Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Arredor do transmundo

A ollada de (nos)outros

Arredor do transmundo

Baixo o título Nuredin o taxista e Amedine o pintor. Crónicas e figuracións dun transmundo colonial, escólmanse unhas series de artigos a xeito de crónica do Consello Internacional do Foro Social Mundial celebrado en Rabat en 2009, e do propio Foro que se celebrou en Dakar en 2011, inicialmente aparecidos nas comparecencias dominicais do autor no Galicia Hoxe. Ese núcleo vai completarse con outros artigos que son relecturas de Luciano Canfora sobre a idea de democracia, relecturas do Retrato do colonizado de Memmi e un retrinco final orwelliano sobre o que imos volver.

Malia seren verídicas as crónicas das xuntanzas do FSM, segundo afirma no adro o autor, están escritas a xeito de ficcionalización autobiográfica. Quen aquí nos fala é o propio Beiras, e non só do que acontece nas xuntanzas ás que asiste, ou do que acontece en Galicia -no seo do BNG- mentres asiste a eses foros, senón do que lle acontece no máis íntimo, a soidade que lle cae enriba, os pesadelos que ten, a nostalxia que sinte. Antes que escudarse na personaxe ficticia, o Beiras preséntase ante nós espido nos adentros. E hai algo máis: a ollada do outro. Non a do personaxe interposto como recurso, de sermos nos-outros. As olladas de Nuredin o taxista, de Amedine o pintor, dos mariñeiros galegos que van ás plataformas e coinciden co cronista no aeroporto...

Ser quen de ver cos propios ollos pero coa ollada dos outros. O transmundo. No artigo final, esta rara capacidade convértese nunha rillotada sarcástica. Unha brincadeira pretendidamente escrita un día dos Santos Inocentes, na que Beiras rescata a alegoría orwelliana do Animal farm para se doer, para doérmonos, do cainismo que nos incapacita para trasladar os movementos sociais á instancia política. Que é do que vai este libro.

Ao rescatar a devandita alegoría nun exemplar dunha edición que, seica, o propio Beiras garda na súa biblioteca, no raro volume vénnos descubir un apéndice pouco coñecido, un "documento apócrifo atribuído a Snowball", que "semella ser unha mensaxe póstuma" desoutro personaxe do Animal farm, Bóla de Neve, da que Beiras transcribe uns anacos que el mesmo podería subscribir palabra por palabra: "Sempre preferín traballar a prol da paz que alistarme para facer a guerra. Son un racionalista ético convicto e confeso...".

Podedes lelo, desde logo, nas páxinas desta recente publicación de Laiovento... porque acontece que o documento apócrifo non aparece en tradución ningunha do Animal farm.

BEIRAS, Xosé Manuel, Nuredin o taxista e Amedine o pintor, Ed. Laiovento, Santiago, 2019, PVP. 14 ?

Compartir el artículo

stats