Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Iria Collazo López: "Intento procurar cada vez maior sinxeleza e eficacia nas palabras"

A escritora Iria Collazo López. FOTO: niara cabrerizo collazo

- Os seus dous primeiros libros, Coma unha áncora (novela) e A soidade das medusas (relatos) ían dirixidos a un público adulto. Que a moveu agora para dar este "salto" á literatura infantil?

-Gústame esa expresión de "dar o salto" á literatura infantil porque, normalmente, o que se lles adoita preguntar ás autoras/es é cando van "dar o salto" á literatura para adultos, coma se os libros para a infancia non fosen suficientemente importantes ou se o labor desas escritoras/es estivese incompleto. A literatura infantil é fundamental, porque conforma a base de todo o sistema literario. Escribir para crianzas é formar o lectorado do futuro. Creo que o que lemos na infancia é o que realmente nos marca, todo o que facemos máis tarde é intentar volver a ese lugar. De todos xeitos, tamén son partidaria de esquecérmonos das etiquetas e de que nos atrevamos con todo tipo de lecturas.

- Que foi o que tivo que mudar no seu proceso creativo á hora de escribir un libro do que sabe que, ao contrario que os anteriores, en principio vai dirixido a lectores novos?

-O traballo foi arduo e quizais máis esixente, de acordo co público infantil que maioritariamente vai ler A casa do paralelo 54, que tamén será implacable na súa crítica. Tanto na literatura para adultos coma na literatura infantil ou na xuvenil, o que intento cada día é procurar cada vez unha maior sinxeleza e eficacia das palabras. Creo que os traballos de desescribir e borrar son os máis complicados no proceso creativo.

- Chámame a atención que a narradora de A casa do paralelo 54 sexa unha nena de once anos que se presenta xa no primeiro texto, "Unha presentación formal". Por que elixiu semellante alter-ego para contar estas historias?

-Quería que a narradora fose unha nena por dous motivos fundamentais: o primeiro é que quería unha rapaza forte, valente, divertida e aventureira como protagonista. Ela debía levar o temón da travesía. O segundo é que prefería que fose unha pequena a que lle contase a historia a nenas e nenos da súa idade, pois, quen sabe máis das súas angueiras, medos e desexos ca elas e eles mesmos? Busquei unha historia divertida e sen preocupacións; hai que devolverlles a infancia ás crianzas.

- Disque na literatura "para adultos" o que predomina é a memoria e na "literatura infantil" o que prevalece é a imaxinación. Esta de acordo con estas premisas? É tamen o seu caso?

-Non deberiamos perder a capacidade de imaxinar co paso dos anos. A creatividade é o que nos caracteriza como seres humanos. Chega unha idade na que deixamos de ler, de debuxar, de cantar? É dicir, deixamos de lado o verdadeiramente fermoso para convertérmonos en xente "seria e responsable". En realidade, a nosa maior responsabilidade debería ser garantir que toda esa beleza non desaparecese. E, ademais, tamén temos o deber de transmitir a nosa memoria ás seguintes xeracións: só así poderán comprender quen fomos e por que e como chegamos aquí. E só deste xeito loitarán para non repetir os nosos erros.

- Xa que publicou relatos curtos e novela, en cal destes dous xéneros literarios se sinte máis a gusto escribindo?

-A escritura é un proceso curioso: non sempre dá satisfaccións, non sempre somos quen de poñernos ao labor, ás veces rexéitanos durante días, meses ou incluso anos, pero acaba por converterse nunha ilusión inexorable. Eu creo que escribimos por curiosidade. Queremos saber qué poderiamos chegar a escribir. Non teño moi claro con que xénero me sinto máis a gusto. Os textos cobran vida propia e transfórmanse diante de min cunha aleivosía realmente turbadora.

- Neste libro teñen grande importancia as ilustracións de Luz Beloso. Como foi o traballo con ela?

-Luz Beloso é unha artista marabillosa, que leva o debuxo e a creatividade nas veas. É unha persoa xenerosa en extremo, bondadosa e moi especial. Traballar con ela é un luxo, igual que xa o foi en A soidade das medusas. Que ela ilustre un libro, é garantía de calidade e éxito.

- Quen foron os autores/as e cales as obras que máis a marcaron a Vde. de nena?

-O meu libro comeza cunha referencia a J im Botón e Lucas o maquinista, de Ende, que debeu de ser un dos libros que máis veces lin. E canda el, Momo, A historia interminable? Tamén me encantaban Roald Dahl, Christine Nöstlinger, Hergé, Gianni Rodari, Quino, Astrid Lindgren ou o noso Agustín Fernández Paz.

- Ser profesora de Lingua e Literatura , como é o seu caso, facilítalle as cousas para coñecer cales son o gustos literarios dos rapaces?

-Non o teño moi claro, quero pensar que si, porque co contacto directo co alumnado fanme chegar críticas de todo tipo sobre as lecturas que van facendo nos coles e no instituto.

- Que motivacions manexa Vde. para provocar nos seus alumnos a afección pola lectura?

-Hai unha cita moi coñecida de Borges que di que o verbo ler, coma amar e soñar, non soporta o modo imperativo. O que resulta é querer saber dos seus intereses e aprender a suxerir.

- Dicía nunha entrevista María Solar que, na literatura infantil, e aínda que sexa o mesmo libro, un adulto le (ou interpreta) unha historia e un rapaz outra. Está de acordo?

-É posible, e se o di Marïa Solar, a quen admiro moito, ha de ter razón. De todos os xeitos, todas, grandes e pequenas, facemos diferentes interpretacións dun texto literario. É o fermoso da literatura.

- Por onde irán os seus seguintes pasos literarios. Alternará a literatura infantil coa de adultos?

-Non teño nin idea. Gustaríame seguir escribindo toda a vida, pero o público non o elixo eu. É o lectorado quen elixe.

Compartir el artículo

stats