Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Azorín e a música galega

Unha homenaxe no Vigo dos anos 30

Azorín na pluma de Ramón Casas (1904).

"En 1930 quisiera ir a Galicia [?]. Y cuando oyera cantar en algún caserío, cantar esas canciones populares, dulcísimas, inefables, yo estaría escuchándolas debajo de un árbol?". A conto destas palabras - publicadas o primeiro de ano de 1930 en La Voz de Galicia e escritas por José Martínez Ruiz, Azorín- facía Antón Villar Ponte, dende as páxinas El Pueblo Gallego, un chamamento aos coros galegos, Cántigas da Terra da Coruña, De Ruada de Ourense, Toxos e Froles do Ferrol e a Agrupación Artística de Vigo, para que nomeasen Presidente de Honor ao escritor e se fixese unha "selecta festa dos coros".

Aos poucos días daquel texto, xa daba resposta a Agrupación Artística de Vigo, cunha carta dirixida ao mesmo periódico, onde se adherían fervorosamente á homenaxe, subliñando que como era imposible nomear presidente honorario dos coros galegos a Azorín, por detentar dito título Perfecto Feijóo. En troques, propoñían que o nomeasen Socio de Honor e que se celebrase un acto de afirmación folklórica. A resposta de Villar Ponte non se fixo esperar, e decidiu encargar á organización a Asociación da Prensa da Coruña para que se puxese en relación cos coros de Galicia e así organizar a festa musical enxebre.

Sen que saibamos a razón, pero cremos que por problemas de tipo loxístico, o acto foi asumido pola Agrupación Artística viguesa, xa que o coro pertencía a una sociedade de recreo perfectamente estruturada na que se impartían clases de solfexo e canto, albergaba un orfeón, cadro de declamación, coro de mulleres e rondalla, contando cun espazo amplo no que realizar actos maioritarios, e a colaboración do alcalde de Vigo, o maurista Manuel San Román de Ceballos.

Dos nomeados coros, Cántigas da Terra foi o único que non participou, organizando o acto a Agrupación Artística baixo o título de "Gran Festival Gallego en honor de Azorín" e tendo lugar o día 9 de agosto no parque de Las Cabañas de Vigo. O escritor non puido asistir e enviou unhas cuartillas alabando a música e a muller galega, sendo a súa lectura acollida cunha grande ovación por parte das máis de 4.000 persoas que asistiron. Cooperou no evento a Banda Municipal de Música de Vigo dirixida por Mónico García de la Parra que, conxuntamente aos coros, interpretaría o Poema fantástico descritivo, da súa autoría, finalizando co Himno galego.

A Agrupación Artística encomendeu ao pintor e debuxante tudense asentado en Vigo, Eduardo Padín (Tui 1886-1979), a realización dun diploma conmemorativo co que agasallar a Azorín. A arte do "pergamiño artístico" foi unha das técnicas que Padín desenvolveu con grande minuciosidade e calidade. O dominio do debuxo, a formación humanista e a demanda deste tipo de elementos decorativos nunha sociedade cargada de formalismos, foron os motivos que impulsaron a gran produción deste tipo de diplomas por parte do artista. As numerosas sociedades culturais e artísticas, as institucións relixiosas, educativas e os poderes públicos da cidade xeraban unha importante demanda de pergamiños artísticos para agasallar os seus participantes. Aínda no primeiro tercio do século XX esta técnica non estaba plenamente industrializada e o traballo artesanal e creativo era un valor con certa consideración. Artistas como Fernando d'Oliveira, Juan Luis ou o propio Padín competían nunha produción artística que acadaba resultados relevantes.

Neste caso, Eduardo Padín contou coa colaboración do ebanista Manuel Longa, (1907-1985), quen se encargou de tallar a estructura en madeira que contiña o tríptico. Ambos formaban parte do grupo de mozos que, arredor da Escola de Artes e Oficios, acabarían por crear un ano despois a Sociedade de Amigos da Arte de Vigo.

Un incendio na Casa Museo de Azorín, no municipio de Monovar, converteu aquela bela obra de arte en cinzas. Só nos restan as imaxes que o sobriño de Padín, Álvaro Caramés, gardou no arquivo que atesoura sobre a obra do seu tío e que desexamos que axiña poida formar parte dunha mostra homenaxe a este artista inxustamente esquecido pola cidade que o acolleu durante anos.

Compartir el artículo

stats