Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

The Lego Movie 2

De como a coella branca se apoderou do tobo

Cartel de The Lego Movie 2: The Second Part (2019).

Se vivísemos nos tempos de Hidacio (Xinzo de Limia, ca. 395-despois de 468) seguramente xogaríamos a ser suevos montando sobre veloces corceis que nos levarían polos bosques e campos da Gallaecia, tirando lanzas e saqueando aldeas. Actualmente, fantasiar con épocas e lugares tan remotos supón unha actividade vetada ás limitadas (de tanto consultar a Wikipedia) mentes dos adultos. Tan só os cativos son quen de facelo. Un par de pezas de Lego, outras tantas de Duplo e tres pedriñas chegan para lle outorgar o título de rei Hemerico ao capuchón azul do boli.

Observar o mundo a través da mirada curiosa dun neno permítenos chegar a territorios imposíbeis onde os coellos brancos din que chegan tarde, onde hai illas flotantes que levan o nome de País de Nuncaxamais ou onde os invasores Duplo transforman as megacidades en desertos distópicos. "O baixiño", dicía Jan Švankmajer, "está sempre moi perto do supremo; o máxico, do surracional".

A historia de The Lego Movie 2: The Second Part (2019, Mike Mitchell) comeza inmediatamente despois da escena final da primeira entrega, The Lego Movie (2014, Phil Lord and Christopher Miller); xusto cando Bianca (Brooklyn Prince), a irmá de Finn (Jadon Sand), se pon a xogar cos seus bloques Duplo para tentar invadir Bricksburg. En realidade, a pequena Bianca leva xa algún tempo colléndolle as pezas de Lego do seu irmán sen que este o saiba. O mundo utópico creado pola imaxinación de Finn na anterior entrega é agora un ermo postapocalíptico que simboliza, por unha banda, o enfado de Finn por ter que compartir o que por dereito proprio lle pertence e, por outra, o seu desconcerto ante as mudanzas típicas dun rapaz a piques de deixar de selo.

Con todo, a incorporación de novas texturas no filme, por parte do equipo de animación, xurdiu logo dun minucioso traballo de investigación sobre os modos de xogar das nenas. O resultado foi que, en xeral, elas prefiren mesturar elementos imposíbeis (para lograr combinacións orixinais e divertidas) tales como botóns abandonados polo seu gabán, pequenos anacos de tea, tapóns amarelos, un rubí de plástico ou calquera outra peza esquecida.

Entre as novidades argumentais que a inclusión dun segundo narrador ofrece están a creación de personaxes como o xeneral Sweet Mayhem (Stephanie Beatriz) ou a raíña Wateva Wanabi (Tiffany Haddish), inimigos desde xa da entrañábel parella protagonista formada por Emmet Brickowski (Chirs Pratt) -o mestre construtor que na primeira parte lograra liberar ao mundo do malvado Presidente Business- e Lucy Wildstyle (Elisabeth Banks)- a súa namorada.

Nos aspectos formais, cabe salientar o sofisticado traballo de VFX (efectos visuais realizados na postprodución) e a cuidadísima realización dos in-betweenings entre imaxes para crear esa aparencia de levidade cando nos adentramos polos buracos negros do universo. Algo parecido ao que sucede no libro de Ignacio Vleming, Fisura, onde o seu protagonista se introduce nas profundezas de todo o construído como se fose unha selva virxe, imaxinando escondites colgantes, refuxios nucleares, cines clandestinos ou cidades subterráneas.

Acompañar os nosos fillos ao cinema é unha boa excusa para preguntarnos cando foi que perdemos a nosa capacidade de soñar ou por que nos dá tanto medo xogar e tentar que o mundo sexa un lugar máis divertido, menos soporífero. E xa postos, tampouco estaría de máis considerar por que a día de hoxe ten que aparecer unha nena chamada Bianca para lle dicir ao seu irmán, ao seu pai e a todos os espectadores que está en pé de guerra contra o coello branco, o Correcamiños, Bambi, o pato Lucas, Peter Pan, Simbad e, sobre todo, Porky, por non deixar a Petunia dicir: "Th-th-that´s all girls!".

Ninguén me atrapará

  • Na obra de teatro Peter e Wendy (1904, J.M. Barrie), un neno máxico que se nega a crecer convida a outros tres (Wendy, John e Michael) a acompañalo até a illa de Nuncaxamais para lles mostrar que as verdadeiras aventuras non poden ter lugar no ámbito do fogar e da familia. Pouco importa se o discurso dos seres queridos "adultos" é máis ou menos amábel, o seu obxectivo é sempre o mesmo: dinamitar calquera posibilidade de transgredir o correctamente establecido nun mundo onde non hai lugar para os crocodilos, os piratas e as sereas, entre outros.A declaración do ácrata Pan: "Miña señora, ninguén vai poder atraparme e facer de min un home. Penso ser para sempre un neno e divertirme" deixa claro que os cativos xa non queren seguir sendo uns produtos dos seus pais. Porque transgredir pode converterse nunha aventura maravillosa, como o demostran os traballos de animación dos directores Karel Zeman, Tex Avery, Jan Švankmajer ou Aleksandr Putshko, cuxos filmes, considerados nestes momentos verdadeiras xoias da historia do cinema, lograron facer que este mundo fose un lugar ancho e imprevisíbel e non estreito e inservíbel.Soamente hai dúas historias que contar, a do neno que parte a Nuncaxamáis e a do que decide ficar na casa. Das dúas, a que máis deleite produce é, sen dubida, a primeira.

Compartir el artículo

stats