Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha magna obra

Profundo, comprometido, sistemático

Unha magna obra

Con este cuarto volume da Historia da Literatura Galega (De 1936 a 1975. A "longa noite") pódese dicir que se pecha o estudo sistematizado da materia -no xa establecido e consolidado- e a falta unicamente do V volume, que abranxerá do 75 aos nosos días, e que xa está en elaboración.

Con esta cuarta entrega, continuamos, o profesor Xosé Ramón Pena vén completar, condensar e destilar, décadas de estudo comprometido, profundo e sistemático, á literatura e á historia da literatura galegas. Coa vantaxe e grande achega, ademais, de ser un dos mellores coñecedores da propia historia en si (política, económica, social, cultural?), contribuíndo de tal xeito a unha contextualización idónea dos autores, das obras, os movementos e as correntes. Ninguén sabe nin máis nin tanto como o propio autor sobre a materia, e con esta inxente obra péchase todo o anteriormente establecido, incluído o gran traballo de Don Ricardo Carballo Calero, quen fora profesor de Pena, e entre os cales houbo unha estreita relación; do mesmo xeito que superada foi asemade a súa gramática, non sen recoñecermos que, para a época, o traballo total, en todos os campos, de Carballo Calero, devéni histórico, irrepetible, necesario e impagable. Vergoña é, entón, que D. Ricardo non tivese aínda o seu máis que merecido e gañado Día das Letras Galegas. Cabe agardar, doutra parte,que quen máis sabe agora mesmo da nosa historia literaria teña cadeira de seu axiña na Real Academia.

Mais, continuando con este cuarto volume, vemos que a nova entrega segue a mesma liña que as anteriores: absoluto e preciso coñecemento, consulta e cita de todo autor e toda achega ao estudo da literatura, e magnífico e senlleiro labor de sistematización de toda a nosa produción literaria. O pouso de todo este estudo posiblemente tarde en asentar no saber colectivo (poño por caso, no volume anterior, o relativo á inexistente Xeración Nós, da que aínda se continúa a falar, profesores de literatura galega incluídos). Non hai, certamente,desperdicio en todo o libro, mesmo no seu acertado e completo deseño estrutural, tan coidadosamente deseñado e xustificado; nin no tratamento de cada unha das súas partes, nin no tratamento de cada un dos autores, cada un na súa equilibrada medida. Especial mención, se couber, merecen salientar os estudos dedicados a Álvaro Cunqueiro e Eduardo Blanco Amor. Tamén aqueles que teñen como obxecto a Neira Vilas, Novoneyra?, e, cómo non, a Celso Emilio Ferreiro. Sen que falte referencia a ninguén.

Polo dito, sen que teñamos espazo para máis, quen queira saber da historia da literatura galega terá que botar man, necesariamente, desta magna obra.

PENA, Xosé Ramón, Historia da Literatura Galega, IV. Ed. Xerais, Vigo, 2019, PVP. 23, 75 ?

Compartir el artículo

stats