Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Dominar a imaxe

No adeus a Ibáñez Serrador

O realizador de televisión e director de cine Narciso Ibáñez Serrador (1935-2019).

Foron os formalistas rusos, entre os anos 1915 e 1930, os que elaboraron os conceptos de automatización e desautomatización. Tales nocións coinciden en considerar que o individuo, na rutina da súa vida cotiá chega a automatizar a súa percepción e, polo tanto, unha das funcións da arte consiste en provocar uns efectos singulares nos individuos, enriquecendo, á súa vez, a percepción do seu entorno. Extrapolando estes conceptos ao mundo cinematográfico, concluímos que o proceso de desautomatización resulta de refutar uns recursos automatizados -recursos que un uso reiterado converte en elementos codificados da linguaxe fílmica- imprimindo deste xeito unha pegada persoal a partir da súa propia creatividade. Sobre Chicho Ibáñez Serrador, nestas días de obituario, escribíronse moitas laudatios, enfocados maioritariamente a realzar a súa faceta como cineasta e director televisivo; porén, neste escrito gustaríame destacar o seu persoal estilo, que acadaba grazas a ese afán por crear unha obra nova desde a oposición a unhas pautas establecidas.

Para tal cometido, apelarei á posta en forma dunha das dúas obras mestras que conforman o seu breve, pero penetrante, filmografía, concretamente ¿Quién puede matar a un niño? (1976). No célebre libro de conversas de François Truffaut e Alfred Hitchcock, o cineasta británico desvelaba que na famosa escena do avión que persegue a Cary Grant en North by Northwest (en español, Con la muerte en los talones, 1959) buscaba reaccionar contra un manido clixé: un home preséntase nun lugar no que probablemente vai ser asasinado. O habitual sería situar a acción nunha noite escura e nunha pequena praza dunha cidade, co pavimento mollado pola chuvia. De aí que, fronte a estes convencionalismos, Hithchcock optase por levar a secuencia a un deserto a plena luz do día. Dezasete anos despois, Ibáñez Serrador foi aínda máis lonxe nesa pretensión rupturista, e apostou por filmar unha película enteira de terror, ¿Quién puede matar a un niño?, con luz diúrna diáfana nun lugar paradisíaco.

Nun momento da película, o protagonista masculino -interpretado polo actor australiano Lewis Fiander- tópase, en medio da rúa, cara a cara fronte a un grupo de rapaces que o perseguen para asasinalo. O modo de filmación desta pasaxe sintetiza o carácter desautomatizador de todo o filme e, ademais, pon de relevo o dominio absoluto que Ibáñez Serrador tiña da imaxe. Nun momento determinado, a cámara sitúase a ras de chan detrás do protagonista (plano semisubxectivo), de quen o espectador unicamente pode contemplar as súas pernas e a punta dunha metralleta que lle permite intimidar aos rapaces, de pé fronte a el, estáticos, amosando os seus rostros á cámara. A luz xoga un importante papel na separación dos espazos enfrontados: a sombra cobre o corpo do protagonista mentres que a claridade baña o grupo de nenos. En definitiva, nesta imaxe podemos comprobar de que xeito o director dá volta a todos os códigos das películas de terror. El é o que vai armado, o que fica deshumanizado por non amosar o seu rostro, o que é cuberto por unha luz sombría, namentres os rapaces sorrín á cámara, visten roupa clara ou de cores vivas e permanecen no lado luminoso da escena. En realidade, estamos ante un "plano semisubxectivo invertido"; é dicir, en vez de solidarizarnos rotundamente co personaxe co cal compartimos a mirada, en realidade, a composición busca repartir empatías: evidentemente estamos de lado do protagonista, pero enfronte, tal e como se nos presenta a escena, temos a un grupo de rapaces ameazados cunha metralleta, amosando o seu rostro inocente e filmados cunha bonita luz de verán. Como enfrontarnos a eles? En definitiva, quen pode matar a un neno?

Marca autoral

  • Ao falar de marca autoral nun proceso creativo, estamos facendo alusión a esas pegadas enunciativas que evidencian un demiurgo creador. Canto máis orixinais e rupturistas resultan esas pegadas, a personalidade do autor emerxe con maior nitidez por riba do enunciado. A presenza de Chicho Ibáñez Serrador no programa máis famoso da televisión en España, Un, dos tres...responda otra vez, viña evidenciada polas aparicións introdutorias antes de iniciar o show, herdeiras das presentacións previas dos capítulos de Historias para no dormir, que, á súa vez, estaban inspiradas nos prólogos de Alfred Hitchcock en Alfred Hitchcock presenta. Agora ben, a marca autoral adoita ser moito máis implícita que a aparición do propio autor e, neste caso, esas marcas do enunciador aparecían constantemente por medio de trazos que ían configurando unha fisionomía propia no programa/concurso familiar. A ironía, a maxia, o suspense, os sustos, o humor negro, a sorpresa, etc. Todos eles, trazos que pretenden capturar a atención do espectador que sentaba diante do receptor, totalmente entregado aos trucos de prestidixitador, espectadores que cedían gustosamente o control da súas emocións a un creador capaz de transmitir múltiples e variadas sensacións a un público plural.

Compartir el artículo

stats