Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un conto de empoderhadas

Da novela gráfica de Raquel Córcoles

Raquel Córcoles.

Idiotizadas, un cuento de empoderhadas (Planeta, 2017) é a cuarta novela gráfica de Moderna de Pueblo, o álter ego de Raquel Córcoles (Reus, 1986). Podes recoñecela tanto pola súa melena loura cun floco ben marcado e mais as súas eternas lentes de sol negras como polo humor frívolo e amor-odio á pose moderna. Moderna de Pueblo causaba furor nas redes sociais e agora tamén o fai nas librerías. O seu maior éxito editorial, ata agora, chegou da man de Los capullos no regalan flores (Lumen, 2013), novela que alcanzou a novena edición en apenas dous anos.

Idiotizadas é un conto actualizado de "antiprincesas" no que a protagonista, Moderna de Pueblo, comeza o seu proceso para, en palabras da autora, "desaprender o que nunca deberían ensinarnos" ao chegar á cidade. Cargada de feitizos idiotizantes e de estereotipos acerca de como deberían ser unha muller e a súa vida, esperta do seu letargo cando coñece as súas amigas e mentoras Gordinieves, Zorricienta e La Sirenita Pescada, que a acompañarán ao longo da novela e usarán as súas propias experiencias para romper todos eses meigallos e liberala dos convencionalismos. Co precedente da súa nai en mente, quen deixou todo por un home sen conseguir un final feliz, Moderna ten claro que o máis importante da vida é a independencia. Por iso, cando por fin atopa alguén, ten medo de deixalo todo por el e volver caer fulminada como por un maleficio.

A autora consegue achegarse a un tema poliédrico e baixalo á terra sen renunciar ao seu estilo habitual -sarcasmo hipster mesturado con humor cotián-, o que fai que logre conectar cunha gran porcentaxe de xente nova. Aborda de forma crítica, aínda que ás veces algo simple, cuestións interesantes e necesarias como a visión do amor romántico, os convencionalismos acerca das parellas heteronormativas (a diversidade non está moi presente na obra), a maternidade, os estereotipos femininos, a dobre moral con respecto aos homes, a necesidade dun príncipe, o body shaming? Sempre enxalzando o poder da amizade (feminina).

A mensaxe imperante é positiva, pero a súa aproximación peca, xustamente, de paternalista. É innegable que acabamos neste punto por educación e ambiente social, e que, aínda que as mulleres son as grandes damnificadas (fóra de cuestión), os roles binarios históricos acaban por afectarnos a todos. A visión que mostra da amizade acaba resultando paradoxal: esas amigas que te liberan dos feitizos alleos pretenden que vivas segundo os seus principios. De non ser así, corres o risco de que te cataloguen como unha agonías "cortarrollos". O mesmo ocorre coa crítica, moi necesaria, aos convencionalismos e á obriga que impón a sociedade de escoller un modelo de vida que parece único. Acaba caendo na súa propia trampa ao criticar e non aceptar estilos de vida diferentes ao que ten idealizado, escollidos estes, probablemente, desde o desenvolvemento persoal e o individualismo. Parte destes problemas derivan dunha simplificación da mensaxe que, aínda que de primeiras poida parecer algo exclusivamente negativo, tamén achega claridade e forza; unha mensaxe moi directa e un discurso alcanzable para todas aquelas persoas que non espertaron ao feminismo.

Córcoles recoñece que non abriu os ollos ata que non cumpriu os trinta. Por iso e con todo, este libro é un paso importante na carreira da autora e unha lectura interesante. O proceso de creación da novela levouna ao revisar a súa propia obra, analizando viñetas machistas anteriores e comentándoas co seu públicoque, lembremos, é bastante amplo. Tanto polo seu potencial para chegar a moita xente como pola necesidade que existe de asentar aínda conceptos básicos, esta novela gráfica dista de ser perfecta, pero é un pequeno triunfo. Como defende Virginie Despentes (Francia, 1969), nunca resta que figuras sociais mainstream, como as influencers, lle dean visibilidade ao feminismo. Creo que deberiamos alegrarnos de que Moderna de Pueblo decidise alternar as lentes de sol coas lentes violetas. Pola miña banda, xa teño curiosidade por ver a onde se dirixe.

Moderna de Pueblo

  • Moderna de Pueblo é unha personaxe de cómic a través da cal Raquel Córcoles (Reus, 1986) reflicte de forma humorística as súas aventuras e desventuras na gran cidade. Con vinte anos, Córcoles múdase a Madrid para finalizar Xornalismo na Universidade Rey Juan Carlos. Empeza a traballar como creativa nunha axencia e, logo da súa desilusión coa publicidade, decide recuperar outra paixón: a banda deseñada. En 2011, Glénat publica Soy de pueblo e, para promover o título, Raquel abre unha páxina de Facebook chamada "Moderna de Pueblo". Aí empeza a lenda. Ou a viralidade. O caso é que lle dá a oportunidade de colaborar con revistas como El Jueves, Cuore, El País ou GQ. Xunto á súa parella, Carlos Carrero (Madrid, 1984), coguionista e fundador da tenda en liña Tantanfan (actualmente do Grupo Planeta), continúa desenvolvendo o proxecto artístico e aparece Los capullos no regalan flores (Lumen, 2013), o seu primeiro grande éxito editorial con máis de 50 000 exemplares vendidos. A popularidade da obra lévaa a publicar un spin-off protagonizado por un dos seus personaxes, Cooltureta: la novela gráfica (Lumen, 2014). En 2017 ve a luz a súa cuarta novela, Idiotizadas, un cuento de empoderhadas (Planeta). Moderna de Pueblo é unha eminencia nas redes sociais. Ademais das súas novelas gráficas, poderás atopar en Internet e nalgunhas tendas físicas produtos de todo tipo relacionados con esta personaxe.

Compartir el artículo

stats