A humanidade actual: unha comunidade de iguais: No transcurso destes últimos 50 anos posiblemente o debate de maior relevancia, que non único, foi o que se estableceu entre os defensores do polixenismo, que sostén que os grupos humanos actuais descenden de diferentes tipos humanos que se mesturaron cos Homo sapiens ao longo do seu proceso de dispersión por todo o globo, e do monoxenismo, que popularmente é coñecida como 'teoría da Eva africana'. Esta última tese defende que toda a humanidade actual procede dun mesmo antepasado común africano que evolucionou ao longo dos últimos 250 mil anos até desenvolver os diferentes grupos humanos actuais, que son a manifestación máis evidente da variabilidade humana.

Discursos ideolóxicos

  • A evolución humana foi e segue a ser a condición necesaria para a existencia de numerosos discursos ideolóxicos que, malia tomar pé en datos científicos, obedecen máis aos intereses da persoa que os produce (normalmente da Academia ou un voceiro das clases dominantes), que a evidencia científica. Neste sentido, son moitos os textos nos que se naturalizan as desigualdades sociais, como se estas fosen a expresión da nosa diversidade biolóxica e non estivesen historicamente determinadas, ou nos que se insiste na nosa natureza agresiva ou violenta. Porén, a evidencia científica dispoñible determina o contrario: a existencia humana sería inviable sen estratexias de cooperación e altruísmo; as máis antigas evidencias de violencia humana están vinculadas ao xurdimento de grupos sociais antagónicos no postpaleolítico... O racismo é un destes discursos ideolóxicos; non obstante, o concepto de 'raza', tal como o definiron nos séculos XVIII, XIX e XX médicos e antropólogos como Gobineau, Vallois ou Coon que clasificaban os seres humanos en grupos biolóxicos cunhas características físicas comúns e un desenvolvemento socio-cultural asociado, polo que se podían ordenar xerarquicamente nunha escala, na actualidade non ten ningunha validez científica.

Compartir el artículo

stats