Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ei, Feldmühle!

28 anos despois

Ei, Feldmühle!

Nunha iniciativa que cómpre salientar por valente e necesaria, a Deputación Provincial de A Coruña e máis a Asociación de Directores de Escena de España (ADE), veñen de presentar un proxecto especialmente relevante para a promoción da nosa literatura dramática no amplo abano dos países de expresión castelá. Implica publicar en edición bilingüe os textos dos Premios de Teatro Rafael Dieste, que a Deputación Provincial vén convocado desde 1991. Sendo a ADE unha importante institución teatral do espazo cultural iberoamericano, os textos escritos por autores nosos e na lingua nosa, teñen garantida, de partida, unha amplísima distribución, e ben especializada, pois chegarán ás mans de moitas persoas do campo teatral, sexan ás dos que o crean sexan ás dos que o estudan.

A oportunidade dunha acción deste tipo aumenta nun momento en que a nosa dramática precisa novas canles de distribución, pero tamén unha maior proxección entre comunidades diversas, especialmente a académica, pois coa realización de estudos e investigacións tamén se pode potenciar que manifestacións artísticas da periferia xeográfica poidan gañar maiores cotas de presenza e visibilidade. Nesa dirección, tamén debemos sinalar que para cada texto está prevista unha presentación crítica, polo que cabe esperar que con cada achega vaian agromando as voces desas persoas que se veñen dedicando ao estudo da nosa dramática con notable rigor, todo un galano para a Historia da nosa literatura. Con ocasión deste primeiro volume da serie, e coa finalidade de contextualizar o Premio no campo literario galego, pero tamén para establecer o modelo do que van ser os estudos preliminares, será a profesora Inmaculada López Silva quen, amais de asinar unha tradución impecable, inicie a xeira dos estudos, cun documentado, rigoroso e moi esclarecedor traballo sobre a literatura dramática galega última e sobre o conxunto da obra do propio Pisón.

Anunciado xa o segundo volume da serie, Días sen gloria, de Roberto Vidal Bolaño, con edición de Eduardo Alonso, neste e nos anos por vir chegarán novos textos que contribuirán a poñer en valor a nosa creación dramática noutra lingua, noutros contextos, e seguramente noutras escenas. Por iso debemos felicitar á Deputación da Coruña, e moi especialmente á persoa responsable última da proposta, a súa Vicepresidenta e tamén profesora Goretti Sanmartín, porque tamén en castelán, en inglés, en chinés, ou en alemán, se pode facer país, por moito que en Galicia o debamos facer en galego.

Este texto, primeiro desa longa xeira que irá chegando, ten un valor notable, sexa na traxectoria do seu autor sexa na propia configuración estética e canónica do campo dramático galego, e pode ser entendido como unha sorte de informe sobre as liñas de traballo que a finais dos anos oitenta conformaban formas de entender a escrita, nos planos sintáctico, semántico ou pragmático. En boa medida é un texto de transición entre o nacionalismo literario dos anos sesenta, setenta e oitenta, e os inicios da dramática nacional dos noventa, cando o peso do valor instrumental da peza diminúe para dar paso á súa plena autonomía. Continúa dalgún xeito a xeira de pezas como Progreso e andrómena de Antroido (1978) de Camilo Valdehorras, ou Traxicomedia do vento de Tebas namorado dunha forca (1981), de Manuel Lourenzo, pezas que destacan polo seu alto poder alegórico e valor simbólico, e que reflicten, botando man de numerosas analoxías, conflitos diversos da terra, das súas xentes e das súas comunidades. Neste caso, será a chegada de industrias alleas, como a multinacional Feldmühle, que poden converter paraísos en infernos, ou trocar castaños por eucaliptos e pandeiros por caixas de ritmos, e que se presenta como unha agresión á esencia mesma da terra e do país, representado nas súas lendas, tradicións, personaxes históricos e populares, costumes e festas.

Unha transición que, para o caso do autor que nos ocupa, Xesús Pisón, marca o camiño que vai de textos coma O rei aborrecido (1984) a Venenos (1994), co que tamén gaña o Rafael Dieste, e tralo que inicia unha nova pescuda que o levará, andando os noventa, a unha escrita dramática cunha orientación decididamente posmoderna. Pero esa é outra historia. Quedamos agora con Ei, Feldmühle!, un texto asentado a medio camiño entre a loita política e a visión bucólica de vedrañas tradicións.

Compartir el artículo

stats