Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Anaír Rodríguez: "Con Pioneiras, quero transmitir o protagonismo feminino na Historia"

Anaír Rodríguez , botando unha ollada a Pioneiras 2. // FOTO: alba villar

-Aínda que vén de publicar o segundo volume, coido que é obrigado preguntarlle por como xurdiu esta idea de Pioneiras e, sobre todo, de dirixir estes dous libros ao público infantil

-Pola miña profesión, adoito reflexionar sobre como se transmiten os contidos no material educativo que chega ás escolas, e é unha realidade que, malia os avances e as valiosas excepcións, estes materiais seguen transmitíndolles ás crianzas unha visión do coñecemento moi parcial, que parte do varón como centro. O coñecemento transmítese dende os valores e os espazos tradicionalmente masculinos e nese relato as mulleres seguen a estar ausentes. Cando pensei en facer o álbum Pioneiras, coñecía traballos previos, dirixidos a público adulto, sobre mulleres galegas que fixeron importantes contribucións ao avance da sociedade (como os da profesora Aurora Marco, por exemplo, ou o magnífico Álbum de mulleres do Consello da Cultura Galega). Pensei que podía ser unha boa idea publicar un libro breve, con textos sinxelos e visualmente atractivo, que divulgase entre os nenos e as nenas as vidas de mulleres que foron precursoras en diferentes ámbitos sociais e que, porén, eran grandes descoñecidas.

-A ilustración ten unha grande importancia nas edicións de Pioneiras . Como foi o traballo con Abi Castillo e, antes, con Nuria Díaz? A elaboración dos "retratos" foi só cousa dela ou Vde. aportou tamén as súas ideas sobre como debía saír cada muller?

-Neste caso Abi Castillo traballou a parte plástica con total liberdade. É certo que antes de comezar a ilustrar, fixemos unha posta en común na que valoramos que as mulleres aparecesen en actitude activa, nos seus espazos de actividade e cos seus instrumentos de traballo. A partir de aí, Abi documentouse e traballou de maneira autónoma, se ben é certo que condicionada pola existencia do primeiro volume. Tanto o traballo de Nuria Díaz, no primeiro libro, como o de Abi Castill, neste segundo, son marabillosos. Estoulles moi agradecida por aceptaren participar no proxecto.

-Escribir estas biografías, aínda que sexan breves, ten a dificultade de que son contadas para que as lean rapac@s moi novas. Supúxolle isto un esforzo engadido?

-Ao principio tiven moitas dúbidas sobre que ton e que estilo adoptar, sobre cal sería o máis apropiado. Nalgún momento valorei darlles un tratamento máis literario aos textos, contar as vidas destas mulleres coma se fosen un conto... Logo cheguei á conclusión de que me interesaba máis que o libro tivese un carácter divulgativo, que fose máis informativo. Por unha parte, non deixaba de ser un prexuízo pensar que aos nenos e nenas non lles interesan os textos informativos. Por outra parte, aínda que o libro teña como primeira destinataria a infancia, tamén me decantei por prescindir dun estilo demasiado infantil, xa que penso que estes libros tamén teñen interese para as persoas adultas porque as mulleres das que se fala son tamén grandes descoñecidas para elas. Tentei buscar un equilibrio.

-Que criterios de selección aplicou para elixir estas pioneiras?

-Manexei varios criterios: o principal, que todas fosen precursoras nos seus ámbitos. Logo, tamén me interesaba que fosen representativas de diferentes épocas históricas (de aí que a muller máis antiga que aparece sexa a peregrina Exeria, do século IV, e as máis achegadas a nós sexan do século XX, como a astrónoma Antonia Ferrín ou a bióloga Ángeles Alvariño; pasando por mulleres do XVI, XVIII e XIX). O outro criterio de selección foi que pertencesen a ámbitos profesionais e sociais diversos. Quería reflectir o conquista e a valía das mulleres no eido académico e profesional (aí están Manuela Barreiro Pico, a primeira universitaria galega, ou Rita Fernández Queimadelos, a primeira arquitecta), pero ao mesmo tempo tamén me interesaba recoller historias de mulleres máis anónimas, algunhas de extracción social máis humilde, que conquistaron espazos importantísimos tamén como o deporte, a música, a política? Aí están os casos de Concepción Pérez Iglesias, a primeira alcaldesa; Celia Rivas, a primeira condutora de camións, ou Elisa e Marcela, o primeiro intento de matrimonio entre mulleres. Son historias que poñen de manifesto como dereitos hoxe básicos na nosa sociedade houbo que conquistalos.

-Cando comezou a traballar no tema, sospeitaba que ía atopar tantas, como Vde. di, "mulleres galegas que abriron camiño"?

-A moitas destas mulleres xa as coñecía, pero é certo que outras foron unha descuberta. Como a historia de Elisa Patiño, a primeira galega que pilotou un avión e que voaba xunto a José Piñeiro, o coñecido pioneiro da aviación. Ou a historia de Joaquina García, unha filla de mariñeiros de Porto do Son que foi unha precursora da enxeñaría téxtil galega, xa que das súas mans saíu un dos primeiros traxes de auga que se confeccionou?

-Todo semella indicar que haberá un P ioneiras 3 ? e incluso, 4, 5? non?

-Cando publiquei o primeiro volume, nin me pasara pola cabeza escribir un segundo. Foi a propia repercusión do libro a que me animou a continuar, polo que estou moi agradecida e moi satisfeita pola boa acollida. De todos os xeitos, non teño previstos máis volumes. A intención destes libros é que axuden a transmitir ás crianzas que as mulleres tamén foron protagonistas da historia, que en Galicia temos as nosas propias pioneiras e evidenciar a falta de referentes femininos. Penso que estes dous volumes cumpren o cometido.

-De quen de todas estas mulleres lle custou máis traballo facer o perfil biográfico?

-Das menos coñecidas, seguramente. De Elisa Patiño e de Joaquina García, por exemplo, non atopei demasiada información previa. Tamén me custou moito facer o perfil de Sofía Casanova polo controvertida da súa figura? Foi unha muller de primeiro nivel intelectual, cun papel importantísimo na historia do xornalismo, mais con episodios biográficos escuros e reprobables, como o apoio ao golpe de Estado de Franco.

-Cal delas cre que o tivo máis difícil?

-Entre as recollidas en Pioneiras 2, creo que Manuela Barreiro Pico debeu de ser unha muller moi perseverante para decidirse a ser a primeira matriculada na Universidade de Santiago nun momento en que a lei non permitía o acceso libre das mulleres aos estudos superiores e cando non había ningunha outra muller no campus. E licenciouse en Farmacia, un gremio que daquela sostiña que era de mal gusto que as mulleres se dedicasen ao manexo do bisturí e aos traballos de laboratorio?

-Quen é a súa favorita e por que?

-A min fascíname a historia de Irene González. Foi unha moza que nos anos 20 tivo o atrevemento de xogar ao fútbol, e isto xa era unha auténtica transgresión. Pero se pensamos que ademais era porteira, unha das posicións máis expostas dese deporte; que xogaba en equipos masculinos; que era a capitá do seu equipo e que fundou o seu propio club, podemos facernos unha idea do extraordinaria que tivo que ser. Paréceme unha referente hoxe en día para as nenas e mozas que queren xogar ao fútbol e seguen batendo decote coa amarga discriminación neste deporte.

Compartir el artículo

stats