Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Arantza Portabales: "A literatura policial é a que mellor radiografía a sociedade"

Arantza Portabales,co seu novo libro, en Santiago. FOTO: xoán álvarez

- Beleza vermella é un cambio de rexistro case radical con respecto á súa anterior novela, Deixe a súa mensaxe despois do sinal . A que foi debido?

-É certo que pode parecer que hai un cambio radical. Pasamos dunha novela intimista, fonda, que fala ao ouvido do lector, que o fai recollerse e facer un exercicio de retrospección, a unha lectura trepidante, das que non dan acougo. Pero repara que vou negar á maior. Cando un remata o libro, máis aló da historia policial, quédalle a sensación de ter ido máis aló da mera resolución dun mero enigma. Ao final, os personaxes desta novela, ao igual que os de Deixe a súa mensaxe despois do sinal, son un pouco todos nós. Viven sometidos polo peso da culpa, das decisións do pasado, da conciencia dos seus propios erros. É unha historia pouco descritiva, case claustrofóbica, centrada na fondura psicolóxica dos personaxes. Todos estas características son predicables tamén da anterior novela. Dou o salto á novela longa tradicional, sen o artificio das mensaxes no contestador, que me axudaban a conciliar á Arantza microrrelatista coa novelista. Porén, a miña voz literaria segue a ser curta, concisa, pouco descritiva. É unha novela con moitos silencios. Non é habitual nunha novela negra, e coido que esa é a pegada que deixo nela. A miña voz está aí. Máis aló do cambio de xénero, eu son capaz de dicir que ambas as dúas son "moi Portabales".

-Non é a primeira vez que escribe novela negra (xa o fixo en Sobrevivindo ). O negro é un xénero que a atrae especialmente?

-Vaia por diante que non son unha experta no xénero, nin sequera é o que máis leo, pero si o que máis gozo escribindo. Gozo dosificando a información, xogando co lector, marcándolle rutas, unhas verdadeiras e outras que conducen a unha rúa sen saída. É como crear un labirinto, e logo acompañar o lector ata a saída. E despois , non podemos negar que é un xénero que é tradicionalmente entretido. De feito, iso fai caer sobre el o estigma de ser un xénero "inferior" no imaxinario de moita xente. Pero non podemos esquecer que a literatura policial e negra é a que mellor radiografía a sociedade.

-A súa licenciatura en Dereito faille máis doado contar historias coma esta ou obrígaa a ser máis rigorosa co que conta?

-Como unha especie de superstición, nas miñas novelas aparece sempre unha muller vencellada ao mundo do Dereito, decateime na terceira novela, ha, ha, ha! O certo é que me movo cómoda nos ambientes legais, se ben nunca exercín a avogacía. Pero non son nada rigorosa cos procedementos nin policiais nin xudiciais. O lector de hoxe en día ten toda esa información a golpe de click na rede. Non vou negar que houbo investigación. Un non se levanta pola mañá sabendo como queda unha gorxa despois dun degolo. Pero, mais aló de coidar os detalles, fun consciente de traizoar a realidade ás veces só pola pura necesidade de darlle ao lector a información que necesitaba en cada momento. Ese é o meu pacto co lector. Darlle o que sei que quere. Isto é literatura. El sábeo. Eu seino. Non hai enganos.

-A súa novela recorda moito o estilo dos relatos de Agatha Christi. Segue a ser ela, tamén para Vde., a raíña indiscutibledo xénero negro?

-Por algo se di. Foi a que supuxo o meu salto da literatura infantil á máis adulta, con dez ou once anos. Se ben cos anos atopei autores que me encheron máis dentro do xénero, o certo que todo o mundo Christie xera en min unha gran nostalxia, e estou nunha etapa da miña vida no que a nostalxia é un sentimento moi reconfortante. No fin de contas, o carácter selectivo da nosa memoria fainos crer que a infancia era ese lugar onde nada malo podía pasar. Téñoa asociada a esa sensación de pulsión lectora, de descubrimento. E dende o punto de vista da técnica literaria, sempre me marabillou a súa capacidade para definir os trazos do carácter dos seus personaxes cunhas leves pinceladas.

-En vez dun investigador, recorre Vde. a dous, o comisario Santi Abad e a xove policía Ana Barroso. Quixera que me falara deles, de como é Diego Santi e de como é Ana.

-Santi e Ana son a sorpresa desta novela, para min. Na miña planificación inicial, o peso da narración recaía no psiquiatra. Ana nin sequera existía. E de súpeto foron tomando vida. Son personaxes complexos. El é un personaxe con moitos matices grises, coa fascinación que provoca un antiheroe consciente das súas eivas e demos internos. Ela é un personaxe feminino forte, coma todas as mulleres das miñas novelas, pero cunha fraxilidade interna que a fai loitar contra o mundo cada día.

-E a relación entre eles non ten nada que ver coa que teñen Sherlock Holmes e o doctor Watson, ou si?

-Non é unha reflexión que fixera, pero coido que non. Nin tampouco con Poirot e Hastings. E dende logo non prevalecen intelectualmente un sobre o outro como sucede cos anteriores. Abad peca de condescendente pero é xeneroso. Coido que a parella como tal non me lembra a ninguén. Ou, polo menos, non conscientemente. Quizais el me lembre un pouco ao Lynley "ferido" das ultimas novelas de Elisabeth George. Pero son moi galegos.

-Nunha recente entrevista confesaba que escribir esta novela foi para Vde. moi divertido. En que sentido o di? É que acaso non disfrutou tamén escribindo as outras?

-Claro que gocei escribindo as outras. Para min a literatura sempre é catarse fronte á vida real. Nunca é sufrimento. Pero Deixe a súa mensaxe? é unha novela que rabuñaba fondo, que me fixo reflexionar sobre a miña vida, sobre aspectos que estaban agochados en min, fíxome enfrontarme á morte e revivir perdas, e fíxome afondar nas miñas relacións cos meus seres queridos e na miña propia incomunicación. Penso que tamén lles sucedeu aos lectores. Porén, en Sobrevivindo e en Beleza vermella, gocei do xogo. É divertido ser unha araña tecendo a tea na que o lector se abala por vontade propia. Nese senso a novela negra resúltame máis atractiva como escritora, aínda que sempre acabo presa dos meus personaxes, sempre acabo mergullada na súa psique.

-Por que coida que a novela negra tivo, ten e terá tantos lectores/as?

-Porque, sen dúbida, todos experimentamos unha forte fascinación polo lado escuro do ser humano. Ademais, resúltanos reconfortante saber que todos os pensamentos desequilibrados que nos acoden ao longo da nosa vida, non son só nosos. Axúdanos a normalizar a nosa propia escuridade. Esa que todos negamos. ter, A que todos agochamos e que nunca nos permitimos verbalizar. Por iso situei o horror fóra da marxinalidade. Nun momento determinado, a mente de calquera pode colapsar, pode facer crack. Estou convencidadiso. E, finalmente, porque non podemos esquecer que é moi, pero que moi entretida. Puro divertimento.

Compartir el artículo

stats