Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Con luces e sombras

Unha desigual antoloxía

Con luces e sombras

Comento Amor en femenino, publicado pola editora Manuscritos, de Madrid. Trátase dunha antoloxía de poetas galegas (escollidas por Maximino Cacheiro ao igual que os poemas), que percorren máis dunha centuria, desde o século XIX, coa refundadora da nosa escrita literaria, Rosalía de Castro, até chegar ao XX. Nel, as datas de nacemento abranxen desde 1918, Pura Vázquez, e chegan até Marta Dacosta, 1966. Entre ambas comparecen Luz Pozo Garza, Mª do Carme Kruckenberg, Mª Xosé Queizán, Helena Villar, Ánxeles Penas, Marica Campo, Ana Romaní e Pilar Pallarés. O tema desta escolma resulta ser unicamente o amor. A encargada de verter as composicións á lingua de Cervantes é Ánxeles Penas.

O prólogo que encabeza esta edición, de Camiño Noia, sinala dúas ausencias: Xohana Torres e Xela Arias. Especialmente grave a primeira, unha das voces máis fulgurantes que deu a poesía galega de todos os tempos. Como se pode deducir, corresponde ao antólogo xustificar as súas escollas. Igual que el pode ter os seus criterios particulares para realizar a súa colectánea, nós tamén podemos, e debemos, criticar as omisións que consideramos inexplicábeis. Con referencia ás composicións elixidas, obviamente non podo reprochar nada ao respecto. Aquí os gustos persoais prevalecen claramente.

Respecto da tradución, digamos que as versións que nos ofrece Ánxeles Penas son, a un tempo, respectuosas e rigorosas co sentido último dos textos. Máis dunha vez logran reproducir a musicalidade das pezas orixinais en galego. Algo verdadeiramente heroico en moitos casos. En moi poucos isto non é posíbel, pois, ou ben se perde a música inicial, ou ben se perde a beleza dos vocábulos empregados polas escritoras. Repito, o traballo de Ánxeles Penas merece, sen dúbida, os nosos parabéns.

A eiva maior do libro, que o lastra e que non pode ser xustificada nos tempos que corren, é a ausencia da versión orixinal en galego. Mutílase, así, a posibilidade de confrontar e apreciar a extraordinaria calidade que atesouran estas páxinas.

CACHEIRO, Maximinio (antol.), Amor en feminino, Ed. Manuscritos, Madrid, 2019, PVP. 10 ?

Compartir el artículo

stats