Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Luís Rei Núñez: "Rafael Dieste foi un home radicalmente libre"

Luís Rei Núñez en Pontevedra. FOTO: Rafa Vázquez

-A figura de Rafael Dieste non é, nin moito menos, a dun esquecido (de feitoo,dedicóuselle o Día das Letras Galegas no ano 1995). Que quere vostede aportar coa súa biografía?

-As biografías son, ou deberían ser, traballos concibidos para profundar na existencia dos seus protagonistas e mais no tempo que lles tocou vivir. Cando se trata de escritores, ese achegamento serve, ou debería servir, para entender de xeito máis completo a súa obra. Iso é o que me levou a volver os ollos á figura de Rafael Dieste. Alén de estudos ou documentos sobre determinados treitos da súa vida ou dos seus libros (que serían, por así dicilo, fotografías parciais), o que eu pretendín foi ofrecer un retrato de corpo enteiro. Desde o convencemento de que dese xeito se facilitará gozar en toda a súa amplitude de todo canto Dieste deixou escrito ao longo da súa traxectoria.

-Por que o subtítulo de O libre pensamento ?

-Por ser el, xa desde os iniciais anos de formación, e moito máis decididamente no longo tempo de madurez vital e intelectual, un home radicalmente libre. Quérese dicir que, no momento histórico en que ían definíndose ideoloxías e credos, coñeceu o agromar entre nós do galeguismo político, a expansión polo mapamundi do comunismo ortodoxo, a belixerancia intelectual do trotskismo... E el, desde a obediencia á súa propia conciencia, formou un pensamento libre, case sempre nas fronteiras. Aquilo que dicía Oroza: "Dejad que el trigo crezca en las fronteras". Iso convertíao asemade, e desde a maior das curiosidades e exercendo a síntese, nun neto, bisneto ou tataraneto dos homes da Ilustración.

-Vostede defíneo como escritor total pero, en que xéneros literarios destacou especialmente?

-Digo escritor total, porque cultivou todos os xéneros, mesmo sobordando o que sería un Club PEN (Poesía, Ensaio, Narrativa)... unipersoal. Mesmo soubo amplialo co teatro e as esculcas xeométricas. En todo caso, eu o que máis celebro como lector é a súa narrativa. Os contos de Dos arquivos do trasno, que tanto lle ofreceron á contística en galego, xa desde os aforismos que situou no limiar e cun estilo tan próximo á fala, e mais os relatos de Historias e invenciones de Félix Muriel, a colección en que a partir dunha sorte de heterónimo nos deu unha magnífica aproximación á súa alma.

-Tamén desenvolveu unha ampla obra xornalística. Que características tiñan os artigos de Dieste?

-Eran pezas de conversa, de amena conversa, despachada a través da tinta e do papel. Con máis vocación de propoñer argumentos para formar conciencias que de inmediata intervención na cousa pública. No fondo, as súas eran columnas para proclamar á Rosa dos Ventos: "Amo o mundo".

-Cales foron as súas principais aportacións ao teatro galego?

-Ao teatro español ofreceulle moito e moi continuadamente, desde un imaxinario moi próximo a Valle, para quen pediu o Nobel: "Valle ten mil anos", dixo, situándoo na máis alta das peañas. En galego, en cambio, a súa contribución limítase a unha incursión, A fiestra valdeira, que vai moito máis alá da apoloxía da autenticidade que algúns quixeron ver, e que na súa sinxeleza non deixa de gañar un lugar de clásico noso, á maneira en que pezas de Synge ou Yeats o son para o teatro nacional irlandés.

-Mantivo unha estreita relación con Manuel Antonio e Vicente Risco, dúas figuras antagónicas dentro da historia da literatura galega. Influíron dalgún xeito estas relacións na propia obra literaria de Dieste?

-Con Manuel Antonio, o seu paisano e coetáneo, e a pesar das diferenzas políticas e estéticas, a relación foi estreitísima, por momentos case de irmáns, e só se viu truncada pola morte temperá do poeta. Mais non se percibe influencia de Manuel Antonio, nin do vangardismo no que este militou, na obra de Dieste. Con Risco, dunha xeración anterior, a relación foi só conxuntural. E non deixou pegada ningunha nin na obra nin, por suposto, na vida e as ideas dun Dieste moitas veces nos antípodas daquel "santón" de Nós.

-Rafael Dieste regresou e 1961 a Galicia e, un ano despois, publicou unha reedición de Dos Arquivos do trasno con Galaxia. En que medida o galeguismo de Dieste coincidía co pragmatismo de Ramón Piñeiro?

-Compañeiros no que logo se deu en chamar "exilio interior", Dieste e Piñeiro tiveron unha relación moi cordial, aínda que movéndose en círculos íntimos diferenciados. O de Dieste, con Isaac Díaz Pardo ou Seoane como principais interlocutores, máis á esquerda.

-Cando se celebrou o ano dedicado a Rafael Dieste polas Letras Galegas, houbo quen falou dun home que viviu os seus últimos anos triste e até "desencantado". É certo isto?

-Talvez pesase no seu ánimo o feito de comprobar, tras o regreso do exilio en 1961, que resultaba unha figura moi pouco coñecida, e recoñecida, na súa terra. En todo caso, non combateu a indiferenza xeral concentrándose en dar continuidade ao xénero co que mellor podería romper ese cerco; é dicir, con novos títulos de narrativa. No canto de ampliar por aí a súa obra, preferiu seguir teimando no territorio da xeometría. Porén, eu non creo que a palabra para definir eses anos sexa "desencanto". Dieste era daquela, simplemente, un señor particular que seguía exercendo a liberdade, e iso facíao sentirse satisfeito consigo mesmo. Hai algo máis importante?

Compartir el artículo

stats