Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O amor a debate

Unha revolución dende o íntimo

O amor a debate

A colección "Feminismos" da editorial Galaxia segue deixándonos interesantes volumes para arrequecer o pensamento arredor deste xeito de estar no mundo. ám@me, pensar o amor no século XXI de Chis Oliveira e Amada Traba é unha proposta ben suxerente, que ten como obxectivo principal cuestionar como o sentimento amoroso, dende as súas diferentes vertentes, está totalmente atravesado pola cuestión da desigualdade entre os xéneros. A partir de aí, este ensaio que se le dun xeito máis que fluído esténdese vertical e horizontalmente: vertical, porque o volume consente e propicia moi diferentes niveis de lectura -dende un moi especializado ata a lixeireza que se lle pide a un primeiro texto de pensamento-; horizontal, porque o amor, dende o mito do amor romático ao esforzo que hai nos coidados, queda debullado e ao descuberto, cunha claridade que vin en poucos ensaios. Quizais isto ocorra porque á precisa documentación, úneselle unha chea de referentes literarios, musicais e audiovisuais que propician e aclaran certos conceptos e problemáticas, exemplificando ao mesmo tempo como a cultura popular tamén se romantizou co obxectivo de atraer cara a si ás mulleres.

Organizado en dez capítulos que, á súa vez, aínda constan de pequenos apartados, ám@me ten tamén o pulo da actualidade, dado que analiza fenómenos como a hipersexualización, a sexualidade nas redes ou a educación nesta materia a través da pornografía. Non obstante, alén disto, unha das partes máis interesantes para todas aquelas persoas que educamos son, sen dúbida, os dous capítulos finais, nos que se cuestiona como se aprende o "mal amor" e que podemos facer para somerxernos no "bo amor". Así, o ensaio de Oliveira e Traba ten un marcado compromiso político, ao ser quen de facernos conscientes das trabas do amor, mais sobre todo ao amosarnos como mergullarnos na ética do afecto pode ser un xeito revolucionario de estar no mundo. Por todo isto, e moito máis, ám@me é un libro para soñarnos máis libres, menos vencelladas aos ferrollos e para procurar, tamén dende o íntimo, unha sociedade máis igualitaria. Un ensaio imprescindible para ter sempre á man.

OLIVEIRA, Chis e TRABADA, Amado, ám@me, Ed. Galaxia, Vigo, 2019, PVP. 21, 85 ?

Compartir el artículo

stats