Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha aposta arriscada

Evocación, sutileza, literatura

Unha aposta arriscada

Vimos de ter o pracer de ler Un conto siciliano e outras historias, de Estro Montaña. Trátase de catorce relatos breves que non deixarán indiferente a ninguén. Aínda que ese non fose o propósito xenético do autor, así será irremediablemente. Pero aclaremos, para empezar, que, cando un le, e aínda máis tendo o propósito de logo comentar o libro dun amigo, un calafrío e unha inquedanza de incerteza fan difícil enfrontar a tarefa.

Coñecendo a traxectoria do autor, esperabamos del un gran produto. Adiantemos xa que así é; é máis, Un conto siciliano é un dos mellores libros de relatos que teño lido. É posible que a moitos lectores, acostumados a outras estruturas, outros desenvolvementos e outros finais, os embargue a incomodidade; mais iso é só o desbarate do inesperado e desacostumado. Se é así, aconséllolles a relectura, e o repensamento, e seguro que, despois de debullalos e asimilalos, chegará a comprender a súa enorme valía.

Non quero adiantar cousas que deba descubrir o lector da súa man, pero quero deixar unhas impresións para, tal vez, entender a obra, que supón, como dixemos, unha aposta arriscada, aínda que en realidade non se trate dunha aposta, porque, sinceramente, non parece que tal sexa a intención do autor, senón, simplemente, escribiu o que quixo, con independencia da recepción e acollida posibles.

O elemento común en todos eles é o poder e a victoria do mal e a miseria humanos, de forma implacable e despiadada. Sexa o vencementosimple do mal, como en "Deixádeos vivir" , sexa o das necesidades dunha miserable existencia, como en "O bipolar de Coia", ou, como nunha conxunción de todo, no conto que dá título ao libro.

Na maior parte dos casos os protagonistas non son os aparentes protagonistas, senón os personaxes que parecen secundarios, ou que non dan título á narración (o bipolar non é o verdadeiro protagonista, senón a vella), e ás veces o título non sabemos se é unha excusa para o conto ou, polo contrario, é simplemente unha escusa para titulalo (non sabemos se imaxinar o autor vendo unha casa singular da Ramallosa e daí darlle ao maxín para construír materia para unha película ou para unha serie, ou se pensar que, fabricada a materia, buscoulle unha casa para encadrala histórica e economicamente).

Penúltimo apunte. Ollo con que as árbores non deixen ver o bosque: a narración é abondo literaria e fermosa, evocadora e sutil.

Último apunte. O primeiro relato é unha obra mestra, e condensa todos os elementos que aparecen nos demais. Descúbrao vostede mesmo, fágase ese pracenteiro favor.

MONTAÑA, Estro, Un conto siciliano e outras historias, Ed. Xerais, Vigo, 2019, PVP. 17 ?

Compartir el artículo

stats