Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A derradeira bala

Unha tráxica parodia

Otto Dix: gravado de guerra (1924).

Vimos de ler, nestes días de Entroido, nos que tan famosos eran autos, parrafeos, ou testamentos, sempre artellados en clave de farsa, un texto de Fernando Castro Paredes, que resultou premiado na primeira edición do Certame de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño, organizado desde o IES Ribeira do Louro, un instituto que nos últimos anos vén desenvolvendo algunhas interesantes experiencias no eido dos usos educativos do teatro, como a titulada "Retrincos teatrais". No ano pasado propoñía unha interesante peza breve, que se pode ver na páxina oficial do centro, creada a partir da idea do diálogo construtivo que o psicólogo Jospeh M. Strayhorn desenvolve no seu libro Cómo dialogar de forma construtiva.

Nese mundo do teatro na educación é no que traballa Castro Paredes, ora co colectivo Tuéjele Teatro e desde o IES Fernando Blanco de Cee, onde exerce como profesor de lingua e literatura, ora desde Farándula Velutina, unha agrupación teatral dependente da Asociación Cultural As Nove Musas, da veciña vila de Corcubión. Unha maneira de promover un ocio activo e creativo entre mozos e mozas, do que tamén pode tirar moito partido o conxunto da poboación, cando os seus espectáculos se difunden nos moitos palcos cos que conta o país, e que a maior parte do mes e do ano permanecen baleiros, inertes e silentes. Lembramos que en Cee se organizaba hai anos unha magnífica Mostra de Teatro, impulsada por un grupo profesional local, Talía Teatro, que as diferentes administracións públicas con que contamos deixaron morrer. Tampouco non deixa de ser importante que algún dos máis importantes animadores dese grupo e dese festival, Artur Trillo, iniciara a súa paixón teatral no Colexio Eugenio López da vila de Cee, nun obradoiro de teatro de monecos que coordinaba o profesor Ramón Vázquez Vale con algunha colaboración puntual de Álvaro de la Vega.

A derradeira bala, que así se titula o texto que presentamos, propón unha mirada á guerra asentada na traxicomedia, algo que vén sendo bastante habitual, e velaí temos pezas ben coñecidas coma O xigante Mapoulas, do arxentino Juan Bautista Alberdi, que traduciu para o galego Ramón Rocamonde, ou Pic-nic, de Fernando Arrabal, texto este último que foi presentado en 1979 por Artello na súa versión galega. Mais adoita acontecer que coa guerra non é doado xogar, como nos mostra un texto ben pouco coñecido de Ramón del Valle-Inclán, En la luz del día, que escribe en 1916 e publica en 1917, sendo un antecedente preciso do que na Unión Soviética se vai coñecer como literatura factual ou factografía. Pois en efecto, como tamén mostrou o artista gráfico Otto Dix, nas súas magníficas e arrepiantes estampas sobre a Primeira Gran Guerra, a ira e a tolemia de Marte acaba por destruír todo canto toca. A traxicomedia as máis das veces deriva en traxedia, cando menos se nos experimentos aplicamos a lóxica incontestable do mundo que habitamos.

Esta interesante peza presenta cinco personaxes que malviven nunha trincheira esbandallada, e nun momento de lucidez, pensando tal vez que o inimigo xa non existe, porque hai tempo que non dá sinais de vida, un deles, de nome Luciano, decide abandonar a súa posición e buscar un outro mundo, cheo de poesía, teatro, música e cunha vida comunitaria asentada na concordia e no amor. Ao ser descuberto, os outros catro personaxes someten ao prófugo a un consello de guerra, e de resultas do mesmo é condenado a morte. E aí comezan diversas reviravoltas, con reminiscencias absurdas, que acaban por mostrar o lado máis tráxico da existencia. Curiosamente todo remata coa mesma sinfonía aterradora coa que se poñía cabo a En la luz del día, cando as trincheiras se van desfacendo co poder devastador das bombas que caen sen parar. Unha proposta de resolución do conflito inicial que nos traslada, como persoas lectoras, interesantes preguntas en torno a conceptos centrais na convivencia humana, moi especialmente os de inimigo, paz, desertor ou guerra, sen esquecer o poder metafórico desa derradeira bala. En boa medida é como recuperar algunhas das ideas de Aristófanes, como aquelas sobre as que se asentaba a súa máis célebre composición dramática, Lisístrata, e que nos mostra, como tamén fai Fernando Castro Paredes, que o poder corrosivo de determinados experimentos mentais, tan comúns na ficción literaria, sempre acaba por ser derruído polo poder devastador da natureza humana. Infelizmente.

O autor como animador cultural

  • Destaca a Editorial Galaxia, nunha das solapas interiores do volume, a traxectoria literaria deste novo autor, gañador xa de diferentes premios, quer de poesía e narrativa, quer de literatura dramática. Pois nun país onde os teatros apenas funcionan como tales, unha das poucas formas de gañar visibilidade consiste en participar nesa case media ducia de premios que nese xénero aínda temos en Galicia, sendo un deles o Varela Buxán, que Castro Paredes gañou cun texto titulado Pallaso na edición de 2017. Non é iso o que adoita acontecer noutros países da nosa contorna cultural, onde os teatros producen, coas compañías que neles residen, todo tipo de traballos, desde clásicos universais a novos textos de autoras e autores emerxentes. O caso do Royal Court de Londres é un exemplo de boa praxe que se debería imitar de forma inmediata para facer da creación dramática un sector estratéxico da cultura do país. Coma Roberto Vidal Bolaño fixera en vida, tamén Fernando Castro Paredes, debe buscar maneiras alternativas de ver os seus textos escenificados, e para iso nada mellor que crear unha compañía propia, por moito que neste caso sexa afeccionada, que todos os teatros deben poder ser, para ben do propio teatro. Un feito que se deixa translucir nos trazos que definen esta peza, escrita a medida dos recursos humanos dispoñibles, pois a primeiros de marzo deste 2019 o espectáculo A derradeira bala foi presentado en Cee polo colectivo Farándula Velutina. Parabéns polo traballo, e que o pulo se manteña por moitos anos, porque todos os teatros son necesarios, tamén para esta lingua nosa que tantas e tantos queren condenar ao silencio eterno.

Compartir el artículo

stats