Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Do Parlamento dos corpos

A revolución é feminista e con arte

Love Room (1967).

"Non son home. Non son muller. Non son heterosexual nin homosexual. O que son, non importa, o importante é como podo ser libre!" Así vén presentarse o trans Paul B. Preciado, un dos comisarios artísticos máis influíntes do momento. Dende a súa disidencia do sistema sexo-xénero, Preciado defende que o sexo é unha imposición política.

"Nada queda do esencial". Nesta afirmación ábrese un abismo tan aterrador que, coa súa amarga química, fai aparecer a figura das "feminazis" Ten que ser un veleno moi poderoso para equiparar as feministas, protagonistas dun movemento revolucionario pacífico que reclama lexítimos dereitos, á identidade nazi, unha aberración da nosa natureza. A perversión da linguaxe é unha ferramenta fácil. Non sorprende, porque onde hai pensamento esencialista hai autoritarismo e sabemos que o obxectivo é excluír as feministas do debate.

As seguridades só poden construírse sobre a negación daquilo que as cuestiona; por iso son tamén opresoras. As obxectividades que as sosteñen son só as interpretacións máis eficientes para consolidarse como absolutos. Somos unha interpretación modulada polo tempo que interfire na idea de "mesmidade". Entramos dúas veces no mesmo río? Podemos argumentar afirmativamente, negativamente e ambas á vez. Como observarnos sen escindirnos en observador e observado? Todo achegamento á nosa identidade é interpretación. Na pregunta sobre a identidade hai conformidades compartidas: muller ou home, nai ou pai, galega ou estranxeira. Unha mestura de circunstancias e roles naturalizados sobre argumentos biolóxicos. Pero cando a a resposta é "nin muller nin home", ábrese o espazo para cuestionar todas e cada unha das seguridades e con elas desestabilizar todo o marco do sistema.

As esencialidades foron unha argumentación consolidada historicamente sobre aspectos incuestionábeis porque eran inmanentes, pero son narracións máis preto da literatura que da natureza. As identidades foron construídas a partir da palabra, cun relato en masculino. A voz é o absoluto na nosa cultura, Deus maniféstase a través dela. Pero a palabra é un sistema regrado e nesa norma o masculino é esencia e pertenza: non só do falo, senón do logo. A palabra masculina como presenza do xenérico é a voz de quen coñece. O feminino é a ausencia. Tamén é a submisión a partir da costela do home e na carencia do falo. O neno ten pene e a nena sente envexa, diría Freud: existe outra afirmación que recolla mellor a identidade desta minoría cualitativa, que non cuantitativa, como carente, sometida e explotada que foron as mulleres ao longo dos séculos? Esta deconstrución destrúe o paradigma completo das identidades.

A identidade pasa de ser unha cuestión de natureza esencial para articularse como hermenéutica. Ser é unha cuestión interpretativa e onde hai interpretación todo está aberto como na obra. Pode que hoxe exista máis verdade no marco desta arte narrativa que en ningunha outra construción.

A muller para construír a súa identidade ou ben acepta a submisión ao modelo falocentrista o ten que negalo e inevitablemente este novo marco rompe con todas as identidades excluídas: a infancia, os inmigrantes, os estranxeiros, os discapacitados os enfermos mentais...

O discurso feminista, ao separar a identidade da natureza, abre unha realidade distinta co que aínda non sabemos vivir. Porque o tema non se resolve con equiparar os dereitos de homes e mulleres. O feminismo loita polos dereitos da súa propia singularidade nun marco que hoxe é extensivo a todas as persoas carentes. É unha provocación porque visibilizar o marxinal no sistema sexo abre a práctica noutras realidades.

"Ideoloxía de xénero!" din criticamente. Dende cando a ideoloxía se converteu nun termo a combater? Medo temos que sentir daqueles que negan a pertinencia de falar politicamete. Esta idea de que o ideolóxico distorsiona o real é a maior mentira de quen quere protexer un estado do poder. Motivo de máis para facelo. Tócanos vivir nun contexto social que alimentará moitos ataques. Pode que dentro dun tempo, nesta arte narrativa, ata abandonemos a palabra "muller". Veremos que mutacións nos ofrece o futuro tecnolóxico, porque seguro que os esencialistas seguirán distraídos con estes temas dos falos e querendo controlar o corpo das mulleres con argumentos metafísicos.

Compartir el artículo

stats