Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Folerpas con maxia

Un inspector coma os de antes

Folerpas con maxia

Xosé Lois Ripalda é un MESTRE, así, con maiúsculas, forxado aula a aula, ensaísta ao longo de toda a súa vida, creador de volumes singulares e destacados na cultura galega como O libro das fontes ou A Galicia dos mil ríos entre moitos. Ao carón deste labor desenvolveu sempre con agarimo unha dedicación á literatura infantil e xuvenil.

En 2015 publica o libro O inspector Chumbo, onde aparecen as primeiras historias deste detective que viven en París e que engaiola o alumnado lector que lle concede o premio "Frei Martín Sarmiento."

Ripalta volve darlle vida a este personaxe que garda o sabor dos libros infantís de antes grazas tamén á vontade de estilo, especialmente coidadosa nas escollas léxicas. Con poucos trazos deseña cada unha das vinte e cinco historias deixando á imaxinación das lectoras e lectores completar o resto do proceso de investigación. Hai moito no volume de tradición oral e a sinxeleza da prosa e a brevidade das historias convértenas en lecturas especialmente acaídas para seren lidas en alto tanto na casa como nas aulas.

En ocasións as historias, como acontece en "O caso das campás", as historias só son aparentemente inocentes e atemporais, xa que no fondo agachan a interpretación do autor de problemas que se dan na actualidade, como acontece neste relato cos incendios forestais.

Volve o inspector Chumbo constitúe, de certo, unha lectura recomendada para quen queira atopar pequenas historias coma folerpas cun chisco de maxia.

RIPALDA, Xosé Lois: Volve o inspector Chumbo. Ir Indo Ed. Vigo. 2019, PVP. 14 ?

Compartir el artículo

stats