Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Olladas de Chiloé

Un diálogo visual compartido

Olladas de Chiloé

A editorial Galaxia vén de publicar o volume Chiloé. Unha ollada compartida, libro que insire o traballo fotográfico realizado en 2006 por José Luis Abalo na illa chilena de Chiloé e que vai acompañado dun texto de Eduardo Blanco Amor que tamén visitou e fotografou esta zona da República de Chile en 1949 e 1950.

O primeiro que chama a atención do labor de José Luis Abalo é a vontade de dignificación e a intensa valoración cultural da identidade que reflicten as súas imaxes; un pobo que no outro extremo do mundo mantén con orgullo, como o fotógrafo lembra, pegadas importantes de ascendencia galega e onde nos ritos e lendas do noso país seguen a estar presentes. De feito a capital desta zona leva o nome de Castro e en 1567 foi fundada coa denominación de Nueva Galicia.

O achegamento que fai Abalo prodúcese desde o ollar, captado en toda a súa intensidade, e é expresión manifesta dun mundo compartido, atento e cómplice, nos mesmo espazos que Eduardo Blanco Amor captou con paixón na cámara e na descrición escrita hai máis de seis décadas.

Este achegamento realízao José Luis Abalo desde un depurado branco e negro, que dota dunhas notábeis calidades plásticas e que toma corpo a partir dunha reflexión sobre o territorio que é obxecto da súa atención. O resultado acaba por construír un auténtico relato en imaxes, que se manifesta desde o tipo de tonalidade dominante até as escollas de espazos e persoas, fortemente enraizadas estas últimas nos valores dunha cultura híbrida e singular.

Chile é unha nación dunha riquísima tradición artística anterior á conquista e tamén posúe unha interesantísima cultura colonial e moderna, que nas súas manifestacións máis populares deixa sentir o sincretismo coa cultura indíxena, sempre viva en determinadas zonas e en importantes camadas da poboación, do que Chiloé é un excelente exemplo.

Para captar este atractivo mundo expresivo e cultural, o fotógrafo galego -nado en Caracas- utiliza nas súas fotografías as tonalidades de branco e negro moi equilibradas caracterizándose por un ollar ao tempo distanciado e afectivo a respecto dos temas escolmados e por medio deles procura un vieiro propio desde a perspectiva estética. As súas imaxes permiten percibir uns espazos en transformación, con usos sociais en plena mudanza, que non impiden o mantemento das formas tradicionais da vida do pobo, pero a súa intención non é fundamentalmente documental, senón máis achegada á subxectividade creativa, ao seu mundo interior de fotógrafo creador en diálogo co espazo e as xentes obxecto da súa atención.

Mais este mundo interior non quere ser alleo ao real, sempre o plasma desde un fondo respecto co medio, lonxe de calquera afectación e cun extremo rigor formal, un rigor procurado realizando unhas fotografías que lonxe dunha utópica obxectividade procuran a maior integridade e honestidade posíbel.

Salienta pola intensidade de visión e mais o coñecemento das calidades do medio fotográfico, cun respecto absoluto polo oficio e polo obxecto a fotografar, sen empregar procesos de manipulación. O resultado é unha estética propia, baseada nos motivos captados e na captación do intre preciso, resaltando a solidez das formas, utilizadas como elementos significantes. Un criterio que se segue no tratamento das escenas de ambiente paisaxístico, na captación das situacións de sociabilidade e nos retratos, resaltando a homoxeneidade ou o carácter contrastivo das situacións. Todos estes aspectos son sempre captados desde o rigor, sen que o inmediato e o sentido da oportunidade xornalística poida limitar o valor estético e a capacidade de comunicación que toda obra debe tamén presentar para se converter nun elemento con capacidade de plena comunicación. Neste sentido é interesante ler o texto do autor onde explica a súa vontade de dialogar con Blanco Amor escritor e fotógrafo, respectando a realidade presentada mais inserindo nela certa tensión na procura sempre dunha captación intensificada.

Título: Chiloé. Unha ollada compartida. Autor: José Luis Abalo/ Texto de Eduardo Blanco Amor. Editorial Galaxia, Vigo, 2018.

Compartir el artículo

stats