Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Medicina, psiquiatria e psicoloxía no século XIX

Historia da ciencia (X)

Louis Pasteur (1822-1895)

O século XIX representa, na materia científica, o triunfo da Razón, malia que a obra de Darwin A orixe das especies (1859), fose duramente atacada polo bispo Willforce e pola Igrexa en xeral; efectivamente, a observación científica do corpo humano, que se iniciara de xeito máis ou menos clandestino nos tempos medievais, convértese nunha práctica habitual nos hospitais e nas universidades europeas e americanas, o que permitiu un notable desenvolvemento das ciencias da saúde ao longo do século XIX.

A observación da enfermidade: Nos primeiros anos do século XIX a mortalidade da poboación hospitalaria, tanto de persoal sanitario como de pacientes, era moi elevada, unha observación que se ben era evidente, non foi debidamente considerada até que Ehrlich e Semmelweis comprenderon a importancia dos procesos infecciosos na transmisión e no tratamento das enfermidades. A partir dese momento desenvólvense dúas novas disciplinas científicas: a bacterioloxía, na que salientaron Pasteur, que difundiu a esterilización, e Koch, que illou o bacilo da tuberculose e sentou as bases da bacterioloxía moderna; e o hixienismo, tanto nos hospitais como nas cidades, o que levou a que se tomasen as primeiras medidas de saúde pública, entre as que figuraban as campañas de vacinación.

Paralelamente, a observación da enfermidade e do corpo humano permitiu o desenvolvemento da obstetricia e a xinecoloxía; da histioloxía e a anatomía, eido no que salientaron Virchow, quen definiu a célula como unidade estrutural básica dos seres vivos, e Broca, un profundo coñecedor do cerebro humano que estableceu os parámetros 'normais' dos trazos anatómicos humanos, sentando as bases da 'racioloxía' -unha disciplina que tivo un éxito notable no seu momento-; ou da fisioloxía, na que salienta Bernard, quen sentou as bases da medicina experimental, baseada na observación, a formulación de hipóteses e a verificación da hipótese mediante a experimentación e a análise de órganos e tecidos enfermos e sans.

A cirurxía e a anestoloxía:Paralelamente aos avances teóricos que permitiron profundar no coñecemento das enfermidades, ao longo do século XIX desenvolvéronse diferentes técnicas cirúrxicas (sonda gástrica?), perfeccionouse o deseño do material cirúrxico -adaptado ás novas necesidades de asepsia?-, e avanzouse na aplicación da anestesia, disciplina na que salientaron Morton, quen aplicou eter por primeira vez nunha operación no hospital de Massachussets, e Simpson, quen sintetizou cloroformo por primeira vez en Edimburgo. Obviamente, todos estes avances permitiron realizar intervencións cirúrxicas de carácter oftalmolóxico, xinecolóxico?, que con anterioridade eran impensables.

Da enfermería á Cruz Vermella:Aínda que o traballo da dama da lámpada, Florence Nightingale, na guerra de Crimea (1853-1856), ben sendo considerado como o antecedente da enfermería ou atención das persoas enfermas, na actualidade sábese que a primeira muller que exerceu ese papel foi a galega Isabel Zendal, quen participou na Real Expedición Filantrópica da Vacina, que partiu do porto da Coruña o 14 de outubro de 1803. Con todo, foi o traballo de Nightingale o que inspirou a Dunant a trasladarse a Italia durante a guerra de unificación e a fundar un corpo de voluntarios para axudar aos feridos de todas as nacionalidades que en número de 38.000 sobreviviron á batalla de Solferino (1859), que é o xermolo da futura Cruz Vermella, que o propio Dunant fundou en 1863. Así mesmo, aínda que o primeiro corpo de ambulancias organizouse durante o asedio de Maguncia (1793), a súa extensión como servizo sanitario público desenvolveuse trala creación da Cruz Vermella, que estable a neutralidade das ambulancias e dos hospitais.

O estudo da mente

  • Aínda que foron moitos os estudos dedicados á mente humana, a primeira clasificación das enfermidades mentais elaborouna en 1767 o francés Boissier; non obstante, os primeiros estudos clínicos son obra de Pinel, quen rompeu ás cadeas que ataban aos tolos nos 'manicomios' de París e estableceu unha clasificación diagnóstica das enfermidades mentais. Posteriormente, Bayle establece unha relación entre as enfermidades mentais e as anomalías no cerebro e Esquirol, discípulo de Pinel, elabora unha nova clasificación das enfermidades mentais. A partir dese momento, sucedéronse as teorías sobre a 'loucura' da man de Charcot ou Hecker, que elaboraron tamén importantes achegas diagnósticas e melloraron os tratamentos. Non obstante, o representante último desta corrente foi Kraepelin, quen estableceu a clasificación canónica das enfermidades mentais en 1899. Paralelamente, fisiólogos como Wundt e Pavlov sentaron as bases dun novo xeito de abordar as enfermidades mentais: a psicoloxía, mentres que Freud, cos seus esquemas diagnósticos e clasificatorios propios desenvolveu unha nova disciplina: a psicanálise. Ao mesmo tempo, Bell, Magendie, Broca ou Parkinson desenvolveron unha serie de estudos sobre o cerebro que permitiron desenvolver a neuroloxía como unha disciplina médica independente.

Compartir el artículo

stats