Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pioneiros na BD de noso

Xulio Carballo e a historia do cómic

O estudoso da BD de noso Xulio Carballo, responsable do esencial ensaio Os pioneiros da banda deseñada galega (1971-1979).

O pasado mes de xaneiro a editorial Xerais publicou Os pioneiros da banda deseñada galega (1971-1979), un ensaio de Xulio Carballo Dopico (A Coruña, 1978). Xa falamos do autor hai uns meses en FARO DA CULTURA, xa que foi o encargado da coordinación e selección de autores do libro O puño e a letra, de Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977), publicado pola mesma editorial.

Carballo é un dos grandes estudiosos da banda deseñada galega. É licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade da Coruña e en Teoría da literatura e Literatura comparada pola Universidade de Salamanca, onde foi profesor de lingua e literatura galegas. En 2015, doutórase en Estudos lingüísticos e literarios de galego e portugués coa primeira tese dedicada ao cómic galego, Para unha historia da banda deseñada galega: a narración a través dá linguaxe gráfico-textual, xerme deste libro recentemente publicado. Un ano máis tarde, en 2016, comisaría a exposición BDG 70: a revolta do cómic galego para a Sala Normal, da Universidade da Coruña, cun catálogo moi traballado que tamén se pode comprar.

Os pioneiros da banda deseñada galega (1971-1979) é un ensaio de 341 páxinas que inclúe un anexo dixital. Ademais de ser un percorrido moi completo do nacemento "consciente" da banda deseñada de noso, conforma un estudo necesario para unha disciplina artística que segue sendo cuestionada, a do cómic, e nun contexto moi concreto, Galicia. A propia dificultade que tivo ao longo da historia editar na nosa lingua esténdese tamén ao campo das narracións gráficas, dotando o cómic galego de puntos extra de marxinalidade e unha ausencia palpable de achegas que consolidasen a arte. Por estes motivo é especialmente importante, incluso pódese falar de necesaria, a existencia de publicacións como esta: ben documentadas, cunha aproximación académica e unha terminoloxía concreta. Aínda que se trata dun estudo exhaustivo, está lonxe de ser inacesible. Seguindo a liña deses primeiros autores, pioneiros, que nos presenta, é un libro "para o pobo", fácil de comprender e bastante emocionante.

O percorrido histórico que nos ofrece Xulio Carballo céntrase na década dos 70 do pasado séculot, durante o incerto e convulso final do rexime ditatorial. Non é que non existisen previamente publicacións que incluísen contido gráfico humorístico ou da vida cotiá (sen ir máis lonxe, Castelao) que poderían considerarse as orixes da banda deseñada, pero, ademais de que a ditadura truncou a súa evolución natural e devir en cómic tal como hoxe o coñecemos, atopamos nestes autores dos 70 unha intencionalidade, o desexo de empregar este formato de maneira consciente, reivindicándoo como a forma de arte predilecta para achegala ao pobo.

A Estampa Popular

  • Como recolle o libro, un destes pioneiros, Reimundo Patiño (pintor vangardista nado na Coruña, 1936-1985) deixa clara a súa perspectiva do tema: "A 'Estampa Popular' era un intento de popularizar-la arte, de facela asequíbel ao pobo; [?] sendo moi louvábel ese intento, o único que facíamos non era lograr que a arte estivera inmersa no pobo, senón que a xente mercara unhas estampas e puidese telas na casa, e fose coleccionista, coleccionista-propietario. [?] O cómic ten unha chea de dificultades, por ser necesaria unha industria libreira, e unha industria editora e distribuidora, é decir, unha cantidade de cartos que pra qué, pro nembargantes era xa colle-las armas do enemigo, as armas da chamada non sei se por ironía "cultura de masas", trocalas de signo, reconvertilas en liberadoras" Non só se trataba, pois, de reivindicar a importancia da arte, da integración das novas correntes e da súa pertenza ao pobo, tamén era necesario reclamar un espazo, o que lle correspondía, para Galicia e para a súa lingua. A corrente artística ía da man dunha forte ideoloxía nacionalista de esquerdas. Xulio Carballo arrinca o seu percorrido histórico coa figura de Patiño, desde a súa participación non grupo intelectual Brais Pinto ata a creación do Grupo de Cómic do Castro, otogándolle tamén un espazo destacado a Xaquín Marín (Ferrol, 1943), autor do que se considera o primeiro cómic galego, O emigrante, historia autoconclusiva dunha páxina publicada na revista Chan en 1971. Mais que fai tan completo este ensaio non é a inclusión de tantas figuras importantes (Xosé Díaz, Chichi Campos, Ulises L. Sarry, Pepe carreiro, Xosé Lois González, entre outros), senón a súa forma de contextualizalos e explicar a súa importancia, mostrando as súas obras gráficas, xa sexa en publicacións ou exposicións, e cales eran as intencións e expectativas detrás delas. Se che gusta a banda deseñada, ou ise che interesa remotamente, e es galego (sexa de nacemento ou corazón), considera este ensaio unha lectura moi recomendada, polo necesario, o ameno e o emocionante.

Compartir el artículo

stats