Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Entre a "peste emocional" e mais a patria

Traxedia e ledicia do fútbol

Jean-Marie Brohm.

O intento de xogar en Italia, a imitación do que acontece en Inglaterra, partidos no Nadal para levar o espírito festivo ao deporte, rematou en drama nos últimos días de 2018. Co gallo do partido Inter- Nápoles houbo unha batalla sanguenta entre seareiros, un morto vítima dun atropelo intencionado e episodios de racismo contra un xogador francés de orixe africana. Asemade, semanas antes tivera que ser suspendida a final da Copa Libertadores en Bos Aires. Trátase dunha casualidade ou dunha maldición cronificada neste deporte competitivo? Violencia asociada a certos países ou mal universal?

A "única relixión universal", en palabras de Steiner, vai gañando cada día máis adeptos, e a FIFA ten máis países asociados que a ONU. Jean Marie Brohm e Marc Perelman ofrecen no seu ensaio unha visión pesimista sobre a influencia deste deporte no consciente e no inconsciente colectivo. Empregan o sintagma "peste emocional", que xa usara Wilhem Reich para referirse á cloroformización dos espíritos e a colonización das condutas polo conformismo dun rabaño, situación que lembra o "home-masa" de Ortega, as teorías sobre a infantilización da sociedade actual ou o home hipermoderno que enche o seu baleiro espiritual con distraccións efémeras.

Os intelectuais manteñen actitudes pouco homoxéneas sobre o fútbol: Borges critícao por espertar as peores paixóns e porque lle resulta "esencialmente desagradable" a idea de que haxa un gañador e un perdedor. John Carlin recoñece a irracionalidade dos seareiros, pero di que é unha paixón que non se pode erradicar con argumentos filosóficos. Para Albert Camus, practicante e teórico entusiasta, "a patria é a selección nacional de fútbol". Pasolini era un namorado do fútbol -tamén practicante-; "Il calcio è un linguaggio con i suoi poeti e prosatori", afirma; o caneo e mais o gol son para o cineasta os momentos poéticos por excelencia desta sublinguaxe. Para algúns sociólogos españois, os triunfos da selección conforman unha oportunidade para sacudir o complexo de inferioridade de España fronte a outros estados menos antigos pero máis cohesionados.

Nas antípodas de Borges e da idea de peste emocional, seguindo o ronsel do etnólogo francés Christiam Bromberger, Maruxa Gestoso, autora dun traballo sobre o Celta de Vigo e a identidade, defende a racionalidade do fútbol, deporte que se caracterizaría por seguir os rituais típicos das sociedades modernas e que tería a virtude de crear unha identidade colectiva, moi necesaria nunha cidade como a viguesa. A.C. Lendoiro, quen deixou o Deportivo na ruína pero como presidente do equipo ten cobrado cifras astronómicas, adoita falar da felicidade que o Dépor lle trouxo á cidade de María Pita. O adestrador de deporte base Cholo Corbacho, licenciado en Dereito e alto funcionario da Xunta, defende o fútbol como unha actividade que propicia a mellora da condición deportiva e as boas relacións entre os seus practicantes, aínda que ve nel un chisco de emoción opiácea.

Porén, Brohm e Perelman, son contundentes: o fútbol vai unido aos peores comportamentos; adulado ad nauseum polos ideólogos postmodernos, serviría de catalizador da corrupción, do despilfarro, do nacionalismo, da violencia, o racismo e a insolidariedade, dunha dopaxe que alcanza a mitos como Zidane ou Guardiola. O fútbol sería o opio do pobo que todo o contamina e que substituíu en moitos casos a idea da política, da arte, da ética... por un embrutecemento que atenta contra a razón á que toda sociedade debe aspirar.

Practicar fútbol, malia todo, é unha actividade saudable, crea emocións e ilusións -algo que todo individuo precisa-, permite formar parte dun grupo, integrar a estranxeiros, entender as regras do traballo colectivo. Practicar fútbol non impide ser críticos cas malas prácticas que xera o deporte- espectáculo, co fanatismo, o servilismo respecto da multitude, a corrupción das estrelas que non pagan os impostos e as prácticas fascistoides que xorden nos estadios Que algúns pais se pelexen ou insulten ao árbitro dun partido infantil, que nos estadios haxa energúmenos que crean estrépito, non invalida a alegría, a solidariedade e o espírito festivo deses rapaces que cada semana liberan endorfinas dando patadas a un balón. Nin o deses antigos nenos da guerra que en África participan en partidos para esqueceren a violencia dun pasado traumático.

Sexamos practicantes ou espectadores, no fútbol, como na guerra, xorde o mellor e o peor de cada individuo. Ben está ser críticos, pero non é preciso levar lenties negras as vinte e catro horas de cada día. Porque no fútbol tamén hai soños nobres e roseiras de ledicia.

Liberación ou pesadelo

  • Cando se publicou en Francia O fútbol, unha peste emocional, de Jean-Marie Brohm e Marc Perelman xurdiu unha gran controversia. A súa visión era propia dunha novela negra: corrupción, uso político, violencia, xenofobia, machismo, escándalos económicos.... son para eles ingredientes indisociables deste deporte. Posturas máis positivas terían autores como Eduardo Galeano, o etnólogo Christiam Bromberger, os xa referidos Cholo Corbacho e Maruxa Gestoso. No nacionalismo galego compre suliñar que Castelao axudou a fundar o Eiriña (Pontevedra) en 1922; Alexandre Bóveda foi xogador; Manolo Bragado comenta semanalmente os partidos do Celta e Alfonso Eiré foi porteiro do Rayo Vallecano e agora é un seareiro apaixonado que escribiu críticamente a novela O penalti de Fuco e mais o ensaio O fútbol en Galicia.

Compartir el artículo

stats