Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O poder da palabra

Con aprendizaxes básicas

O poder da palabra

As mulleres lectoras galegas temos que darlle os nosos parabéns á Editorial Galaxia por lles outorgar a entidade de colección a textos feministas que dende diferentes perspectivas se achegan á que semella ser a revolución deste século. Inma López Silva, Carme Adán, Chis Oliveira e Amada Traba principian unha serie que agardamos completen moitos outros títulos saídos da intelectualidade galega e que nos axuden a interpretar o mundo que nos rodea en clave de muller.

O outro día un alumno dicía nunha aula todo cheo de razón: "eu son neutral, non son machista nin feminista." Nos seus doce anos de vida nin na familia, nin na escola nin na sociedade aprendera que en temas de discriminación un cando non defende a parte oprimida está sendo cómplice da parte agresora. Quizais a súa actitude teña moito que ver con ese espellismo da igualdade social onde semella que xa todo está conseguido e só nos queda o tema pendente da violencia de xénero e pouco máis. Para que todo isto non pase cómpre mudar as cousas e para facelo precisamos dun discurso teórico que lle dea sentido aos nosos sentimentos e pareceres ás veces inconexos, por iso é tan importante a existencia de textos como o de Carme Adán.

Feminicidio é un volume de iniciación, cheo de aprendizaxes básicas, mais non por iso innecesarias, nun tempo en que semella que todas as mulleres temos os discursos asumidos e os homes tamén. A autora pon unha nova palabra no noso vocabulario, non para aprendela e esquecer como fan os estudantes despois do exame, senón para interiorizala como a forma xusta de retratar unha realidade: fe-mi-ni-ci-dio. Nas cinco sílabas desa palabra tan terrible resúmese o concepto que dá conta do asasinato das mulleres polo simple feito de seren iso, mulleres. E a través da historia do feminismo facemos unha viaxe ao porqué e observamos a violencia de xénero como un problema estrutural na sociedade baseado na estrutura do patriarcado e non como unha lacra da que nos debemos lamentar. E comprobamos que o patriarcado non ficou inmóbil ante a evolución do papel da muller na sociedade senón que se reconfigurou no seo do marco neoliberal onde precisamos que se lexisle dende a óptica do feminismo.

Feminicidio é unha obra para ler e, sobre todo, para pensar. Haberá quen pase polas súas páxinas e permaneza igual mais, na maioría dos casos, vai xerar unha reacción tras a lectura que pode ficar no posicionamento intelectual pero que noutras ocasións levará inevitablemente á acción feminista nun exercicio simple de coherencia.

Como xa Carme Adán nos di dende o prólogo, "este libro é só unha invitación a pensar", e digo eu, nada máis nin nada menos, hai nel páxinas que valen o ouro de aprender a distinguir entre crerse libre e ser libre.

ADÁn, Carmen, Feminicidio, Ed. Galaxia, Vigo, 2019, PVP. 17 ?

Compartir el artículo

stats