Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Joaquim Ventura: "Risco tiña unha actitude distinta cando escribía no xornal Euzkadi"

Joaquim Ventura. // FOTO: Conchi pardilla

- Que circunstancias propiciaron estas colaboracións de Vicente Risco no xornal Euzkadi ?

-A razón concreta non a sabemos, pero podemos sospeitar as circunstancias. Risco viaxou a Alemaña cunha bolsa de estudos en 1930. No traxecto en tren tivo que facer parada obrigada en Hendaia. Alí exercía de cónsul o ourensán Luís Temes, que fixo de cicerone para Risco nos días que estivo en terras vascas. Coñecidas as conviccións democráticas de Temes (foi fiel á República despois de 1936), cabe sospeitar que actuou tamén como enlace entre Risco e os nacionalistas vascos. Fose nesa estadía ou fose antes, penso que non podemos afastar tal circunstancia do comezo dos artigos de Risco no xornal Euzkadi.

- No seu texto de presentación, escribe Vde. que estes artigosos escribiu Risco por iniciativa persoal e non orgánica de relación do nacionalismo galego co vasco. Nalgún momento deixou patente Risco que o seu modelo de partido nacionalista semellaba máis ao PNV de Sabino Arana que ao propio Partido Galeguista?

-Cando Risco encetou as súas colaboracións en Euzkadi en 1930, a situación do galeguismo verbo do nacionalismo vasco era dunha enorme diferencia. Malia que daquela o PNV saía da suspensión decretada pola ditadura de Primo de Rivera, seguía a ter latente as súas estruturas orgánicas e de prensa. Sen embargo, e malia as eventuais coincidencias de pensamento entre Risco e Arana, para o ourensán a acción prioritaria do galeguismo tiña que ser cultural e ruralista (lingua, folclore, costumes) en oposición ás cidades. En troques, os jeltzales tiñan conexións cunha parte da burguesía bilbaína, emerxida en parte a partir dos señores rurais, os jauntxos. Doutra banda, cando se fundou o Partido Galeguista a finais de 1931, Risco comezou a entender que aquela organización xa non podía ser a súa no futuro, e ano e medio máis tarde, renunciou cando escribiu Nós, os inadaptados. En calquera caso, e respondendo á pregunta concreta, un partido como o PNV (e incluamos nel as súas escisións) e o mundo que tiña arredor ( batzokis, prensa, organización sindical, organización feminina) resultaría un aparato excesivo para a visión que Risco tiña da política (lembremos a defensa dunha "sindicación masónica" que lle confesaba en carta a Losada Diéguez).

- Tiña Risco algunha relación estreita con dirixentes do PNV?

-Non hai ningún indicio que nos leve a considerar, nin como simple especulación, unha relación entre Risco e membros do PNV. Tampouco a houbo nunca entre os nacionalistas vascos e as Irmandades da Fala e proba diso é que A Nosa Terra nunca deu noticias de Euskadi. En consecuencia, non houbo feedback entre Bilbao e Ourense. Risco tivo noticias de publicacións vascas e así apareceron en Nós citas de revistas como Hermes (non nacionalista e moi prestixiosa) e boletíns de entidades culturais. Pero ben pouco máis. Con todo, cabe a posibilidade que Risco conservase algún contacto de cando en 1923 se asinou a Triple Alianza entre nacionalistas galegos, vascos e cataláns.

- Pódese atopar algún achado ideolóxico de Risco, ata o de agora descoñecido, nestes artigos ou todos eles se corresponden co que xa se sabe súa actuación política entre 1930 e 1936?

-Paradoxalmente, o que resulta máis interesante destas colaboracións é que Risco apenas amosa indicios da súa particular teoría nacionalista, que eu chamei hai anos "nacionalismo kármico". Risco, que era moi intelixente, sabía que cos nacionalistas vascos (que tiñan con eles dalgún xeito a influencia xesuítica da universidade de Deusto) non valían as coñas teosofistas que el aplicara ao seu particular galeguismo (celtismo esotérico, a procura do Grial, etc.). Cara aos lectores de Euzkadi tiña que amosar unha seriedade interpretativa da realidade política e cultural non só de Galiza senón tamén en relación a España, especialmente a partir da proclamación da Segunda República. Eses artigos eran a primeira manifestación continuada do galeguismo fóra da Galiza e cumpría coidar a súa presentación.

- Por que até esta peculiar parte da obra xornalística de Risco foi practicamente descoñecida en Galicia incluso naquela época?

-Xa dixen que por parte do galeguismo político (as Irmandades da Fala, A Nosa Terra) había unha actitude de ignorancia (non sei se voluntaria ou forzada) cara a canto sucedía no País Vasco no terreo político. A revista Nós non era o lugar para iso e quedaba limitada ás informacións culturais, escasas en canto ás terras vascas. Pero en tanto en canto a iniciativa de Risco era individual, non tiña eco posterior en Galiza. Despois da Guerra Civil, obviamente Risco non tivo interese ningún en dar publicidade a tales colaboracións. Durante a ditadura franquista o acceso ás poucas coleccións conservadas do xornal Euzkadi era complicado. Todo iso tivo como consecuencia ignorar (quen ía sospeitalo?) as colaboracións de Risco no xornal do PNV.

- Ao tratar da política galega, e sobre todo das cuestión máis delicadas, nótase que Risco quizais escribise, aínda que fose inconscientemente, con maior liberdade en Euzkadi que nos propios xornais e revistas galegas?

-Ao fío do que dixen antes, a actitude de Risco á hora de escribir en Euzkadi era distinta á que tiña cando o facía en Galiza. Non sei se con máis liberdade (malia ese corpiño de corrección á que o condicionaba o público lector vasco) pero, polo menos, sospeito, ceibe de ter que soster, pasados os anos, unha doutrina nacionalista de base esotérica e elitista.

- Un dos artigos titúlase "Galicia e o problema relixioso". Nel afirma que en Galicia non existe tal problema porque "todos os galegos somos católicos". Até que punto a relixión foi determinante á hora de fundar Dereita Galeguista?

-Esta frase de Risco era, cabería dicir, unha tautoloxía. Non só Galiza era enteiramente (ou case) católica; España, tamén. Pero coa chegada da Segunda República, o conflito non era entre relixións ou entre doutrinas relixiosas senón entre sociedade confesional e sociedade laica. E nese senso, as propostas e actuacións das forzas republicanas laicistas provocou unha reacción por parte da xerarquía católica. Obviamente, iso tivo que ver coa fundación de Dereita Galeguista, non hai dúbida. Pero tamén influíu que as forzas confesionais (nomeadamente os sectores articulados arredor de Gil Robles) eran profundamente antigaleguistas. Pero se comparamos as publicacións nacionalistas galegas e vascas, atopamos outro paradoxo: mentres en Euzkadi era habitual atopar informacións relixiosas (horarios de misas, de rezos do rosario, etc.), tanto Nós como A Nosa Terra eran revistas laicas, de feito, sen apenas espazos dedicados á relixión ou ao culto.

Compartir el artículo

stats