Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha sentida homenaxe

Xoán Curiel: Canta, miña pedra, canta

Desde Ames, os membros do grupo Grilo.

Máis música infantil de calidade para estas datas e, neste caso, coas celebracións do 17 de maio como argumento fundamental. Canta, miña pedra, canta é o novo libro disco de Xoán Curiel con toda a vontade de conformar unha sentida homenaxe ao protagonista do día das letras galegas deste ano 2019.

Don Antonio Fraguas Fraguas e mais o seu Cantigueiro de Cotobade son a fonte principal dun libro disco no que o cantautor Curiel se mostra feliz e encantado coa posibilidade de achegarnos con esta obra á figura do ilustre Don Antonio. "Canta miña pedra, canta, ao compás deste punteiro. Canta miña pedra, canta, faille compaña ao canteiro". Once cancións que camiñan entre os sons máis puramente tradicionais e as mesturas con ritmos moito máis modernos e contemporáneos, pero sempre directamente apegadas á memoria de Fraguas: velaí, daquela, "As cantigas de mamá Antonia", falándonos da muller que vivía na súa casa cando era cativo e que, sendo como unha segunda nai para el, aló lle ensinou moreas de coplas de noso que despois el deixou tan ben rexistradas na súa obra. Ou asemade pezas como "Vai sair o tren", na que nos conta como o neno Antonio quería ser maquinista. "A aventura de escribir" na que as pedras contan e cantan historias; "Aldeíña por aldea" ou "Como me río de ti" onde os aires do Brasil inzan os ritmos nunha lembranza ao emigrante pai de don Antonio por aquelas terras ou "Batendo nas pedras" onde nos leva de viaxe pola evocadora Galiza dos Castros. Cantigas, todas elas, recollidas por Antonio Fraguas, pezas compostas por Curiel. Pezas creadas pola xente do pobo hai máis de cen anos, pezas de avoas, avós, bisavoas ou tataravós. Cancións do mundo, vivas e atemporais, músicas da terra, da xente e para a xente. Estamos diante dunha necesaria antropoloxía humana e musical; dun preciso exercicio de lembranza para ter todos os argumentos que un debe ter se quere saber ben quen é e de onde é. Son composicións para cantarmos nun día de festa ou mentres os labores do día ocupan o corpo e voan na mente. Coas ilustracións de Nuria Díaz que lle dan cor, empaque e moita substancia ao traballo, así chega esta nova entrega dun Xoán Curiel músico de xa moi longo percorrido polas táboas do país e de gran versatilidade artística. Porque acontece que Curiel ten participado en moitos proxectos coma actor, músico, director, cantante ou bailarín. Home sempre vinculado á música, ao teatro, ao teatro infantil e mais a danza. Con traballos coma autor para maiores e tamén traballos directamente para unha cativada que xa o ten no seu olimpo coma un dos seus autores máis destacados.

Recentemente comentoume que anda a traballar no seu novo disco para maiores pero que, realmente nos seus discos infantís, sempre trata de deixar patente o seu xeito de escribir tentando conferirlle ás súas cancións todo o aquel preciso para que acaden a atención de calquera persoa que as escoite sen mirar moito nin a idade nin ningunha outra condición. Agardamos xa con ganas por ese novo traballo de Xoán Curiel mentres disfrutamos deste Canta, miña pedra canta, unha fermosa homenaxe e tamén unha fermosa maneira de achegarnos á figura dun Antonio Fraguas Fraguas, mestre de absoluta dimensión humana e fascinante pouso para o galeguismo máis sentido.

Con Grilo

  • Os Grilo son unha nova formación nada no noso país no ronsel do rock máis comprometido coa língua, coa sociedade na que toca vivir e coa nosa terra. Son un trío: Adrián Gómez nas guitarras e na voz principal, Miguel Varela na batería e Alberte Fernández no baixo. Levan presentando a súa proposta polos escenarios galegos dende hai pouco e a súa aposta camiña claramente polos carreiros de bandas como Audioslave ou Soundgarden ou, e se preferides poñer a vista na vizosa escena de noso, coa mirada en grupos coma os estradendes Nao, dos que xa falamos por aquí, ou dos lucenses Arrhythmia dos que de certo que falaremos en breve. Os Grilo lanzaron un par de sinxelos cos seus correspondentes videoclips para poñerse na órbita festivaleira, e neles acreditan un sólido apuntalamento tanto rítmico coma de discurso. Un sinxelo co título de Criminal, gravado por Óscar Fernández (Chichi) nos Estudios Mafia do Carballiño en novembro de 2018 e un segundo estalo titulado Rebelión gravado por Iago Pico nos Pousada Son de Ames en xaneiro de 2019. Nos dous temas os Grilo ceiban raiba sónica a epero con moita prestanza pola melodía cantable e cun son moi ben coidado e pezas ben aqueladas. Vinos en concerto nunha das súas presentacións e fun testemuña directa dunha non moi habitual conexión cun público, por certo moi numeroso, tendo en conta o feito de ser unha banda que está comezando a facer o seu camiño. Moito público e moi conectado cunhas cancións que habitan no costumismo máis cercano mentres imploran por verse sumerxidos nese océano dos soños que tanto solaz e azos poden dar para coller forzas nesa crucial batalla da supervivencia do día a día. Á espera de que entren nun estudio de gravación para rexistrar un repertorio que nos directos funciona coma un reloxo suízo, os Grilo comezan a sobrevoar os palcos do país con moitas cartas para converterse nunha das propostas fixas en moitos cartaces.

Compartir el artículo

stats