Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

SOS pola Fonte de Troncoso

Unha obra de Antonio Palacios desamparada

A fonte por volta de 1920.

"En la calle tropecé con un general de división, dos sobrinas de un fiscal, un contralmirante, una baronesa viuda, un banquero, un ex-ministro de la Corona, un portugués, luego otro portugués, y otro y otro hasta el número de doscientos. ¡Vamos, que ni en Mozanbique!". Así relata o poeta e xornalista vigués Pío Lino Cuíñas (1851-1927) unha visita a Mondariz publicada en 1897 na revista G alicia Moderna.

"Más tarde, dirijí mis pasos, por un camino bastante descuidado, hacia las orillas del plácido Tea, donde brota burbujante el manantial de Troncoso" continúa. "Buen número de agüistas, vaso oblongo en mano, esperaban vez a semejanza de las criadas de servir en nuestras exhaustas fuentes. Yo también, aunque me esté mal el decirlo, formé en la cola á espaldas de una señorita color de aceituna que por cierto eruptaba de un modo alarmante como si la hubieran sacado el corcho." Doce anos despois da crónica de Lino Cuíñas, a Fonte de Troncoso ou Saidoiro, foi obxecto dunha renovación integral proxectada por Antonio Palacios co obxecto de monumentalizala, segundo La Temporada de Mondariz (1909), que informaba que o arquitecto galego visitara as obras que "bajo su dirección se están llevando a cabo en Gándara y Troncoso".

O conxunto, coñecido tamén como As Augas de Abaixo, está composto por dous volumes arquitectónicos claramente diferenciados. Por unha banda, un bloque de planta rectangular duns 100 metros cadrados levantado en pedra conformado por soto e planta baixa. Este edificio, que acolleu no piso inferior o obradoiro de embotellado de auga mineral, contaba cunha cuberta de tella plana a catro augas ata hai unhas semanas, cando sufriu un derrube por falta de mantemento e conservación xeral do inmoble que tamén destruíu por completo o piso alto. No andar superior o proxecto contemplaba un total de cinco espazos: unha cociña, dous dormitorios, unha sala e un despacho para o administrador. As fachadas norte e sur replican os grandes ocos cubertos por arcos de medio punto que articulan os frontis dos edificios da Fonte da Gándara e do edificio da Baranda, o que evidencia a vontade de Palacios de dotar estas tres construcións dun estilo común e recoñecible, de forma que os auguistas identificasen en todos eles unha unidade formal en todo o balneario, tal e como avanzaba a memoria do proxecto, publicada por La Temporada en 1908.

Unha marquesiña anexa, tamén de planta rectangular e duns 130 metros cadrados, foi realizada en fundición polas empresas viguesas de Antonio Sanjurjo Badía (responsable da varanda modernista interior) e mais polo Taller Mecánico de Manuel González (autor da cuberta metálica e da reixa perimetral de finais do século XIX que se trasladou a esta localización procedente da Fonte da Gándara). Conformado por un soto, que alberga o manancial da fonte propiamente dito, a planta que coincide coa rasante do paseo permite gozar de excelentes vistas sobre o río a través dun balcón cuberto e voado. O acceso a este bloque da edificación realízase a través de dúas portas situadas na fachada sur; ambas dan acceso, ademais de á balconada, a unha dupla escalinata curva que permitía ás persoas auguistas descender ata un patio cuberto no que agardaren a que unha operaria do establecemento, situada ao pé da fonte, lle servise a auga do manancial sobre un mostrador de perfil sinuoso.

En palabras da doutora Pérez Sánchez (2005) "las líneas curvas que dominan la planta provocan un efecto semejante al de la Fuente de Gándara, creando una sensación de movimiento que sugiere una mayor amplitud espacial. Palacios utiliza esta solución en varios de sus edificios para compensar el reducido tamaño de alguna de sus partes".

O proxecto do arquitecto porriñés, amigo persoal de Enrique Peinador Lines, nunca chegou a ser rematado na súa totalidade. Detalles como as esferas graníticas que debían rematar en altura as pilastras, para as que o proxectista ideara un triple acanalado nunca executado, son un exemplo do que dicimos.

Responsabilidades

  • Situado na ribeira do río Tea, incluído hoxe na Rede Natura 2000 da Unión Europea, esta fonte figura no Catálogo de Bens Culturais do Concello de Mondariz Balneario cun grao de protección integral e tamén no Plan Básico Autonómico aprobado pola Xunta de Galicia, o que, sobre o papel, a dota dun nivel de protección legal suficiente para asegurar a súa conservación. Segundo o art. 32 do Estatuto de Autonomía, corresponde ao goberno da Xunta a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego. Ademais a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia establece que o goberno da Xunta posúe a competencia exclusiva en materia de patrimonio histórico, artístico, arquitectónico e arqueolóxico. O mesmo texto legal fixa no seu art. 32 o deber de conservación: "As persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre bens protexidos integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración". Se non o fan, a administración galega está obrigada a aplicar medidas de protección activas -non unicamente pasivas- que garantan a súa conservación. Esperamos que as adopte con urxencia e de inmediato. Non queremos que a Fonte de Troncoso sexa a única obra de Antonio Palacios que Galicia, a terra que o viu nacer, teña abandonada e desamparada.

Compartir el artículo

stats