Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cen anos da Bauhaus

Na cerna do deseño do século XX

Walter Gropius (1883-1969), fundador da Escola.

Unha das consecuencias que tivo a derrota dos imperios alemán e austro-húngaro de 1918 afectou a estética: enterrar para sempre a arquitectura barroquizante. No tránsito entre os séculos XIX e XX, as burguesías industriais e financeiras europeas quixeran demostrar a súa puxanza e para iso optaron pola corrente chamada, segundo os países, Modernismo, Art Nouveau, Jugendstil, Sezession ou Florale. Un estilo exuberante e que primaba os labores artesanais nas artes aplicadas e decorativas. O luxo, en definitiva.

Contra eses excesos, ben axiña apareceu -a maneira de péndulo- unha primeira resposta que desornamentaba e rachaba co historicismo, un de cuxos exemplos foi o austríaco Adolf Loos. Freada a progresión deste estilo co comezo da conflito mundial, as limitacións da posguerra forzaron unha opción que combinase sinxeleza, practicidade e modernidade. O iniciador desta empresa foi Walter Gropius, fundador en 1919 da S taatliches Bauhaus (en alemán, 'construción de edificios') coa vontade de aplicar o lema "A forma segue á función". Esta escola de arquitectura, deseño, arte e oficios artísticos -en converxencia coa industria- foi a máis influínte do século XX. Tivo a súa primeira sede en Weimar, a capital da nacente república alemá, paradoxalmente un símbolo do clasicismo xermánico.

Coa Bauhaus comezou un xiro radical nas concepcións arquitectónica e artística, unidas xa indefectiblemente. Non era unicamente a (dobre) resposta a un réxime caducado e a un estilo pasado xa inviable. Aproveitaba tamén os experimentos vangardistas emerxidos durante a guerra e a revolución soviética, moi especialmente os do ruso Vasili Kandinski, incorporado á Bauhaus en 1922, que foron publicados en Punto e liña sobre o plano (1926). E tamén artistas como Gerhard Marcks, Lyonel Feininger, Lászlo Moholy-Nagy ou Paul Klee.

O motor da Bauhaus á hora de deseñar construcións, mobles, arte suntuaria, obxectos de uso cotiá foi a xeometría pero sen negar o seu principal obxectivo: a calidez e a funcionalidade dos resultados. Con Gropius e Kandinski estiveron Peter Keler, Marianne Brandt, Wilhelm Wagenfeld, Carl J. Jucker, Alma Siedhoff-Buscher ou Marcel Breuer no ámbito do deseño (mobiliario, pezas de uso doméstico). E no campo da arquitectura, Mies van der Rohe, Lilly Reich e o propio Gropius.

Deste cabe salientar algúns edificios construídos na cidade saxona de Dessau: o destinado a acoller a escola cando foi expulsada de Weimar, a Casa dos Mestres, a Colonia Törten ou a Oficina de emprego, entre outros. Con clara vontade de utilitarismo social, Gropius orientou a súa actividade naqueles anos á construción de bloques de vivendas. Neste sentido foi importante a incorporación do suízo Hannes Meyer, defensor de dar prioridade ás necesidades das persoas por riba do luxo, quen sucedeu a Gropius na dirección da Bauhaus.

De Van der Rohe (sucesor de Meyer en 1930) paga a pena sinalar -ademais das casas que ergueu en Berlín- a Villa Tugendhat (Brno, 1930), na mesma liña que aplicara no Pavillón de Alemaña na Exposición Internacional de Barcelona (1929), deseñados con Lilly Reich. O pavillón foi encargado pola República de Weimar para representar os valores democráticos e pacifistas. Cun deseño sinxelo pero ambicioso verbo da calidade dos elementos, tamén deseñou elementos do interior (como a "cadeira Barcelona") e do exterior, con dous estanques, no máis pequeno dos cales colocou a escultura "Alba" de G. Klobe.

A chegada dos nazis ao poder en 1933 supuxo o fin da República de Weimar e da Bauhaus, malia a prudencia de Van der Rohe ao optar pola estética estrita. Gropius marchou ao exilio ao Reino Unido e aos Estados Unidos, o mesmo destino que seguiu Van der Rohe. Malia esta circunstancia, a Bauhaus venceu aos atrancos da historia. Así, o pavillón barcelonés de Mies van der Rohe, desmontado en 1930, foi reconstruído en 1983 grazas á constitución dunha fundación dedicada á memoria do seu autor. En canto a Gropius, a UNESCO nomeou as súas construcións en Weimar e Dessau patrimonio material da humanidade (1996).

Compartir el artículo

stats