Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cabodano e fotografía

Unha mostra en Afundación

Unha das pezas expostas na mostra da Sala de exposicións do Teatro Afundación (Vigo). // ANA SOLER

O Centro de Estudos Fotográficos presenta Cabodano do traballo editorial no Centro de Estudos Fotográficos, un proxecto concibido co propósito de rematar a grande angueira editorial realizada polo CEF até o ano 2016, un percorrido de 30 anos de historia durante o que editaron 44 libros. A mostra supón un punto final a unha actividade mais non un abandono definitivo pois aínda continúa o centro dedicado ao comisariado de mostras e á investigación no mundo da fotografía.

Fiel á súa concepción do ámbito expositivo, o traballo de Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez Canal afástase nesta exposición recompilatoria dos tópicos conmemorativos e opta pola realización dun proxecto específico para o espazo de Afundación en Vigo que xira ao redor da historia editorial e expositiva do mesmo CEF, documentando de xeito singular a traxectoria desenvolvida e convidando a tres creadores: Ana Soler, Fran Herbello e Joan Fontcuberta a realizaren pezas inspiradas nas publicacións do Centro de Estudos Fotográficos.

Por unha banda, a mostra organízase como unha grande instalación panorámica a partir dos libros e catálogos editados como CEF, estreitamente conectados coas exposicóns realizadas, desde a Fotobienal viguesa até proxectos históricos e de novos cradores máis recentes.

Cómpre salientar que o labor realizado por Xosé Luís Suárez Canal e Manuel Sendón, como comisarios, responsábeis, editores e dinamizadores destes proxectos, fixo posíbel que Vigo se situase nos circuitos internacionais nun momento de grandes mudanzas no medio fotográfico, un proceso que tivo como resultado que en dúas décadas o papel da fotografía adquirise unha relevancia e consideración que até daquela non lle era concedida, especialmente en medios máis desinformados, como era o caso do noso país.

Centrándonos nas pezas concibidas para a mostra, as creacións teñen todas unha directa relación co conmemorativo, ao tempo que se ligan ao dó e abren a incógnita cara ao futuro. A instalación de Ana Soler para Cabodano do traballo editorial no Centro de Estudos Fotográficos leva por título A voz da túa alma, e consta dun grande cadaleito aberto, con libros de fotografía dentro, sobre o que penduran, en finos móbiles, centos de páxinas das obras editadas. É unha peza marcadamente alegórica, con esa evidente dualidade (corpo/alma; presente/futuro) que evoca a desaparición do proxecto mais tamén se abre a unha vontade de renacer, facendo partícipe ao público da obra ao permitir que leve un libro do ataude, un fragmento da memoria visual que o proxecto representou.

Se o ambiente xeral da mostra é o que impón o traballo de Ana Soler, dúas das "capelas" do espazo expositivo de Afundación amosan os traballos, moi diferenciados, de Fran Herbello e Joan Fontcuberta. O fotógrafo galego Fran Herbello coa serie E agora que... reflexiona tamén sobre o final, dándolle variadas utilidades aos libros do CEF, facendo o corpo partícipe da estratexia de aproximación aos libros, moi na liña de traballos do autor, como Mal de corpo -publicado en 2005 polo CEF-, que converte o corpo en suxeito cultural no plano individual e colectivo. Pola súa banda, Joan Fontcuberta propón un diálogo entre a produción editorial do CEF e a primeira fotografía de libros, un calotipo de Fox Talbot -un dos inventores da fotografía- incluído á súa vez no primeiro libro de fotografía. Como nunha parte significativa do seu labor, o fotógrafo catalán crea unha representación que xoga coa retórica expositiva, nesta ocasión como homenaxe ao CEF, mais con fórmulas análogas ás que o levaron a falsificar documentos históricos ou científicos, un xeito paródico de penetrar nos procesos culturais, baseados na suposta "verdade".

A mostra complétase co "Panel de vida", en que os comisarios amosan documentos antigos, cadernos e fotografías que forman parte da historia do CEF.

Título: Cabodano do traballo editorial no Centro de Estudos Fotográficos

Lugar: Sala de exposicións Teatro Afundación, Vigo

Produción: Centro de Estudos Fotográficos e Afundación

Comisariado: Manuel Senón e Xosé Luís Suárez Canal

Até o 6 de abril

O futuro da fotografía en Vigo

  • Mais a exposición ten unha segunda lectura, que os comisarios bosquexan no seu texto de presentación cando falan de que "finaliza a actividade editorial, mais non a difusión da fotografía co comisariado de exposicións". Falamos do problema do futuro do espallamento da fotografía na cidade de Vigo, e por extensión en Galiza. Porque se a dinamización dos anos oitenta e noventa -prolongada con dificultades na pasada década- foi debida a un labor decidido, en que os comisarios da mostra tiveron un protagonismo importante, tamén contou co apoio desde o ámbito municipal, decisivo para facer reais os proxectos. A incógnita, no problemático momento que vivimos, é o futuro, e aí as institucións deberán actuar. Exposicións como Cabodano, como o título tamén sinala, é un recordatorio e debe ser alicerce para futuras iniciativas. Velaí un reto para as administracións con responsabilidade no ámbito cultural e nomeadamente para o noso Concello.

Compartir el artículo

stats