Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Arte en pedra

Cruceiros de Combarro, Poio

Detalle do cruceiro da Rualeira. FOTOS: Gustavo Santos

Non existe en Galicia parroquia sen cruceiro ou sen cruz. Algúns teñen relevancia artística e escultórica, outros son de factura sinxela e humilde pero, en calquera caso, deveñen testemuños de crenzas de profundo arraizamento. Mostras de arte popular, de gran sentido devocional e valor simbólico, as tradicións que se daban arredor destes monumentos poden darse case por desaparecidas e, aínda que se perderon costumes e ritos, queda a pedra como manda da sabedoría dos canteiros e como aceno de identidade da paisaxe galega. Hai miles -aínda que algúns vaian desaparecendo pola acción do home-, unha parte importante na provincia de Pontevedra, todos significativos e con lendas asociadas.

Son numerosos os estudos que se publicaron respecto do tema, aínda que segue sendo de obrigada referencia o de Castelao, As cruces de pedra na Galiza (1950) que, a pesar do tempo transcorrido, non perdeu a súa vixencia. Nunha das parroquias máis senlleiras do concello de Poio consérvanse interesantes exemplos deste patrimonio cultural, protagonistas do libro publicado recentemente por Andrés Dacosta Paz, Cruceiros do Conxunto Histórico Artístico de Combarro. En total, son nove os exemplares investigados que adornan prazas e rúas da vila mariñeira, dos que o autor destaca peculiaridades e historia.

Castelao afirma que a cruz provén de tempos prehistóricos e que como símbolo mítico se emprega e atopa en todas partes do mundo. Adaptada como imaxe do cristianismo a partir do Edicto de Milán (313), proliferará polos camiños, polas encrucilladas, polos montes, polas pedras, polas fontes e por todos aqueles lugares e elementos onde puidese haber rescoldo de paganismo. Suponse que a cristianización dos miliarios romanos, colocando sobre eles cruces, deu lugar á aparición dos cruceiros.

A unión do bloque do miliario e a cruz crea un conxunto que se estenderá polo camiño de Santiago, onde se lle engadirán bancadas para rezos e descanso dos peregrinos. Para considerar o cruceiro como tal, é necesario o fuste, a columna que sostén a cruz no alto e que apoia sobre a base pétrea. Entre os considerados máis antigos de Galicia atópanse o de Melide (século XIV) e o do Home Santo de Santiago ( XV). Pero vai ser a partir do século XVIII, e en plena época barroca, cando se dea unha auténtica proliferación de cruceiros por toda Galicia, en parte polas ideas xurdidas tras a Contrarreforma, cando se estende a noción do Purgatorio e a remisión das penas.

O sentido último do cruceiro sempre é o mesmo: a idea devocional á memoria dos mortos. No conxunto histórico artístico de Combarro, do mesmo xeito que no resto de Galicia, "os cruceiros sobresaen polos seus valores intrínsecos tanto artísticos como simbólicos", como apunta Andrés Dacosta no libro sobre este patrimonio da vila mariñeira.

Empeza o percorrido o autor polo cruceiro da Chousa, composto por unha grada de tres chanzos con pedestal e un varal coa figura a media altura " dun santiño" -que podería ser San Martiño Dumiense- , capitel e cruz latina con brazos rematados en flor tetrapétala. Diante do cruceiro disponse unha mesa ou pousadoiro onde se rezaban os "paternóster". Dacosta fai unha detallada descrición da historia deste cruceiro.

A poucos pasos do da Chousa -tamén chamado da Ghurita- aparece o cruceiro do Campo, coñecido con outras designacións como de San Roque ou de Arriba. Ocupa un lugar central no penedo granítico da praciña de San Roque. "Consta dunha plataforma con tres chanzos nos que aínda son visibles as pequenas cazoletas para pousar as velas, manifestacións do antigo culto". Do século XIX (1802), como reza a inscrición, ten tallado un Crucificado coas mans abertas, en sinal de misericordia, mentres que no reverso xorde a Virxe do Socorro con coroa.

Outros altos no camiño

  • O seguinte alto no camiño neste percorrido polos cruceiros de Combarro é no do adro da ermida de San Roque, enriba do muro perimetral da capela. "A cruz e as imaxes que a acompañan están labradas todas dunha soa peza", sinala Dascosta Paz. Nel están Cristo, María, San Xoán e San Roque. Baixando un pequeno tramo atópase o cruceiro da Rúa, orixinalmente na praia do Padrón, ao pé do camiño Real. Desde alí foi traido ao lugar que hoxe ocupa. Do século XVIII, de accidentada historia e roto varias veces, presenta unha intereresante obra escultórica, a pesar de que na súa localización non se pode apreciar en todo o seu detalle. De gran pormenor artístico é tamén o seguinte exemplar, o cruceiro da Fonte, cun Crucificado "pegado case integramente ao madeiro" e as dúas mans pechadas que "transmiten a mensaxe da omnipotencia divina". No reverso está representada a Virxe das Angustias. A continuación detállase outro monumento que xa existía no século XVII, o de Pedaporta, cunha representación de San Miguel -entre outras- e un Crucificado cos brazos rectos e as mans abertas. A imaxe da Inmaculada Concepción ocupa o reverso da cruz. Outros exemplares estudados en profundidade por Andrés Dacosta son o cruceiro da Rualeira, do século XIX, o do Padrón, de historia recente (1997), e o das Mosquiñas, do século XVIII.

Compartir el artículo

stats