Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Literatura e vida

Do pensamento como autopoiese

Literatura e vida

En Orfeo canta. Iniciación, signo & retorno, o filósofo, escritor e editor Roberto Abuín (Rianxo, 1979) vén teimar, como el mesmo anuncia na súa introdución ("A obsesión do libro"), sobre a relación implícita entre a literatura e a vida, maquinación constante e repetida que, neste libro, devén a interrogación central da obra, ou, máis exactamente, como di, "a única interrogación que un escritor pode facer sobre o conxunto de palabras que obsesivamente entrefía creando as tramas das súas figuracións anímicas".

O seu devir vital (estudou Filosofía en Santiago, Antropoloxía en Oaxaca, e Teoría da Literatura e Psicanálise na Universidade Autónoma de México) levouno a interesarse a fondo pola interrelación entre Filosofía e Literatura, ámbito intermedio no que pode nacer o pensamento do máis próximo ou (case) íntimo. E este libro ensaístico, difícil de catalogar, navega nunha singradura de pescuda vital entre os mares da poesía, a narrativa e a filosofía. Moita filosofía e moita mitoloxía, e tamén moita ficción, para reflectir a percepción do mundo que o autor ten, a partir do mito de Orfeo e Eurídice e a baixada aos infernos ou ao inframundo.

A lectura require tempo e atención, e repouso e pouso para poder avanzar. Para Carlos Lema, o libro debe interpretarse en base a tres parámetros: a idea de obra como inscrición na materia, o pensamento como autopoiese, e a representación como posibilidade que xorde da continxencia. Para os fans da temática, de certo que ha de tratarse dunha ocasión pefecta.

ABUÍN, Roberto, Orfeo canta, Ed. Axóuxere, Rianxo, 2019, PVP. 18 ?

Compartir el artículo

stats