Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Realidade ficcionada

Metáforas e esperanzas

Realidade ficcionada

Tradición e modernidade, ideoloxía e desexos, honra e perfidia entremestúranse na novela que Ánxela Gracián, As voces da auga, vén de publicar en Baía Edicións e que foi gañadora da oitava edición do Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Meiga Moira.

Parece ser que unha experiencia persoal da escritora levouna a afondar na cultura chinesa e despois de ter escoitado de primeira man a historia que un home, xa maior, lle revelou no país asiático e de terse documentado amplamente deu ao prelo esta historia na que a voz/as voces e a auga cobran un sentido especial ao poñelas en boca de homes e mulleres, rapazas e rapaces vinculados de por vida á terra e ao pasado, pero con soños que falan dun futuro mellor no que os ideais nobres venzan os estereotipos que, a miúdo, atafegan á sociedade ou -mellor dito- a un sector concreto de dita sociedade.

Vestir o quipao de seda vermella supón para Li un punto de inflexión na súa vida e tamén o comezo dunha historia que se move entre o presente e o pasado nunha sorte de saltos que irán descubrindo a vida dunha familia vítima e protagonista da tradición e do conservadorismo e que, aínda que supón ficción, presenta puntos de conexión coa realidade, cunha época non tan afastada no tempo no que as leis tiñan que ser respectadas e acatadas a pesar da súa falta de actualidade e ata do seu sensentido porque o dereito consuetudinario así o obrigaba.

O traballo nos arrozais, a procura de sustento, a loita pola supervivencia ou mesmo aínda a nostalxia son algúns dos trazos nos que se asenta o relato. Nel resoan os ecos dun pasado que se daba por extinguido, dun presente nada doado de soportar e dun futuro pouco alentador, mais por riba de todo eríxese a voz da sensatez e da auga que aí está para dar testemuño da importancia dos sentimentos que felizmente acaban impoñéndose sobre todo o demais.

Pola súa parte, o discurso claro, directo e impregnado de metáforas axuda a dixerir o contido e ameniza a narración, facendo do texto un exemplo de realidade ficcionada que serve para suxerir un aire de esperanza moi interesante.

GRACIÁN, Ánxela, As voces da auga, Ed. Baía, A coruña, 2019, PVP. 13, 50 ?

Compartir el artículo

stats