Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Escritor e crítico literario

Estro Montaña: "Atráenme os personaxes que resultan imprevisibles"

Estro Montaña - escritor e crítico literario

O escritor Estro Montaña, co seu novo libro. // FOTO: pablo montaña

- Un conto siciliano e outras historias semella, aparentemente, unha inmersión no xénero negro, pero en realidade non é tal, senón "outra cousa"...

-O libro ten como pano de fondo unha realidade dura, amosa como certas actividades delitivas colonizan a vida da sociedade e como as persoas que se rebelan sofren a violencia. Non sei se é orixinal a miña actitude: fantaseo sobre a gran mafia internacional, logo sobre os clans do narcotráfico galego e, ao final, fabulo sobre actitudes mafiosas en actividades tan nobres como o exercicio da medicina ou da docencia. Pero os personaxes, sexan vítimas ou verdugos, están máis cerca de Joyce ou de Shakespeare que de Agatha Christie. Por exemplo, cando dous narcos se atopan despois de anos, un como perdedor e outro como triunfador, o que me interesan son os ciúmes, as envexas, a desestabilización emocional que o triunfador provoca no vello amigo que fracasou na vida. E como contrapunto, procuro non esquecer a ironía de Castelao, o humor de Cervantes ou o de Saki.

- O primeiro conto, que dá título ao libro, comeza en Vigo, pero a historia dese relato empeza realmente en Sicilia, na Sicilia da Mafia...

-Ese relato parte dunha vivencia persoal moi intensa en Sicilia, nese gran teatro da Magna Grecia, na que árabes, normandos ou españois deixaron profundas pegadas. Nese gran escenario de invasións, guerras e odios no que viviron Lampedusa e Sciascia. O 19 de xullo de 1992 contra as cinco da tarde estaba vendo o Tour de Francia nun hotel preto da Catedral de Palermo; de súpeto, apareceu sobreimpresionada baixo as rodas dos ciclistas a noticia de que acababan de atentar contra a vida de Paolo Borsellino, o xuíz antimafia. Empezaron a soar as sirenas... A partir de aquí Sicilia, o territorio da República de Platón e do diálogo socrático, iniciou unha actividade frenética. Declaracións de políticos, flores nas rúas, unha pequena rebelión contra os impostos da mafia, detención de autoridades, reportaxes na televisión....Anos despois, cando Saviano publicou Gomorra, sentín a necesidade de escribir algo daquel mundo. Así xurdiu Un conto siciliano que, por certo, transcorre máis en Galicia que en Palermo.

- Para falar de mafias, velaí o exito de Fariña , sen saír de Galicia. Tivo algo que ver co segundo relato?

-Este libro funo escribindo aos poucos. En realidade, durante anos fun escribindo moitas historias. Só agora, cando tiña un monllo de relatos coherentes na súa temática, procurei publicar o libro. Pero cando saíu Fariña, ese relato xa estaba escrito. Pense que eu vivín dous anos nunha praia da ría de Arousa, alugado no chalé dun home moi honorable que resultou ser un contrabandista de tabaco. Un home, por certo, que un día que me veu explicar como debía acender a cheminea, ao tempo que prendía lume ás páxinas dun xornal, dixo que sería mellor queimar os periodistas que prender lume ao papel.

- Desculpe a inxenuidade pero, algunha destas historias está baseada na realidade ou sacouna dunha noticia de xornal?

-Nada hai máis próxima á vida que a literatura. Para min, como escritor, as viaxes, a lectura, as experiencias cotiás son a base do traballo artístico. Tempo despois de ler Purga, a novela de Sofi Oksanen, ocorréuseme o argumento de "Deixádeos vivir", pero, claro, tamén é certo que no primeiro piso da miña casa houbo un prostíbulo durante dous anos, e esa experiencia contribuíu a espolear a imaxinación do escritor. Desa conxunción nace un conto que dedico ás mulleres maltratadas. Canto aos xornais, a penas incidiron nos argumentos. Si foron fundamentais no libro de Nacho Carretero

- O poder e a violencia, dispostos para a dominación, son o fío que une estas historias. O poder é maligno de seu ou quen son malignas son determinadas persoas, incluso antes de ter ou chegar ao poder?

-Dicía una amiga francesa que os Presidentes nunca son inocentes. O poder corrompe, e para chegar ao cimo do poder é preciso facer manobras de dubidosa moral. Cando era neno, eu tiña sona de santo. De adolescente, lin moito a Biblia... Cría que eran as institucións e as inxustizas as que pervertían os individuos... Xa non penso igual. A Inquisición cos xudeus, Calvino con Servet ou os xudeus da Sinagoga de Amsterdam que expulsan, execran e maldín a Spinoza son exemplos da ameaza que sofren sempre os disidentes, mesmo nas sociedades máis tolerantes. A comunidade e o individuo adoitan loitar cando non coinciden os intereses de ambos. Eu diría que as leis da comunidade poden ser terribles, pero tamén que o individuo precisa regras claras, límites que coarten o egoísmo. Quero dicir que as leis deben ser xustas e racionais, pero deben existir para evitar as tentacións dos egoístas, que poden chegar a condutas moi innobres e tiránicas. Como ve, xa non son rousseauniano.

- Cando se contan historias de foraxidos, delincuentes, etc., ás veces ocorre que o lector acaba con empatizar máis cos verdugos que coas vítimas (véxanse, no caso do cine, as tres partes de O Padriño) . Ocupouse (e preocupouse) Vde. que de isto non acontecera?

-Manteño a distancia cos personaxes; son os narradores os que se ocupan deles. Pero suceden cousas imprevisibles: o xuíz Borsellino era de ideas políticas contrarias ás miñas, pero hai algo heroico na súa actitude referida ao cumprimento do deber sabendo que o van matar. Non podo deixar de admiralo. No libro hai un xuíz que se inspira nel. Tamén sae o director dun colexio privado que se comporta coma un crápula; recordo que antes de escribir o libro me parecía un ser detestable, creo que agora xa non podo afirmar o mesmo? O humor provoca en min, ao recordar o último conto, unha sensación, como diría, de certa indulxencia.

- Que personaxes o fascinan máis a Vde dende o punto de vista literario: os que viven fóra da lei ou os "superheroes" (policías, detectives,avogados?) que arriscan as súas vidas en defensa da lei; é dicir e, ás veces, en nome do poder establecido?

-Para min as virtudes dos personaxes non dependen da súa moral nin do bando ao que defenden; a min interésanme pola súa complexidade, que teñan vida e, sobre todo, que sexan imprevisibles. Creo que o feito de estaren vivos e de que haxa misterio, como o protagonista de O estranxeiro de Camus, son as claves. Agora, claro, no conto a caracterización do personaxe vai entretecida coa trama e esta é breve; xa que logo non pode haber moita complexidade psicolóxica Agora, se me fala de O Padriño, da película, sexan bos ou inmorais, principais ou secundarios, os personaxes só podo descubrir o cranio porque me entra unha enorme alegría e un ansia inmensa de volver a Sicilia, malia que agora é territorio de moda para turistas.

- A todo isto, e xa para rematar, Vde. tamén exerce de crítico literario. Ata que punto aumenta isto a súa auto-esixencia á hora de escribir?

-Teño medo a facer o ridículo, para que negalo. Un pode analizar ben os libros alleos e non ter a distancia suficiente para ver os erros na propia obra. Por iso sempre lle pido aos amigos escritores que me dean a súa opinión sobre o que vou publicar. Nese sentido, teño que darlle as grazas a un antigo editor e aos tertulianos do Sanedrín de La Pecera, que sempre me botan unha man e me dan sabios consellos.

Compartir el artículo

stats