Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Do home á invención

Aproximación ao Xesús histórico

Antonio Piñero.

Pode parecer sorprendente que nunha nosa sociedade como a nosa, onde a relixión vai á baixa, aparezan simultaneamente dous estudos, espléndidos, sobre a figura histórica de Xesús. Máis sorprendente é que ambos dous traballos vaian pola segunda edición poucos meses despois de saír do prelo e, moito máis aínda, que os seus autores teñan relación coa Galiza. Pero é así. Fernando Bermejo Rubio, compostelán de berce, presenta La invención de Jesús de Nazaret (Siglo XXI) e Antonio Piñero, andaluz residente en Baiona, Aproximación al Jesús histórico (Trotta).

Fernando Bermejo analiza o proceso de construción da figura do Xesús dos evanxeos e o proceso de pasar da súa condición humana á dimensión divina. Desde a súa condición de historiador, sitúa as fontes, desmonta os argumentos dos mitistas (ou negacionistas do Xesús histórico) e establece o seu método de análise. Inmediatamente, aborda o contexto histórico da vida de Xesús co apoio dos textos neotestamentarios: o Gólgota, a crucifixión e a elusión do relato antirromano, o proxecto de restauración nacionalista, o arresto en Xetsemaní e mais a súas paixón e morte. Un conxunto de relatos que cientificamente resultarían inverosímiles pero que axudarían á creación dun Cristo sobrehumano.

Un proceso que iría da realidade histórica á ficción, recollida nos Evanxeos canónicos. Un paso que vai dun xudeu crucificado (por sedicioso) á divinización. Para Bermejo, tal cambio (de Xesús a Cristo) non foi inmediato e tivo diversos elos. A base foron a deshistorización e a desxudaización (salvador universal). A partir diso, os atributos: non violento, non apocalíptico, vítima inocente e voluntaria, nacemento virxinal, taumaturgo benfeitor, resurrección e deificación. A consolidación moderna, como paradigma moral, levou á secularización do mito e, de aí, á representación física: primeiro de maneira simbólica (peixe, crismón, cordeiro) e xa despois e de forma antropomórfica: como home novo (Orfeo) cos paleocristiáns e como home maduro (barba, cabeleira, á maneira de Asclepio), ata o paradigma contemporáneo da "cabeza de Cristo" de Sallman (1940). Un Xesús naturalista reivindicable mesmo polos ateos.

Pola súa parte, Antonio Piñero, especialista en filoloxía neotestamentaria, presenta un esquema inverso. Comeza tamén por desmontar os argumentos dos mitistas e decontado pasa a analizar polo miúdo os textos que axudaron a construír o relato vital e doutrinal de Xesús. Comeza por consideralos, especialmente os Evanxeos, parte da literatura grega e observa como puido ser a súa confección ata ás versións definitivas. Para iso, emprega as ferramentas da crítica literaria actual e do método histórico-crítico.

Pero Piñero considera que malia seren de expresión grega, os Evanxeos -malia que axudasen a formar a Igrexa coa mensaxe dos oprimidos, de raiceiras xudías- son un produto romano. Dalgún xeito, precisaban rachar co xudaísmo e asemade co paganismo. E é nesta traxectoria cando comezaron a incorporar os tópicos e lendas, e a Igrexa a establecer as fitas importantes como, por exemplo, establecer (Roma, 354 e.c.) que o 25 de decembro foi a data de nacemento de Xesús, collendo para si a simboloxía pagá do solsticio de inverno.

Piñero deixa ben claro que para abordar a figura do Xesús histórico cómpre usar ferramentas científicas (filoloxía, historia, crítica literaria), mentres que a figura de Cristo so pode ser explicada desde e por a teoloxía. E a partir de aquí, establece os elementos que foron conformando a chamada "vida secreta de Xesús", do Xesús histórico (Xesuah ben Xosef) e non do Xesucristo da fe. Desde o repaso das súas reaccións humanas (violentas incluso) ata a construción do seu perfil que fixo Paulo. Un perfil que non foi, precisamente, divinizado xa que, se se tratase dun deus, do novo Deus, non cumpriría recrealo cos Evanxeos. Un perfil que precisaría crear un Xesús heroe fronte ao Xesús histórico, un fracasado en suma (morto e sen doutrina). Unha dicotomía, a que presenta Paulo, entre o Xesús humano (xudeu) e Cristo (perpiaño da fe).

Evanxeos

  • En opinión de Piñero, o Novo Testamento é o libro máis importante da historia de Occidente e, posiblemente, do mundo. Pero dubida da súa condición de libro sagrado. Presenta un circo vicioso ante este asunto: trátase da palabra de Deus, como sostén a Igrexa, cuxo poder procede de Xesús, como resulta evidente no Novo Testamento? En calquera caso, a preferencia por uns Evanxeos ou outros á hora de establecer o canon, e a maneira en que foron compostos -desde follas voantes en arameo aos textos gregos- non dá veracidade para que sexan palabra revelada. Pero xa sabemos que os camiños de Deus son inescrutables. En calquera caso, o sorprendente é que a Igrexa católica aínda non estableceu unha versión definitiva a partir de criterios científicos: a Pontificia Comisión Bíblica segue condicionada pola dependencia teolóxica. Por contra, os luteranos, coas Sociedades Bíblicas Unidas, aceptaron de hai tempo a crítica e coa colaboración da universidade de Münster, estableceron un texto unificado no Novum Testamentum Græce, coñecido como "Nestle-Aland" (por Eberhard Nestle e Kurt Aland) que desde 1898 leva vinte e oito edicións. A máis recente (cítase como NA28) presenta unha versión diferente segundo sexa o aparato crítico ("Editio Critica Maior") e tamén en soporte dixital.

Compartir el artículo

stats