Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Alerta: fascismo

Arredor da erosión da democracia

A exsecretaria de Estado dos EUA, Madeleine Albright.

Se non é doado conservar a democracia en plenitude naqueles países de longa tradición, menos aínda naqueloutros que sufrimos períodos longos de autoritarismo e de falta de liberdades. O maior risco que padecemos é a supervivencia dunhas maneiras de ser e de actuar que impidan que o espírito democrático (ética social, respecto pola lei, compromiso de cidadanía) pase a formar parte de nós. E moitas veces vemos a palla en ollo alleo e ignoramos a trabe no propio.

Por iso, a advertencia que Madeleine Albright, secretaria de Estado co presidente Bill Clinton, formula en Fascismo: unha advertencia (Paidós, 2018) ten o valor primario de alguén que coñeceu na súa carne os seus efectos. Nacida como Mari Jana Korbel en Praga, no seu dunha familia xudía convertida ao catolicismo, despois da invasión de Bohemia polos nazis marchou cos seus a Londres, onde vivía o seu pai, diplomático de profesión, ao servizo do goberno checoslovaco no exilio. Coa fin da guerra, foi destinado a Belgrado e para evitarlle o adoutrinamento marxista, Madeleine foi enviada a estudar a Suíza. Co triunfo comunista, o embaixador Korbel foi destituído e enviou a súa familia aos Estados Unidos.

No seu ensaio, Madeleine Albright fai un repaso -sinxelo pero, en xeral, moi preciso- verbo das causas do ascenso dos fascismos despois da Primeira Guerra Mundial, con especial atención a Italia, Alemaña e España. Esa análise vai acompañada de observacións moi atinadas sobre os vimbios que tecen un fenómeno fascista, entre eles a exaltación nacionalista, o matonismo e a axuda por parte de sectores financeiros e industriais. Unha exaltación que facía do pobo, dos traballadores como clase nacional, o protagonista nominal (que non efectivo) da nación, non moi diferente no fondo da exaltación proletaria que facía o estalinismo soviético.

A análise que Albright fai deste, tal vez viciada pola experiencia da súa infancia, pon a énfase no carácter de clase das ditaduras comunistas sen decatarse que, probablemente, o comunismo estatista foi e é unha das máximas expresións do nacionalismo. Certo é que no seo da URSS e de Iugoslavia se integraban diversos pobos en forma federal e que, como sinala Albright, calquera expresión nacionalista estaba reprimida, circunstancia que non resultaría diferente a como actuarían estados democráticos como os Estados Unidos ou a República Federal de Alemaña. Por iso as explosións nacionalistas que seguiron á caída dos sistemas socialistas foron violentas, sinala oportunamente Albright, quen sen embargo esquece que, no caso iugoslavo, había intereses externos para tirar proveito.

Da súa experiencia como embaixadora na ONU e secretaria de Estado, Albright tira diversas conclusións sobre a degradación da democracia que estamos a vivir nas últimas dúas décadas e cuxo exemplo máis evidente é o mandato de Donald Trump, para ela o primeiro presidente antidemocrático en Washington.

Antes de entrar nos países que hoxe vulneran os dereitos humanos, Albright non esquece a responsabilidade do seu país -pon a Nixon como exemplo- verbo dos socios "do mundo libre" que tiña: desde as ditaduras da América central e do sur, a Arabia, Paquistán, Indonesia e Filipinas, pasando por Grecia, España e Portugal. Nese rosario de novos mandatarios que menosprezan a democracia sitúa, a partir do seu coñecemento persoal, os casos de Venezuela (Chávez e sobre todo Maduro), Hungría (Orbán), Polonia (Kaczy?ski), Corea del Norte (Kim Jong-il), Rusia (Putin) e Turquía (Erdo?an) e as razón que, en cada caso, levaron a esa situación.

Sinala, finalmente, as causas que levan a que haxa dirixentes que erosionen a democracia coa aceptación (tácita ou ignorante) dos cidadáns, xa que logo eses populismos que presentan solucións doadas (de "brocha gorda", di Albright) para problemas complexos: corrupción, inmigración, poder usurpador das elites. Nese senso, habería dos tipos de (neo)fascistas: os que dan ordes e os que as obedecen. Unha política de medo que precisa de diñeiro, ambición e ideas perversas. Non tanto unha ideoloxía senón a disposición a facer o que sexa para impoñerse e esixir obediencia

Compartir el artículo

stats