Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A arquitectura do Eu

Da nova obra de Pilar Alonso

Dúas das pezas presentes na mostra El cubo de Joana que a pintora Pilar Alonso expón en Espazo Cubo (Vigo) deica o próximo 4 de maio.

No seu novo traballo, que leva por título El cubo de Joana, a pintora Pilar Alonso concibe a obra/vida como un vieiro, desenvolvendo unha narración que partiu dunha casa particular na viguesa da Ronda de Don Bosco; seguiu pola rúa López de Neira e culminou cunha instalación no Espazo Cubo en Doutor Cadaval, onde se pode ver até o 4 de maio.

Esta historía estendida, como a artista a denomina, é, sobre todo, unha historia introspectiva, proxectada como un autorretato, xogando co espazo e o tempo como elementos construtivos do discurso. As rúas de Vigo (Ronda de Don Bosco, López de Neira e Doutor Cadaval) conforman un tránsito vital para a artista que elabora un referente onde o urbano e a acción se interpenetran, sen o carimbo do definitivo, como un fito que recupera a posibilidade de vincular un espazo complexo e mesmo escuro -velaí o paso por debaixo da ponte da rúa López de Neira- ao ritmo comunal por medio, curiosamente dunha acción fortemente individual.

Neste territorio de conflito, a esperanza está máis que nunca na obra da artista, na súa sutil apropiación deste novo espazo e na marcada intencionalidade de discurso, de relato, que nos suxire. Trátase, xa que logo, dunha obra que na súa vontade de narración, limitada na súa temporalidade, consegue balizar o espazo, inserir nel unha "porosidade", por empregarmos un concepto utilizado por Walter Benjamin e Asja Lacis a propósito de Nápoles, un lugar en que as cousas estaban permanentemente des-colocadas mais tamén un ámbito en que se fusionaba o público e o privado dotando de sentido o tecido urbano e humano.

"Porosidade", esta vez na acepción de fusión do eu no contexto espacial urbano e na realidade temporal, semella ser o propósito explícito da obra da pintora viguesa, cunha acentuada concepción introspectiva, ligada ao relato e ao cinematográfico, que non pode sorprender nunha artista que reivindica na súa praxe esta orixe nitidamente narrativa, mais faino desde unha contemporaneidade que se manifesta na súa fragmentariedade e na súa hibridación, con referencias ao cinema, ao vídeo, á banda deseñada, aos videoxogos ou á literatura.

Como xa fixera nas súas series "La Diva" e "Cándida Standwich", o que Pilar Alonso se propón é crear unha narración que funciona como un espello do eu, representando un mundo de identidades múltiples, un bucle de enmascaramentos, con ese esvoazar dunha garza que representa un sentimento de constante renacer, de reinvención do eu, que podemos entender como requento, lévedo que posibilita a vida.

Inmiscidos de cheo na obra que nos ofrece Pilar Alonso, crúzansenos na mente -como nun Atlas Mnemosyne da pintura clásica- unha enxurrada de imaxes. Nestes cruzamentos, os obxectos e as figuras representadas son proxeccións e son máscaras. A artista constrúe, por medio de debuxos e pinturas, unha instalación que permite ir descubrindo aos poucos o relato, atravesando escenas que funcionan como diferentes camadas que nos levan ao eu velado da autora. O percorrido creado e a instalación acaba por se conformar como unha ámbito que funciona como un reflexo do eu. Nela os obxectos reproducidos son un retrato do mundo referencial da artista. Este tipo de utilización da instalación, moi autorreflexiva, entende a actividade creativa ligada a unha intensa dualidade, marcada pola tensión entre a experiencia vital e o seu contacto co contexto externo, incidindo na maneira en como as formas mudan ao seren transportadas a contextos diferentes. Para ese propósito en El cubo de Joana a pintora segue estratexias de produción artística que mesturan pinturas, debuxos e instalación entendendo o conxunto como unha serie prácticas que posibilitan modifica e mesmo pór en cuestión os diferentes ámbitos de ligazón co espazo concreto, apostando pola ligazón do íntimo ao contexto espacial urbano e á temporalidade. Na obra de Pilar Alonso esta fusión é froito dunha actitude reflexiva en que o importante é patentizar a vontade (psico)analítica do eu, inserindo diferentes xogos de relacións.

Título: El cubo de Joana

Autora: Pilar Alonso

Local: Espazo Cubo, Rúa Doutor Cadaval, 17, B, Vigo

Até o 4 de maio.

Fluxo interior/exterior

  • O traballo de Pilar Alonso parte, no esencial, dunha dialéctica entre o espazo, obxecto e discurso, complementándose cunha importancia relevante dada á acción e ao aspecto procesual da obra, con ese fluxo entre o interior -en que o que está en cuestión é a mensaxe e a compoñente emocional- e exterior -en que se subliña o que está exposto ao público-. Toda a instalación pode ser entendida na dupla concepción de soporte e resorte para a reflexión. Estamos, pois, perante un traballo que permite estabelecer unha tensión da que vai nacer a lectura simbólica, da que xorde un auténtico autorretrato do eu máis íntimo. Pilar Alonso sitúanos fronte a un tipo de traballo que mestura o pulo vital, o íntimo e o conceptual, creando un espazo fortemente persoal, unha auténtica arquitectura do eu.

Compartir el artículo

stats