Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Anxo Angueira: "A Rosalía de En las orillas del Sar tamén é nosa"

O escritor, ensaísta e filólogo Anxo Angueira.

-Ténselle dado moitas voltas pero, a fin de contas, atopou Vde. a razón pola que Rosalía de Castro escribiu en castelán En las orillas del Sar ?

-Non, porque se trata dunha razón persoal da autora que obedece a un proxecto literario particular e que non deu explicado en ningures. A obra non ten o prólogo que teñen outras, nas que Rosalía se explica a fondo. O que si sei é que iso non ten que ver coa recepción en Galicia dun artigo seu, "Costumbres gallegas", dado que a decisión estaba tomada antes, e que esa decisión non era dimitir de Galicia e do mesmo proxecto político, intelectual e literario que Rosalía erguera con Cantares gallegos e Follas novas.

-Este foi o derradeiro poemario publicado por Rosalía: correspóndese cos últimos poemas que escribiu ou, polo contrario, a maioría dos textos de En las orillas del Sar foron escritos moitos anos antes?

-A base do libro está formada por poemas escritos entre 1882 e 1883, textos que ela publica neses anos maiormente nas páxinas dun xornal bonaerense, La Nación Española, dirixido polo padronés Manuel Barros, axente galeguista de decisiva importancia para o libro. Nun tempo en que as revistas galegas de referencia estaban pechadas no contexto político da Restauración, a emigración galega de Buenos Aires ábrelle as portas a Rosalía, como antes o fixera a de Cuba con Follas novas. Os poemas incorporados de períodos anteriores non son significativos.

-Á marxe do idioma, que elementos destacables atopamos en En las orillas del Sar que non estiveran xa en Follas novas e Cantares gallegos ?

-O proxecto poético da nosa autora avanza agora cara unha nova concepción do poema, moi longo ou organizado en series, algo que as edicións máis difundidas infelizmente desvirtuaron. Por outro lado, a poética do libro non é a do adeus, como podía ser en Follas novas, é a da finitude. Colócanos diante do paso do tempo e da morte. Rosalía reflexiona sobre as angustias e o drama existencial, diante do acabamento. Non é o final noso, é o final, o acabamento de todo, cósmico: todo o que existe desaparecerá. Nin a relixión nin a ciencia nos consolan. Pero segue a Rosalía feminista, a que pon os ollos en Penélope e non en Ulises, en Margarita e non en Fausto. Como continúa a poeta nacional galega que canta os carballos coma un símbolo permanente de Galicia, insiste na traxedia da emigración ou denuncia a tala do bosque de Conxo, patrimonio ecolóxico pero tamén simbólico para o proxecto de liberdade e de dignidade para Galicia iniciado en 1846.

-Na presentación desta edición, dixo Vde. que esta obra non foi entendida no seu tempo, nin na literatura española nin no ámbito galeguista. Gustaríame que me explicase este dobre rexeitamento.

-O certo é que a recepción de En las orillas del Sar, igual que a súa peripecia editorial, foi moi desafortunada. No campo literario español foi silenciada. Azorín fala de que foi recibida con "hostilidad e incomprensión" e ningún dos seus poemas mereceu a dignidade das antoloxías do seu tempo. En boa medida, polo que significaba xa naquela altura Rosalía en canto ao seu perfil galeguista. Aquí tampouco se entendeu que escribise en castelán despois de ser ela unha especie de bandeira da recuperación do galego coas súas obras poéticas anteriores. Estamos a tempo de corrixir esta desafección, polo menos desde o campo literario galego: a Rosalía de En las orillas del Sar tamén é nosa.

-Dada a consideración que se ten de Rosalía como matriarca das letras galegas, sería unha ousadía, incluso un "escándalo", afirmar, a estas alturas, que En las orillas del Sar (escrita en castelán) é a súa mellor obra?

-Eu, desde logo, non sei cal é a súa mellor obra. Fixen as edicións críticas das súas principais obras poéticas e en cada unha delas tiven a sensación de estar diante de libros extraordinarios, propios dunha autora riquísima en múltiples aspectos e que me gardaba sorpresas nos máis insospeitados recantos. E probablemente o mesmo se poida dicir dalgunhas das súas novelas, como El caballero de las botas azules ou El primer loco. En todo caso, non sería ningunha ousadía considerar un cume literario a En las orillas del Sar. Éo, sen dúbida, para a literatura española do XIX e tamén o é desde a nosa perspectiva, porque todo o de Rosalía de Castro nos afecta e interesa.

-Despois de sete anos á fronte da Fundación, tense Vde. decatado de que, efectivamente, hoxe coñécese mellor na sociedade galega o contido da obra de Rosalía e xa hai poucos que sigan pensando que a súa poesía é "chorona" e "melancólica" ou aínda persisten os tópicos?

-Os tópicos sempre existen, sobre todo referidos a figuras tan relevantes e ao mesmo tempo tan populares coma Rosalía de Castro. Pero estes tópicos tamén van evolucionando e variando. Por exemplo: é un tópico citar eses tópicos. O que eu creo que aconteceu nestes últimos anos, e non é en absoluto mérito da Fundación, foi un avance extraordinario na asociación que se fixo non só académica, senón tamén social, entre Rosalía e a modernidade, mesmo a vangarda, e entre Rosalía e as liñas máis avanzadas do pensamento crítico, especialmente o feminismo e a xustiza social, "a xusticia pola man", sempre desde unha posición de clase vinculada aos pobres da terra, aos pobres e excluídos do mundo. Como emblema nacional galego, da nosa lingua e da nosa cultura, adquiriu unha fortaleza extraordinaria: está máis viva ca nunca.

-Desde fóra, semella que existe outra débeda pendente: a de volver publicar e valorar a obra en prosa de Rosalía. Pagaría a pena facer algunha edición comentada desa obra ou a Rosalía narradora non merece maior atención?

-O meu proxecto de edición de Rosalía abarca a obra completa. Comecei por estes tres libros poéticos pero o resto da súa obra está agardando. As súas novelas, os seus contos, os seus artigos, as súas traducións, as súas cartas... Non sei se eu mesmo o darei feito, pero cómpre facelo, desde logo. Cómpre facer unha edición anotada e comentada de toda a súa produción literaria, unha revisión xeral dos seus textos e da súa figura. Nunca será definitiva, pero é a que nos está pedindo Rosalía de Castro á luz dos avances que se fixeron nas últimas décadas. E nese sentido, unha das maiores achegas que se produciron realizouse desde o estudo da Rosalía narradora. O que pasa é que o traballo da edición crítica é filoloxicamente moi arduo e se queres traballar co conxunto da obra de Rosalía de Castro podes estar toda unha vida... Ao proxecto vanse sumar outros investigadores e agardo que axiña vexa tamén luz a Rosalía narradora.

Compartir el artículo

stats