Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Continentes, células, meteoros

Historia da ciencia (XIII)

Continentes, células, meteoros

Ao longo do século XX moitas das disciplinas científicas exploradas intensamente en séculos anteriores apenas sufriron modificacións substanciais; non obstante, tres disciplinas científicas foron obxecto de importantes avances científicos.

A tectónica de placas e a formación dos continentes: No ano 1915 Wegener publica o libro A xénese dos continentes e os océanos, no que sostén que a disposición dos continentes sobre a superficie terrestre é o resultado dun proceso de deriva continental que xustifica en base a probas xeolóxicas, paleontolóxicas e paleoclimáticas. A todas luces, a unión entre África e América do sur parecía un feito incontestable, pero quedaba moito por explicar! Principalmente, como se desprazaban. No ano 1945 Holmes achega unha resposta plausible: no manto existen unhas fortes correntes de convección que son as responsables do movemento dos continentes e da formación dos océanos, teoría que Hess confirma no ano 1962 grazas a novas achegas procedentes do estudo das dorsais e dos fondos oceánicos.

Paralelamente, en 1965 Wilson define o concepto de falla transformante, o que lle permite definir a existencia de placas tectónicas que se moven sobre a superficie terrestre ao longo de amplos ciclos xeolóxicos de arredor de 250 ou 300 millóns de anos. En 1968, a publicación dun artigo no que Olivier explica a sismicidade terrestre como consecuencia da tectónica de placas, é a confirmación definitiva da teoría e a constatación definitiva de que a superficie da Terra non se mantivo inmóbil ao longo dos anos, como sostiñan as teorías fixicistas.

Da observación do tempo á predición meteorolóxica: A meteoroloxía moderna xorde no ano 1904, cando o noruegués Bjerknes propuxo enfocar a predición do tempo como un problema de valores iniciais partindo da observación tridimensional da atmosfera: a circulación atmosférica en superficie e en altura.

Ora ben, o desembarco de Normandía, marcou un fito fundamental no desenvolvemento da meteoroloxía. Efectivamente, para que o desembarco de Normandía fose un éxito era necesario que coincidisen varios factores: boa visibilidade e mar pouco axitado, marea baixa, ventos febles e terreo non enchoupado. En definitiva: había que facer coincidir nun mesmo día e hora: marea baixa, lúa chea, ventos suaves e tempo seco! A combinación da marea e a lúa deixaba pouca marxe de manobra, pero había que prognosticar con varios días de antelación o tempo que ía facer! Algo que no ano 1944 non era posible.

Do 2 ao 5 de xuño celebráronse varias xuntanzas nas que se trataba de decidir o día do desembarco, que finalmente tivo lugar o 6 de madrugada..., cando os alemáns esperaban unha forte borrasca.

Obviamente, naqueles días dilucidouse cal era o modelo de predición meteorolóxica máis axeitado: o norteamericano, baseado nun modelo de circulación en superficie das borrascas e que procedía por comparación con situacións análogas, ou o británico, liderado polo noruegués Petterssen, que incluía analizar os cambios na alta atmosfera. A síntese que se viron obrigados a realizar, abriu paso á moderna meteoroloxía, baseada en modelos numéricos de simulación da atmosfera obtidos a partir dos datos atmosféricos procedentes da observación meteorolóxica en todo o mundo e por medios diversos.

Da célula ao proxecto xenoma humano:Ao longo do século XIX realizáronse unha serie de feitos que serían fundamentais para o desenvolvemento da xenética no século XX: o descubrimento dos cromosomas no interior dunha estrutura celular, grazas aos traballos de Nägeli no ano 1842 e o descubrimento dunhas moléculas ricas en fosfato no núcleo duns glóbulos brancos, illados por Miescher no ano 1869 e aos que chamou nucleínas (hoxe, ácidos nucleicos).

ADN e xenoma

  • No ano 2003 anunciouse a secuenciación completa do xenoma humano fiable nun 99%; obviamente, para chegar a conseguir ese fito científico foi necesario un esforzo científico continuado que comezou no século XIX. Nesta longa traxectoria foi fundamental o descubrimento de que os nucleótidos estaban formados por unha base nitroxenada unida a un azucre e un fosfato, o que logrou Levene en 1919 e a identificación, realizada por Kossel e Levene en 1930, de que as bases nitroxenadas eran catro: citosina, timina, adenina e guanina, que só até 1950 se descobre que non se repetían nunha orde fixa. Paralelamente, tamén no ano 1950 Bárbara MacClintock descobre os transposóns e no ano 1952 Rosalind Franklind obtén a fotografía 51, a primeira imaxe do ADN realizada mediante difracción de raios X, unha proba fundamental para describir a estrutura de dupla hélice do ADN, proposta por Watson e Crick no ano 1953. A partir dese momento novos acontecementos abren o camiño a unha profunda revolución na medicina e na industria alimentaria: en 1962 realízase o primeiro experimento de clonación dunha célula, en 1970 lógrase manipular fragmentos de ADN grazas ao descubrimento das enzimas de restrición, en 1982 créanse os primeiros organismos transxénicos e en 1995 comeza secuenciarse o xenoma dun organismo vivo.

Compartir el artículo

stats