Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Silabario Cabanillas

Versos en loita e rosas

Silabario Cabanillas

Como ben escribe no prólogo Victor M. Caamaño Rivas, Ramón Cabanillas non fixo ningún silabario na súa vida, por máis que a súa muller, Eudosia, lle fose apoñer nunha ocasión, cando o gran poeta lle veu comunicar a próxima saída dun novo poemario da súa man, aquilo de "Boh, se fixeses silabarios...".

E tampouco son autores de semellante clase de manuais educativos, Ramón Caride e/ou Xosé Cobas. Poeta, narrador -así no eido da literatura infantil e xuvenil como, nesoutra, para todas as idades-, premio Blanco-Amor, premio Merlín e premio Vicente Risco, o primeiro de ambos; pintor e deseñador gráfico -asemade que premio Feten e premio Gourmand Coobook Wards-, o segundo, os dous foron embarcar, porén, neste tan breve como fermoso proxecto consistente en artellar un silabario Cabanillas que agora chega, felizmente, onde nós. "Agras", "Cambados" -naturalmente-, "Escalibor", "Roseira", "Teatro", "Zanfona": velaí os vocábulos esenciais e, xa que logo, os diversosmotivos que Ramón Caride glosa nos seus versos e que Xosé Cobas vén acompañar coa maxia das súas ilustracións. Todos eles conforman, daquela, este pequeno e inxel volume que se organiza como unha humilde, por máis que sentida homenaxe, a quen Antón Villar Ponte soubo cualificar no seu día como "o noso primeiro poeta moderno", a voz certa do movemento irmandiño a percorrer a mellor traxectoria das letras galegas de sempre.

"Fala que falar falamos/fala que fala por nós/neste recuncho do mundo/onde abrimos os nosos ollos (...) Fla de nós, que ben falas!/fala fidel da fe nosa./Fala da que somos feitos/no colo das nosas nais": así soan e así recenden asemade os versos deste novo novo silabario. Toda unha aprendizaxe da mellor poesía.

CARIDE, Ramón/COBAS, Xosé, Ramón Cabanilllas do A ao Z, Concello de Cambados, 2019, S/P

Compartir el artículo

stats