Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Co mar de por medio

Arturo Souto entre Galiza, Europa e América

Co mar de por medio

A viguesa Galería Montenegro presenta unha mostra dedicada a Arturo Souto (1902-1964) un pintor que xogou un papel relevante na renovación da arte galega anterior á Guerra Civil mais que tamén debe ser considerado no contexto internacional da época en que viviu, co que mantén unha interesantísima ligazón, primeiramente no cadro da Europa dos anos vinte e trinta e logo no ámbito cultural do exilio americano.

Na súa evolución, que hai que situar na figuración europea de entreguerras, a pintura do pontevedrés amosa a solidez das súas formas volumétricas eliminando o pormenor, con faces arquetípicas como as que daquela facían outros creadores galegos. Estas representacións fan fincapé no carácter popular das figuras situadas en ámbitos de traballo que atinxen frecuentemente un fondo sentido social.

Nesta liña, cando trata temas explicitamente galegos, amosa as ligazóns formais con artistas como Maside, Colmeiro, Torres ou Laxeiro. A temática nitidamente galega, introducida polos tipos representados e polas formas case escultóricas fai que recoñezamos pinturas como esta como parte dunha retórica ligada a factores identitarios, froito do contacto coa terra, coa tradición, e tamén consecuencia dunha reflexión cultural e ideolóxica.

Esta fórmula tamén se traslada a representacións non explicitamente galegas. Se tomamos, por exemplo o óleo Composición (Mulatas con cántaros) (1933) -presente na mostra-, podemos observar que ten unha rotundidade semellante ás mulleres de Maside, mais cuns trazos de primitivismo, en certo senso, máis refinados, especialmente no tratamento da face, con pómulos redondeados, ollos rasgados e pequenos beizos, que parecen delatar influxos exóticos, comúns na arte europea desta altura.

En Espantallo presenta un universo que nos transporta a inequívocas referencias italianas. Tamén se pode percibir a proximidade a Giorgio de Chirico e á pintura metafísica noutras obras de Souto desta altura. O Espantallo evoca un mundo estraño entre o enigma e o misterio. Neste sentido é especialmente significativa unha obra como Entroido (ca. 1933-1934). Souto recolle en lenzos como este os temas das máscaras, bonecas e xoguetes, desacougantes e popularizados na arte de entreguerras, e por medio deles o noso artista aparece ligado ao ambiente estético internacional. Pero estas representacións sofren unha metamorfose que as transforma en carautas de entroido ou en espantallos, moradores dun mundo ao tempo gozoso e sinistro. Este proceso tamén se pode detectar na obra de Laxeiro da mesma época.

Esta presenza da temática figurativa europea dos anos vinte e trinta na obra de Souto faise moi intensa nas naturezas mortas e tamén en cadros de escenas. Entre estes últimos salientan os de temas circenses como o óleo Farándula (ca. 1932). O cadro -de evidentes ecos italianos- insírese de cheo nunha das correntes máis importantes dos anos vinte e trinta: a que adopta o clasicismo como referente, un clasicismo renovado do que Pablo Picasso foi un dos máis senlleiros expoñentes. Estamos perante un tipo de figuración que ten na ambigüidade e no sentimento melancólico -que analizou o historiador de arte Jean Clair para este período- algúns dos seus máis sólidos argumentos.

Coa Guerra Civil a obra plástica de Souto reforza os aspectos, xa presentes, virados cara o político, realizando óleos de temática combativa, comprometidos coa legalidade republicana, pero sobre todo traballa no debuxo e no gravado postos ao servizo das publicacións de propaganda de guerra e reproducidos en revistas, participando tamén na ilustración de libros.

Da mesma matriz temática proceden así mesmo os óleos de desoladas paisaxes castelás -moi ben reperesntados na exposición-, froito da experiencia visual da guerra, e que Souto foi realizar no transcorrer dos anos do conflito mais tamén xa durante o seu exilio americano. Insírense dentro dun realismo social, non exento de toques expresionistas, cun amoreamento de pinceladas, con texturas marcadas, presentando un ambiente esgrevio.

O exilio

  • En Nova York primeiro, logo de pasar por Cuba, e definitivamente en México, vive o exilio Arturo Souto. Durante os anos corenta a súa pintura acentúa a análise da tradición da historia da arte, como no óleo O rapto (1943), en que se serve da fórmulas do barroco. Trátase dunha obra non exenta de toques expresionistas, con texturas marcadas, presentando unha escena que lembra unha piedade, cun colorismo matizado e seco, de enorme atractivo. A pintura de Arturo Souto amósasenos, pois, notabelmente ligada ás correntes e debates estéticos e ideolóxicos dos anos vinte e trinta en Europa -etapa da súa formación e primeira madurez- e, ao tempo, consegue afirmar unha forte personalidade, en que o referente galego xogou un papel importante mais non exclusivo. A conformación da súa obra preséntasenos como un proceso que se configura como permeábel ás diferentes tensións globais coevas e en sintonía cos debates estéticos do momento no ámbito internacional, un contexto en que o noso artista foi quen de afirmar unha personalidade senlleira a partir do seu dominio da técnica pictórica e dunha comprensión dos ámbitos estéticos en que desenvolveu o seu labor. Unha vida e unha obra vivida "mar por medio", entre Galiza, Europa e América.

Compartir el artículo

stats